Non podía ser doutra forma

 Rematou a tempada. A Segunda división B chegou ao seu final. Tempada para o recordo dun Compos que chegaba de namorar co seu fútbol na Terceira división para facelo aínda máis na categoría de bronce. Un bloque, unha familia, uns 'neniños' que se deixaron todo e máis dentro do campo conseguindo sen grandes problemas a permanencia para pelexar na nova Segunda RFEF. 

 Un Compos que comezou con dúbidas, perdendo en Salamanca, e que volveu a dar a súa mellor versión unha semana máis tarde contra o Deportivo no Vero Boquete, conseguindo un empate importante. Tamén saiu un punto dirección a Santiago directo dende Vigo mentres que o primeiro triunfo chegaría fronte ao Guijuelo, merecendo máis nas dúas citas anteriores. E volverían os empates contra Racing de Ferrol e Pontevedra, malia contar con posibilidades de sacar outros catro puntos máis, para gañar a domicilio, por primeira vez, en Barreiro. Zamora e Unionistas pasarían pola capital galega para marchar con dous puntos e sen goles mentres que a segunda visita a terras salmantinas deixaría a maior derrota dos nosos na primeira fase, nun partido marcado polo estado do terreo de xogo. Un campo, o de Riazor, en óptimas condicións para o fútbol branquiazul conseguindo o segundo triunfo lonxe de Santiago e que se encadearía co asinado fronte ao Coruxo nun partido difícil para sumar outros dous empates en Guijuelo e contra Racing antes de gañar en Pasarón sumando a derradeira vitoria do curso, vital para un obxectivo que non se podería confirmar contra o Celta B na casa pero si en Zamora cun empate que tamén sacaría o Salamanca CF de Santiago. 

 Na segunda fase, xa sen presión, chegarían dúas derrotas contra o Numancia e os empates contra Marino e Langreo sumando unha nova caída contra os de Luanco en Santiago xa sen nada polo que pelexar. Unha segunda fase que contou, sobre todo, con dubidosas accións arbitrais en contra dos nosos e que nesta despedida non foi menos sendo o protagonista Borja Rey e non o colexiado. 

 Borja Rey, MVP. 

 En Langreo, seguindo o guión do partido da pasada fin de semana, o Compos saiu relaxado, sen presión e cun fútbol sen gran intensidade, aparecendo no once titular os menos habituais. Entre eles, baixo paus, estaría Borja Rey. O gardameta de Padrón debutou seis días atrás e no Nuevo Ganzábal deixaría unha actuación de moito mérito salvando ao equipo durante o primeiro tempo. 

 Sen gran tensión sobre o verde, o Langreo buscaría mandar no primeiro tempo. Tentando ter o balón, os asturianos terían as mellores oportunidades petando nunha gran defensa formada por Sergio Pereira, Soto, Matías Vesprini e Guille Torres, amosando unha das súas mellores versións. Detrás deses catro, Borja Rey. O de Padrón demostraría o seu gran nivel con dúas mans salvadoras en dez minutos e, no engadido, pararía un penalti con outra gran man. 

 No segundo tempo melloraría o Compos. As ocasións, escasas, foron mellores sobre a portería de Dennis. Jimmy, Baleato e Vesprini, pouco habituais no ataque, acompañaron a Primo no capítulo das mellores oportunidades do segundo tempo mais sen incomodar ao gardameta local. Ademais, terían minutos Roque e Yago malia non poder ser importantes. 

 Un empate sen goles, segundo resultado máis repetido ao longo da tempada, para poñer punto e final a un curso do que só sacar cousas positivas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario