Comezou a tempada e non puido ser cun bo resultado para un Compos con problemas á hora de finalizar as xogadas. Un partido igualado por momentos e que se desnivelou no segundo tempo, ao que os branquiazuis non saíron ben e acusaron ese mal momento recibindo un gol que sería definitivo. Un partido, en liñas xerais, mellorable e no que se mantivo unha norma das últimas campañas: cando o equipo perdoa, acaba pagándoo caro.
Arrincou o xogo con Unionistas mandando sobre o esférico metendo, ademais, ao Compos no seu campo. Non obstante, sería a Esedé a encargada de crear as mellores oportunidades de perigo de cara a porta cunha chegada de Miki pola banda dereita que frearía un defensa e outra intervención de Brais Abelenda pola esquerda que remataría con gol, anulado por fóra de xogo, de Primo.
A igualdade sobre o verde foi en aumento co paso dos minutos, gañando algo máis de terreo o conxunto visitante, hoxe estreando a equipación verde, sen ver ningunha ocasión con perigo dos salmantinos durante case media hora. Un aviso sen practicamente perigo e que sería a antesala dun gol con algo de fortuna xa que o disparo de Jon Rojo petaría nun defensa compostelanista antes de entrar na portería defendida por Pato, que non sería quen de intervir.
Mala saída.
E se o Compos foi o que mellor levou os primeiros minutos do encontro, todo o contrario ocorrería no segundo tempo. Unionistas saiu cunha marcha máis e deixouno moi claro sobre o céspede sintético do Reina Sofía creando ata catro oportunidades de serio perigo en menos de cinco minutos. Non obstante, sería de novo a Esedé a encargada de crear, á contra, as mellores oportunidades, perdoando unha vez máis e, como non, pagándoo.
Dúas ocasións de Brais Abelenda e unha oportunidade de crear perigo de Miki sen premio levaron, minutos despois, a sufrir o segundo tanto local e que sería definitivo. De la Nava non perdoou nun córner cun disparo dende a área pequena.
O segundo tanto foi, durante uns minutos, suficiente para deixar sen ideas aos homes de Yago Iglesias facendo ver máis preto o terceiro gol local que o primeiro galego para meter ao equipo no partido. Non obstante, o bo traballo en defensa evitaría que os salmantinos aumentaran a vantaxe mentres que foi o pau o que salvou a mellor ocasión do Compos no segundo tempo, obra de Juampa.
Finalmente, chega unha derrota importante para un Compos contra un rival que apunta a pelexar por estar entre o terceiro e o cuarto posto que dea opción a clasificarse á pelexa por ascender á Segunda división ou a Primeira RFEF. Agora, a pensar xa no partido do vindeiro domingo contra o Depor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario