O noso derbi

 Xa está aquí. O partido máis desexado da tempada chegou e non o fai, por desgraza, no mellor momento posible. Con Santiago no peor momento en canto á pandemia, o fútbol aparece para dar un respiro e unha ledicia aos afeccionados retomando unha rivalidade entre dous equipos que hai máis de 20 anos que non compartían categoría. Compos e Depor. Depor e Compos. Na Segunda B máis rara da historia e nun ano... curioso, por que non pensar en estrear o casilleiro de vitorias contra o favorito da categoría?

 Algo máis que seis títulos.

 O Deportivo da Coruña volve á Segunda B 40 anos despois e o fai cunha gran diferenza. Dende ese ano na terceira categoría do fútbol español e ata o de agora, o equipo coruñés conseguiu manterse ata 20 anos de xeito consecutivo na élite, algo do que non moitos equipos poden presumir e conseguindo gañar unha liga no ano 2000. Non obstante, ese sería o terceiro título do cadro branquiazul logo de conseguir a Copa do Rei e a Supercopa de España en 1995 contra Valencia e Real Madrid respectivamente. Logo desa liga chegaría unha nova Supercopa ás vitrinas do Depor, fronte ao Espanyol, unha nova Copa do Rei que se recorda por gañala no Santiago Bernabéu contra o Real Madrid no ano que o conxunto branco celebraría o seu centenario. Meses despois, fronte ao Valencia, caería a terceira Supercopa. Tamén hai que lembrar que xogaron ata 5 veces a Copa de Europa, sendo o equipo galego con máis participacións, chegando a semifinais en 2004, caendo contra un Porto que posteriormente se levaría o premio á casa. 

 Pero o Depor non só é o equipo con máis títulos da nosa terra. Tamén hai que destacar que contan cunha das afeccións máis numerosas de Galiza sendo o equipo con máis aboados da historia da Segunda división B con xa máis de 20.000, malia só poder acceder mil a Riazor polo momento. Unha afección sempre fiel e que acompañará ao equipo nesta dura tempada por unha das categorías máis difíciles do fútbol español, aumentando dita dificultade este curso co novo formato. 

 Estreas sen brilo.

 Compos e Depor xa saben o que é xogar nesta Segunda B e os dous o fixeron fronte aos equipos da cidade de Salamanca. Unha primeira data do campionato onde os resultados foron totalmente diferentes deixando aos compostelanistas pechando a táboa mentres que os coruñeses son agora mesmo terceiros, nunha primeira clasificación que nada ou pouco terá que ver co que pase no mes de marzo. 

 No Reina Sofía, un Compos sen balón non foi quen de facer o seu xogo. Un primeiro tempo sen fortuna, con algunha ocasión perdoada, que rematou co Unionistas por diante grazas a un gol na primeira ocasión clara, e un segundo onde os branquiazuis tardaron en aparecer e no que se asinou a sentenza por parte do conxunto local. Un mal partido do que poucas boas sensacións se poden sacar máis alá da gran estrea de Saro na categoría de bronce.

 Pola súa parte, logo de 39 anos, volvía o Depor á categoría para, en Riazor, sufrir fronte ao Salamanca. O conxunto salmantino plantouse ben, defendeu e presionou á perfección a un rival co balón pero sen a intensidade suficiente para demostrar o seu favoritismo. Beauvue fixo o primeiro para os locais mentres que Candelas conseguiría un empate que, co paso dos minutos, parecía definitivo. Non obstante, no tempo engadido, o cadro de Fernando Vázquez conseguiría adiantarse de novo co tempo xa cumprido facendo pagar aos visitantes as constantes perdas de tempo nos minutos finais. Un gol de Eneko Bóveda no 97 que lle daba os tres puntos a un equipo que o pasou moi mal para conseguir o triunfo.

 Fernando Vázquez, historia dos dous equipos. 

 Nado en Castrofeito hai, este sábado, 66 anos, Fernando Vázquez chegou ao Compos no ano 1995, na Primeira división, para substituir a Fernando Castro Santos. Na Esedé estaría case tres anos conseguindo dúas permanencias, un subcampionato de inverno e resultados máis que importantes para a historia branquiazul antes de ser destituído en marzo de 1998 logo de perder contra o Betis en San Lázaro. Ademais, asinaría unha das vitorias máis recordadas nun derbi e do que falaremos deseguido. 

 15 anos despois chegaría ao banco do Deportivo sendo incapaz de salvar a categoría pero volvendo a Primeira na seguinte campaña sendo despedido por cuestionar a política de fichaxes para volver en 2019 asinando outro descenso, neste caso á Segunda B, á que volve logo de adestrar nela a Lalín, Racing de Ferrol e Lugo hai xa 25 anos. 

 A historia, do noso lado. 

 Compos e Depor tiveron a oportunidade de medirse ata en seis ocasións na capital galega. Seis enfrontamentos que deixan en bo lugar a unha Esedé que, noutrora, lle tiña ben tomada a medida ao conxunto coruñés. 

 Comezamos en Santa Isabel. A única campaña do Deportivo na Segunda B ata agora e na que estarían equipos coma o Celta, campión de liga naquela campaña e ascendendo da man do conxunto herculino, Racing de Ferrol e Pontevedra, ademais dun Compos que pecharía a liga no sexto posto sendo o terceiro galego mellor situado. Nesa tempada, 80/81, o Depor non sería quen de saír de Santiago cos dous puntos que naqueles tempos daba a vitoria, malia adiantarse cun gol de Traba antes dos dez minutos de encontro e, logo do empate de Prol, repetir cun gol de Villanueva dende os once metros. Toño, a vinte minutos para o final, asinaría o 2-2 definitivo. 

 Mudamos de campo e subimos dúas categorías. O Compos cumpría o soño de xogar contra os grandes e no banco, o adestrador que cumpriu ese soño: Fernando Castro Santos. Non obstante, ese primeiro derbi da historia de San Lázaro non acabaría cun bo resultado levando o Depor o triunfo con gol de Bebeto. Unha tempada na que, meses despois, o Depor conseguiría a súa primeira Copa do Rei e a cal homenaxean este curso. 

 Sería con Fernando Vázquez no banco onde chegarían de novo os resultados positivos, por non dicir históricos. E é que o Compos conseguiría, na xornada 2 da tempada 95/96, marcarlle 4 goles ao Deportivo. Fabiano por partida dobre, Ohen e José Ramón, cumprindo a 'lei do ex', serían os autores dunha goleada difícil de esquecer pechando o resultado cando só transcorreran cinco minutos do segundo tempo. 

 Menos sorte, ou puntería, houbo nos dous enfrontamentos seguintes, os dous últimos en liga ata o momento, rematando ámbolos dous con empates sen goles e, nos dous casos, co de Castrofeito dirixindo á Esedé contra o que agora é o seu equipo. Neses dous encontros tería minutos Maikel, dianteiro que xogaría ata tres tempadas en dúas etapas diferentes no Compos conseguindo ata dous ascensos. 

 A todo isto hai que engadir tamén unha cita na Copa do Rei, en 2003, que gañarían os visitantes pola mínima grazas a un gol de Diego Tristán a dez minutos para o final e que, posteriormente, tinguiríase de sangue cun acontecemento xa por todos coñecido. 

 Por outro lado, sería en 2016, nun amigable, cando se viran as caras por última vez. Xa con Yago Iglesias no banco e despois de caer en Abegondo, chegaba o primeiro equipo ao Vero Boquete. Nun primeiro tempo onde si apareceron os xogadores de Primeira, o resultado foi de 1-1 ao tempo de lecer con Bergantiños como capitán e Borges como goleador. No segundo tempo, cos suplentes nos dous equipos, a vantaxe visitante ascendería ata o 1-5 final.

 Na casa, só nós. 

 Yago Iglesias, e o seu corpo técnico, chegaron ao Vero Boquete no verán de 2016 ocupando o posto que deixaba baleiro Fredi na súa segunda etapa. Chegaron cunha intención clara e un obxectivo a medio prazo que se fixo esperar catro cursos. Non obstante, polo camiño e ata conseguir ese soño que nos leva a esta cita, quedan 71 partidos de liga onde o Compos demostrou que saír con puntos de San Lázaro é case imposible. 

 Deses 71 partidos, 53 acabaron con triunfo local, case un 75%, pasando rivais coma o Fabril ou o Racing de Ferrol. 6 empates, chegando a metade no primeiro curso e pechando unha Terceira atípica sen ningún en todo o curso. E para poñer a nota negativa, só 12 derrotas sendo a meirande parte por unha vantaxe mínima e contra o Boiro, por 0-3, a máis dura. 

 A lei do ex.

 Como xa falamos anteriormente, non sería a primeira vez na que un ex, neste caso José Ramón, fai un gol coa camisola do Compos ao Depor. E este ano podería darse de novo esa lei non escrita nisto do fútbol repetindo un dos protagonistas do pasado curso. 

 Formado nas categorías inferiores do Deportivo, Bicho tería a oportunidade de debutar co primeiro equipo en 2013 contra o Las Palmas. Un xogador con tanta calidade como mala sorte en canto a lesións cortando a súa progresión rumbo ao fútbol profesional, pasando por ata catro cesións e recalando, xa libre, nas filas do Compos por segunda vez. E sería no seu terceiro partido, nesta segunda etapa como branquiazul, onde aparecería de novo dita lei. 

 Bicho estrearíase ás ordes de Yago Iglesias en Calabagueiros contra o Barco pero non sería ata, quince días despois, cando vería portería por primeira vez nun xogo cheo de polémica e que non podería rematar por dous cartóns en menos de dous minutos. Ese gol sería en Abegondo e serviría para asinar o empate a un gol, pechando Primo o empate final. 

Outro que tamén volve á que foi a súa casa, neste caso en categorías inferiores, é Juampa Barros debutando no Fabril en Terceira división. Baleato, Sergio Pereira, Samu e Joel tamén pasaron pola base coruñesa. 

 Un Depor de Segunda. 

 Se hai algo que queda claro este curso é que o Depor conta cun equipo doutra categoría con xogadores experimentados e moitos deles xa con partidos de sobra no fútbol profesional. E é que o cadro coruñés conta cun equipo que ben podería xogar na Segunda división chegando moitos dende ese nivel. 

 Carlos Abad, Borja Granero, Derik, Héctor, Salva Ruiz, Eneko Bóveda, Uche Agbo, Borja Galán, Diego Rolan, Gontán e Beauvue suman moitos minutos nas súas carreiras, co último chegando a marcar xa nas tres principais categorías do fútbol español así como na Europa League, conseguindo un triunfo para o Celta fronte ao Krasnodar en oitavos de final e sendo protagonista, non en algo tan positivo, en semifinais.

 Mención a parte merecen os canteiráns Valín e Gandoy, que pasan agora a ser futbolistas do primeiro equipo, aínda que contaron con minutos en campañas anteriores, e Mujaid, que ascendeu o curso pasado logo de debutar en 2018. Ademais, o futbolista que é un emblema do equipo. Alex Bergantiños subiu ao A en 2010 e xogaría cedido en equipo coma Xerez, Granada e Nàstic, formando parte do equipo en 2011 e saíndo de novo en 2017, ao Sporting, para volver un ano despois. Un futbolista con máis de 250 partidos defendendo as súas cores e sendo a cara dun equipo. 

 Volve Soto á defensa. 

 A nova máis importante para este partido non é outra que a volta de David Soto á defensa. O central ourensán non puido estar en Salamanca, cubrindo a súa praza un Guille Torres que acabou o partido con algún que outro problema físico. 

 Por outra parte, Bicho segue con problemas por mor dunha fascite plantar mentres que Samu é seria dúbida por problemas nun nocello. Dúas posibles baixas que non se coñecerán ata a hora na que Yago dea a convocatoria definitiva. 

 En canto aos test da Covid-19, todos os xogadores deron negativo estando todos dispoñibles neste aspecto. 

 O partido do ano, sen público. 

 O estado da pandemia en Santiago non permite que o partido máis esperado do ano para a afección compostelanista poida ter afeccionados. Sen medidas por parte da Xunta aos clubes, foi o Concello, segundo se comentou en prensa ao longo da semana, o que puxo un límite de entre 75 e 150 afeccionados nas bancadas sendo o propio clube o que preferiu tomar a decisión de que se xogue a porta pechada. 

 Non obstante, malia non poder acceder, si se poderá ver en directo a través da segunda canle da TVG, escoitar en 'Esedé Radio' e seguirse na conta de Twitter da Curva Branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario