Fin dunha era

 Todo ten un final, nos guste ou non e a 'Era Yago Iglesias' no Compos non é para menos. Despois de cinco grandísimos anos, o adestrador de Ribeira deixa a Esedé para seguir medrando na súa carreira profesional apuntando ao máis alto do fútbol. Un técnico que non só foi quen de devolver ao equipo á Segunda división B senón que, ademais, fixo o máis difícil: devolver a ilusión a Santiago formando equipos con xente da capital e arredores. 

 Procedente do Noia, co que descendería a Preferente, chegaba a San Lázaro en 2016 logo do descenso do Compos á Terceira. Chegou con Saro e Samu da man e formou un gran equipo que conseguiu acabar na zona media da clasificación, sen chegar a acadar a fase de ascenso pero deixando mostras do que sería o seu estilo nos seguintes anos. 

 Na segunda tempada, os reforzos darían un salto de calidade. A chegada de xente como Alex Ares, Primo ou Álvaro Casas serían máis que suficientes para aumentar a ilusión nunha cidade que vería ao Compos de novo campión en Terceira. Non obstante, a sorte non estivo cos nosos nos sorteos e caerían contra o Espanyol B na fase de campións e fronte ao Salmantino no Vero Boquete na segunda final, logo dunha remontada para a historia fronte ao Terrassa. Nesa derradeira cita habería máis de sete mil persoas nas bancadas tentando levar ao equipo onde merecía. 

 Terceiro curso e chegarían Brais Abelenda, Josiño, Miki e Aythami para marcar as diferenzas. Un grandísimo equipo que mantiña o bloque do ano anterior aumentando máis o nivel para unha tempada na que habería que desputar o primeiro posto con Racing de Ferrol e Bergantiños. Un ano no que se superaría, despois de moito tempo, unha fase da Copa do Rei e no que volvería chegar a caída na fase de ascenso diante doutro filial, neste caso o do Alavés. 

 O bloque dos neniños manteríase para o cuarto curso e aumentaría coas chegadas de Hugo Sanmartín, Antas, Baleato, Gabri Palmás, Soto e os regresos de Jimmy, Pato, Bicho e Primo. Sería o ano. Un fútbol que namoraría a todos sendo un exemplo de espectáculo e efectividade freado, por desgraza, por unha pandemia mundial que obrigou a xogar unha fase de ascenso express en Balaídos na cal, por fin, chegaría o tan merecido ascenso. 

 E se o último ano na Terceira foi para recordar, non foi para menos a estrea dos 'Neniños' na Segunda B. Un fútbol vistoso, sen medo a ninguén, nunha das tempadas máis complicadas e con mellores equipos en moito tempo. Un curso que non comezaría do mellor xeito, cunha derrota en Salamanca, pero que deixaría grandes mostras do que viría na visita do Deportivo a Santiago. Polo camiño quedarían as vitorias en Barreiro, Riazor e Pasarón facendo un fútbol que abriría moitas portas tanto aos xogadores como ao adestrador. Unha permanencia máis que merecida na última etapa dunha fermosa historia. 

 Yago deixa o Compos despois de cinco anos marabillosos. Cinco anos nos que sempre demostrou ser un grandísimo profesional e mellor persoa. Un traballador do fútbol como poucos quedan e cun futuro cheo de éxitos no máis alto do fútbol ao que só se lle poden dar as grazas. Grazas por cinco anos á fronte do clube. Grazas por devolver a ilusión a unha cidade. Grazas por facer do Compos un referente a nivel de fútbol. Grazas, grazas e GRAZAS. 

 Os seus números.

 Dende a chegada en 2016, Yago non só acadou un ascenso de categoría. Ata en dúas ocasións faría ao equipo campión de Liga sendo o único capaz de conseguilo en categorías nacionais. O terceiro adestrador con máis partidos na historia do clube, un total de 180 acabando cun total de 93 triunfos, 44 empates e 43 derrotas. Uns números que só se poden superar con outras cousas difíciles de escribir nestes momentos e que sobrepasan o feito no terreo de xogo polos nosos 'Neniños'. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario