O Compos volve este domingo á Segunda B despois de catro anos para visitar Salamanca. Terceiro partido oficial dos nosos nesta 'nova normalidade' e que, unha vez máis, será sen seareiros nas bancadas. Non obstante, neste caso non será polas medidas contra a Covid-19 senón por obras no novo estadio de Unionistas, o Reina Sofía, e que acollerá este difícil enfrontamento entre os nosos e o novo equipo onde xa gaña e golea Aythami. O canario, que soou para reforzar o ataque branquiazul, é o '9' titular dun equipo que pelexará, polo menos, por estar na Segunda B Pro, ou Primeira RFEF como pasará a chamarse.
Os máis novos
do grupo.
Para esta nova
campaña, o cadro salmantino reforzouse moito e moi ben con futbolistas moi
novos, con gañas de medrar na categoría con moitos chegados dende diferentes
filiais. Con isto, hai que dicir que o equipo é, exceptuando segundos equipos,
o segundo equipo con menor media de idade só superado polo Arenas de Getxo en
toda a categoría. E entre todas esas fichaxes, máis que interesantes, destaca a
do canario Aythami. Un dos dianteiros máis perigosos de toda a categoría e que
debutará en liga co seu novo equipo diante dun ex.
Unionistas, logo de
meses sen xogar, non tivo un mal arrinque de pretempada pechando ata sete
encontros de preparación e sen sufrir ningunha derrota. Unha pretempada que
arrincaron en Burgos, con triunfo, e que seguiría en Astorga contra o equipo
local, onde Aythami se estrearía como goleador con dous tantos. Repetiría de
cara a porta nun triangular contra os filiais de Atlético de Madrid e
Valladolid, onde empatarían nas dúas citas. A partir de aí, unha Copa RFEF na
que aínda seguen vivos despois de bater ao Santa Marta cun gol en propia porta,
na estrea do Reina Sofía, sendo, días despois, a Arandina a vítima do equipo salmantino
na final da fase territorial abrindo a lata o ex branquiazul. Pecharon a
preparación contra o Móstoles a domicilio grazas a un gol nos minutos finais. 5
vitorias e só 2 empates para demostrar un gran nivel de cara a este arrinque do
novo curso, terceiro consecutivo para eles na categoría de bronce.
Las Pistas, imposible
para os galegos.
Hai dúas tempadas, o
Unionistas entrou no mesmo grupo que os equipos galegos. Nese grupo coincidiron
con Pontevedra, Coruxo, Fabril, Celta B e Rápido de Bouzas e ningún deles foi
quen de sacar os tres puntos de Las Pistas. Como moito, os dous filiais foron
quen de sacar un empate cada un sendo os mellores resultados galegos a
domicilio fronte a un equipo que nesa mesma campaña só caeu na casa contra a
Cultural Leonesa, o Real Madrid Castilla e o Unión Adarve.
Por outro lado, a pasada tempada recibiron na
Copa do Rei ao Deportivo en segunda fase. O cadro coruñés chegaba de sufrir na
primeira rolda contra un equipo de Terceira e en Salamanca estivo a piques de
caer eliminado nos noventa minutos, conseguindo un empate nos intres finais e
superando a prórroga para decidir todo dende os once metros. Sería dende o
punto de penalti onde volvería gañar o equipo local derrotando de novo a outro
equipo galego, que este curso terá a oportunidade de vingarse en liga.
O céspede sintético,
inimigo.
Durante estes catro
anos na Terceira, se hai algo que quedou claro é que ao Compos o que lle gusta
é o céspede natural. As complicacións en campos de herba artificial sucedéronse
en campos coma O Morrazo, As Eiroas, A Grela e Santa Mariña. Uns problemas que
o pasado curso semella que melloraron algo conseguindo gañar en tres campos dos
catro que puideron visitar os nosos antes do final repentino.
Non obstante, a parte
positiva para este caso é que as dimensións do verde do Reina Sofía son as
mesmas que as do Vero Boquete de San Lázaro (105 x 68 metros), algo que podería
facilitar o fútbol de toque dun Compos que quere manter o bo fútbol.
Tres estreas con
vitoria.
Silva, Lugo B e Alondras
sufriron para sacar algo positivo na primeira xornada das tres últimas
campañas. Un Compos que non foi quen de puntuar no debut na volta á Terceira,
en Abegondo, si sacou bos resultados, e sensacións, os tres anos seguintes,
rematando os tres en posicións de fase de ascenso. Tamén hai que ter en conta
que a Esedé suma tres cursos gañando na súa primeira saída.
Pola súa parte, o
Unionistas foi quen de estrearse con triunfo en dúas das catro últimas campañas
coincidindo estes bos resultados con que os partidos foron en Las Pistas.
Ademais, só o filial da Real Sociedad foi quen de gañar en Salamanca na estrea
do conxunto salmantino diante da súa afección.
Joel, única baixa confirmada.
Polo momento, o único que ocupa a enfermaría branquiazul non é outro que Joel. O xogador que chegou en calidade de cedido por parte do Racing de Ferrol xa pasou por quirófano e aínda lle restan 5 meses de baixa chegando para a segunda parte do campionato. A parte, Soto será baixa tamén por sanción, que a arrastra da pasada campaña.
Por outra parte, Yago conta coa dúbida de Bicho, con problemas nun pé que lle impediron estar nos últimos adestramentos do equipo. A parte, queda por coñecerse aínda o resultado dos últimos test do coronavirus, que xa pasaron os xogadores salmantinos dando todos negativo.
O Reina Sofía, en
obras.
O Reina Sofía comezou a finais do ano pasado
as obras para que Unionistas puidera mudarse á súa nova casa de cara a esta
campaña. Non obstante, a pandemia freou as reformas e non será ata, como
mínimo, o mes de xaneiro que o novo campo reciba aos afeccionados. Con isto, o
clube quixo que foran os propios socios os que decidiran onde xogar ata ese
momento sendo Las Pistas, con aforo reducido, a outra opción. Aínda así,
preferiron que fora a porta pechada durante a primeira volta.
Unha estrea oficial
para un campo onde xa xogaron dous encontros, os dous con triunfo local, e que
terá como convidado especial a un Compos que quere seguir mellorando as
sensacións na súa volta á Segunda B. Un regreso que ten data, o domingo, e
hora, as 16:30. O que aínda se descoñece é se haberá a posibilidade de velo a
través de Footters, televisión que retransmitirá vía streaming todos os partidos
que os catro equipos casteláns xoguen de locais este curso no noso subgrupo e
que aínda non ten dispoñible a posibilidade de contratar o plan mensual, sendo
preciso pagar a tempada completa.
O que si é seguro é
que poderá seguirse en directo a través do perfil de Twitter da Curva
Branquiazul.
Ningún comentario:
Publicar un comentario