Imos de Copa

 O Compos volve á Copa do Rei dous anos despois. Cun formato diferente, con máis equipos na pelexa e maiores oportunidades para os equipos máis pequenos. Non obstante, e para non variar, a sorte volve estar contra os nosos tendo que xogar a domicilio esta primeira rolda e contra o, actualmente, mellor equipo da Segunda división B. Unha Unión Deportiva Ibiza que segue sen perder ningún partido no que vai de liga, cun gran nivel e aspiracións de ascender á Segunda división, obxectivo polo que loitaron o pasado curso quedando en semifinais. 

 O equipo máis forte?

 A UD Ibiza chega a esta cita despois de 8 xornadas sen perder. Un equipo cun poder ofensivo ao alcance de moi poucos e inmellorables defensivamente. De feito, trátase do mellor equipo defensivamente da categoría, con só 1 gol en contra, así como un dos mellores de cara a porta, con 12 tantos anotados nos seis primeiros xogos, empatando a cero as dúas últimas citas.

 O equipo celeste comezou a tempada a un ritmo inmellorable. Seis triunfos consecutivos, con só un gol en contra, e sen grandes problemas para superar aos seus rivais. Sería nas dúas últimas citas, ambas as dúas a domicilio, onde deixarían ese bo camiño con dous empates sen goles mantendo, aínda así, o primeiro posto e asegurando o campionato de inverno, con cinco puntos máis que o Hércules.

 En canto aos partidos en Can Misses, os ibicencos non é só que sumaran de tres en todos os seus partidos como locais, senón que, ademais, non perden dende xaneiro, sendo esta última derrota tamén na Copa do Rei contra un rival doutra categoría. 

 Un equipo cunha media de idade baixa, feito co único obxectivo de ascender á Segunda división e con grandes xogadores entre os que está a destacar, a base de goles, Davo, con 4 goles no que vai de liga. A parte, en defensa contan co central canteirán do Celta David Goldar, futbolista que xa sabe ben o que é defender contra os nosos. 

 O que nos gusta o Mediterráneo! 

 Os sorteos e o Mediterráneo semellan ir da man na historia recente do Compos. Por se non fora suficiente aquela fase de ascenso a Segunda, a última da nosa historia, contra os filiais de Valencia e Barcelona, ademais de Mérida; o equipo tivo que visitar lugares como Barcelona, Terrasa ou Lleida grazas aos últimos sorteos entre fase de ascenso e Copa do Rei. Pois ben, nesta ocasión haberá que ir máis alá, ata Ibiza, para xogar nas Baleares por primeira vez en máis de vinte anos. 

 Ata en catro ocasións tivo que viaxar o Compos a terras baleares para xogar. Catro visitas ao arquipélago das que pouco ou nada positivo puido traer de volta. Todo derrotas contra dous rivais que, co paso dos anos, non acabaron tendo a mesma sorte. E, xa avisamos, esta será a segunda visita do Compos á illa de Ibiza. 

 Ano 1976. O equipo branquiazul xogaba por cuarta vez a Copa do Rei e buscaría, por terceira vez, superar a primeira eliminatoria. O sorteo deparaba que o equipo tería que viaxar a terras ibicencas para enfrontarse ao SD Ibiza, equipo desaparecido en 2010 e que, logo de enfrontarse ao Compos, ascendería, ao igual que os nosos, por primeira vez á Segunda división B. Un partido cuxa ida sería lonxe das nosas terras volvendo, con aínda noventa minutos por diante, cunha derrota pola mínima. Un mes despois, en Santa Isabel, remontaría a Esedé con goles de Seijas, por partida dobre, e Paco. 

 Xa en liga, o rival sería, na década dos noventa, o Real Club Deportivo Mallorca. Serían na Segunda división as dúas primeiras visitas ao Lluís Sitjar e en Primeira a última. Tres enfrontamentos contra o conxunto bermellón e tres derrotas, coa última incluíndo unha remontada logo de adiantarse o noso equipo con gol de Passi. 

 E as cousas non foron mellor nos últimos anos, nas visitas a equipos cataláns, caendo contra Espanyol B e Terrassa na fase de ascenso á Segunda B e fronte ao Lleida, pola mínima, na que é ata o de agora a última actuación compostelanista na Copa do Rei. 

 Unha longa historia. 

 No torneo máis antigo do fútbol español, o Compos tivo presenza nun total de 28 edicións, unha máis se contamos xa a desta mesma tempada e que xa dou comezo. Nese tempo, serían un total de 54 roldas, 26 delas superadas, chegando a xogar uns cuartos de final en 1999, caendo contra o Espanyol e con goleada tamén a domicilio. Un torneo que non se lle acaba de dar ben ao equipo e no que fixeron falta 18 anos para ver un triunfo, chegando este da man de Yago Iglesias. 

 Moitos foron os partidos, moitas eliminatorias e moitos rivais, repetíndose en maior número de ocasións o Lugo. Un torneo que, a día de hoxe, podería supoñer unha importante inxección económica de superar algunha fase tendo en conta os problemas que hai no fútbol "non profesional" para recibir ingresos por mor da pandemia e todo o que iso inclúe. 

 Pola súa parte, a historia do Ibiza na competición non é tan longa. Só a pasada tempada tiveron a oportunidade de estrearse na competición superando a Pontevedra e Albecete, nos penaltis. Na terceira fase terían que enfrontarse ao Barcelona adiantándose nos primeiros intres do encontro e chegando con vantaxe aos vinte últimos minutos, cando remontarían os cataláns. 

 O último do ano. 

 Este xoves chega o derradeiro partido oficial deste ano. A Copa do Rei arrinca para os nosos logo de rematar a liga contra o Zamora quedando aínda por xogarse, o día 30, o Emma Cuervo en Ribadeo contra o Viveiro. Un partido, éste contra o Ibiza, sen televisión e que poderá escoitarse a través de IB3 Radio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario