O Compos non puido sacar un triunfo de Can Misses, onde a UD Ibiza non perde dende hai máis dun ano, pero deixou unha imaxe inmellorable contra un dos mellores equipos da categoría. Unha eliminatoria moi igualada, que precisou de 120 minutos para dar a coñecer a outro clasificado para a seguinte rolda. O Ibiza, que estará no seguinte sorteo por segunda vez na súa historia, precisou de máis de cen minutos para bater, de forma definitiva, a un Pato que deixou unha grandísima actuación, mantendo con vida ao equipo ata o final. Brais Abelenda, na outra parte, foi o autor do gol branquiazul.
Unha longa viaxe, que arrincou na noite do mércores, levaba ao Compos ata Ibiza previo paso por Madrid. E sería en Ibiza onde non pasarían nin cinco minutos ata chegar o primeiro gol, obra de Sibo logo dun centro lateral e no que pedirían falta en ataque os defensores galegos. Sería o primeiro golpe recibido por un equipo que, con moito tempo por diante, puxo contra as cordas ao líder de toda a Segunda B.
O gol en contra non serviu para tumbar a un equipo que non tardou en probar fortuna sobre a portería local cun Brais Abelenda moi activo en labores ofensivas. Sería o de Bembibre o encargado, na segunda chegada clara, de igualar o resultado logo dunha gran xogada de Miki entrando á área e deixando a pelota para o mediapunta, que marcou a pracer.
De novo coa igualada no luminoso, os dous equipos terían oportunidades de gol convertíndose Pato no mellor do partido freando todo o posible e máis. O gardameta uruguaio sería quen de salvar aos seus ata en tres ocasións antes do tempo de lecer sendo Miki, a pase de un Primo que non tivo a súa mellor tarde, o autor da derradeira ocasión do primeiro tempo.
Mellor con Bicho.
O guión do segundo tempo non tivo nada que envidiar ao primeiro. Un Ibiza cun gran potencial ofensivo non parou de poñer en perigo a portería dun Pato, sendo éste o encargado de parar cada balón, que tivo unha actuación inmellorable salvando ao equipo e demostrando ser un dos mellores gardametas de toda a categoría.
Non obstante, ese bo facer en defensa non se puido ver reflexado en ataque. Máis de vinte minutos sen poder gozar dunha ocasión na portería defendida por Germán chegando o perigo cando restaban xa menos de quince minutos para o final do tempo regulamentario con dúas contras consecutivas e Primo como protagonista, ademais dun Bicho que gobernou a ofensiva.
A prórroga, por desgraza, fíxose longa para un Compos canso. O Ibiza avisou ata en dúas ocasións nos primeiros quince minutos, cun balón ao longueiro incluido, e non perdoou na reanudación cun golazo de Castel dende a frontal e ante o que nada puido facer Pato. Si puido, e fixo, facer máis para evitar un terceiro gol cando os nosos xa non tiñan case forzas nin tempo para igualar o resultado e levar a eliminatoria aos penaltis.
En definitiva, o Compos pecha este 2020 deixando unhas sensacións case inmellorables poñendo o único pero na finalización das xogadas. Por outro lado, agora chegan unhas merecidas vacacións para un equipo que terá un amigable o día 30 en Ribadeo pero que non volverá á competición ata a segunda fin de semana de xaneiro, cando visite ao Salamanca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario