Aínda sen rematar a primeira volta, comezamos a segunda. Unha estrea de ano un tanto tardía e recibindo, ademais, ao campión de inverno e que quere ser o único equipo da categoría contra o que os nosos non saquen puntos logo de facelo fronte a todos agás Unionistas, única derrota no que vai de curso, e Salamanca, contra o que haberá que pechar a primeira volta o vindeiro mércores nunha semana moi dura con tres partidos en oito días e sendo, dous deles, contra os dous equipos que mandan no subgrupo.
O campión popular.
Unionistas, ese equipo formado por afeccionados da Unión Deportiva Salamanca con accionariado popular, non só leva con orgullo esa etiqueta polos campos españois senón que, ademais, faino coa mellor tempada da súa curta historia. Un equipo que comezou a andar en 2013 dende a segunda categoría do fútbol castelán-leonés e agora pelexa por debutar no fútbol profesional español no que tan boas tardes tivo o cadro ao que homenaxean.
Tan ben o está a facer o conxunto salmantino que pecharon a primeira volta da derradeira Segunda B da historia con 20 puntos, sendo o terceiro mellor equipo de toda a categoría e superando a equipos coma o Deportivo ou o Pontevedra de Charles e Rufo. Serían eses dous, ademais de Celta B, os únicos equipos contra os que non conseguirían sumar de tres caendo no Reina Sofía fronte aos branquiazuis e empatando contra os outros dous nunha xeira negativa á que non tardaron en darlle a volta chegando ata aquí con cinco triunfos consecutivos e outras tantas xornadas sen recibir un so gol.
Un equipo moi forte en defensa, que só encaixou 3 goles no que vai de tempada, sendo o mellor a nivel defensivo. Como dato a ter en conta neste sentido, sempre que encaixaron un gol, non gañaron. Por outro lado, non se trata dun equipo cun gran acerto de cara a portería logo de facer 11 goles quedando só sen ver porta na derrota pola mínima contra o Deportivo.
A nivel individual, malia non estar a ter a súa mellor tempada con só un gol na súa conta, hai que destacar a Aythami. O dianteiro canario é un perigo constante no conxunto branquinegro e volverá á que foi a súa casa durante un curso deixando uns números moi bos malia non conseguir o resultado desexado.
Contra Filomena.
A pasada fin de semana, para a que estaba marcada a primeira xornada deste novo ano, chegou cun problema engadido. Por se o virus non fora suficiente, Filomena fixo acto de presenza en diferentes puntos da península deixando moita neve e grandes problemas en canto ao transporte. Ditos problemas afectaron ao fútbol tendo que suspenderse varios partidos nos que participarían equipos, en gran medida, de Castela e León e Madrid. Nese caso atopamos ao Compos e a Unionistas, con finais moi diferentes.
O Compos tería que xogar en Salamanca, no Helmántico, na tarde do domingo. Ao longo da mañá do sábado, os dous clubes chegaron ao acordo de suspender o partido e evitar que o noso equipo viaxara ata alá vendo, ademais, o estado no que se atopaba o verde do campo, totalmente nevado e cheo de xeo, complicando o bo espectáculo. Un partido que se acabará xogando o vindeiro mércores.
Pola súa parte, a cita do Unionistas na Malata non se suspendeu. O equipo visitante, nun acto aínda sen aclarar, anunciou a suspensión do partido informados, supostamente, pola súa federación territorial na tarde do sábado. No mesmo día, pola noite, tanto o conxunto verde como a Federación Galega anunciarían que non tiñan ningunha información por parte da RFEF ao respecto obrigando a Unionistas a viaxar na mañá do domingo e chegando xustos para un partido que, con media hora de retraso, xogouse sen problemas en Ferrol. Sobre o céspede, o conxunto salmantino levaría os tres puntos grazas a un golazo do galego Alex Rey.
Só un precedente.
Compos e Unionistas só se enfrontaron unha vez e foi neste mesmo curso, na primeira volta. Un partido co que os nosos abrían unha nova tempada, a primeira na 'nova normalidade', e que servía para inaugurar en partido oficial o Reina Sofía na derradeira tempada da historia desta categoría tal e como a coñecemos.
Unha única cita, sendo nesta fin de semana a primeira vez na que Unionistas visita o Vero Boquete, na que os nosos non tiveron unha boa tarde. Un arrinque no que Primo anotou un gol en fóra de xogo e unha baixada na intensidade desaparecendo por completo no segundo tempo fronte a un equipo que, malia gañar cun resultado cómodo, tampouco deixou mostras de gran superioridade sobre o campo sintético.
Si hai que falar das visitas do seu predecesor, a UD Salamanca, a Santa Isabel e San Lázaro. Serían un total de 6 ao longo da historia e, ao igual que no Helmántico, os resultados están bastante igualados. Os nosos gañaron en 2 ocasión, ambas as dúas no estadio, mentres que o Salamanca levaría a vitoria na única cita xogada en Santa Isabel. Nas 3 ocasións restantes, empates.
Primeira cita de tres.
Cos horarios confirmados, xa podemos falar de tres citas para a vindeira semana, moi importante para os plans do Compos. E é que, comezando con este partido do sábado, o seguinte será fronte ao Salamanca CF UDS no Helmántico, nunha cita aínda máis importante o mércores pola tarde, pechando a primeira volta coa posibilidade de acabar entre os cinco primeiros, ou catro se o Pontevedra non é quen de gañar ao Guijuelo no seu partido adiado.
Pola súa parte, a segunda volta seguirá o seu curso coa visita dos nosos a Riazor o vindeiro domingo ás 17 horas no partido máis esperado do ano e no que, coas novas medidas, apunta a non haber afeccionados ou, como máximo, un grupo reducido de socios deportivistas deixando sen opcións de asistir á afección da Esedé.
Enfermaría (case) baleira.
Se para a pasada fin de semana era dúbida Álvaro Casas, para esta xornada xa estaría dispoñible adestrando co resto do grupo ao longo da semana. O central era, xunto a Joel, a única baixa de cara á pasada fin de semana baleirando así a enfermaría, na que só figura o central cedido polo Racing de Ferrol.
Volven as restriccións.
A comezos de ano, o Compos, con intención de evitar a acumulación de xente nas oficinas do estadio, iniciou a retirada de entradas para os aboados que quixeran asistir ao partido contra Unionistas. Mil eran, unha vez máis, as dispoñibles. Non obstante, logo de empeorar a situación en Galiza e aumentar as restriccións, dita retirada quedou suspendida na tarde de onte. Con isto, poderán acceder á Tribuna os aboados que si retiraron a súa entrada antes e que residan no Concello de Santiago.
O partido será o sábado ás 16:30h e poderá verse a través da segunda canle da TVG, escoitarse en 'Esedé Radio' e seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario