Comeza a nova Segunda B!

 A nova Segunda B está aquí. Unha categoría con 102 equipos, con 5 grupos e, á súa vez, 2 subgrupos por cada un repartidos por proximidade xeográfica. E con 6 equipos galegos, entre eles o Compos, quedamos no grupo I subgrupo co resto de equipos galegos e catro equipos de Castela e León con vía directa pola A-6. Ademais, coñecemos xa datas e os prezos dos novos abonos, con novidades importantes. 

 Comezamos falando do novo subgrupo. Posiblemente, o máis forte dos dous dentro deste grupo I xuntando ao Compos con Deportivo, Pontevedra, Racing de Ferrol, Coruxo e Celta B, rivais galegos que apuntan a poñer as cousas moi difíciles, ademais de Unionistas, Salamanca, Guijuelo e Zamora, sendo xunto aos nosos o único recén ascendido do grupo. Por outro lado, o resto de equipos castelán-leoneses e os asturianos estarán no outro subgrupo e serán os rivais, por obxectivos, nunha segunda parte do campionato aínda por coñecerse e que estará repartida en tres partes: loita polo ascenso á Segunda división, loita polo ascenso á Segunda división B Pro e permanencia na Segunda división B que pasaría a ser a cuarta categoría do fútbol español mais sendo de igual forma a porta ao fútbol "profesional". 

 Sabemos tamén algunha que outra data pero imos por partes. O calendario así como os protocolos a seguir polos clubes, será oficial, en caso de aprobarse, o luns 14 de setembro. Por outro lado, xa sabemos que a liga dará comezo a fin de semana do 18 de outubro. 

 Campaña de aboados. 

 E chegamos á última das novidades pero non por iso menos importante. Xa coñecemos os prezos dos abonos de cara á nova tempada, marcada pola Covid-19 e xa podemos saber que estará dispoñible tanto Tribuna coma Preferencia con prezos moi semellantes. 

 Comezamos polo abono Xeral, que nas dúas partes do campo terá un prezo de 120 euros. Tamén comparte prezo entre as dúas bancadas o abono especial para Xubilados e Parados, que nos dous casos será de 100 euros. Os menores de 30 anos terán que pagar 90 euros en Tribuna e 80 en Preferencia mentres que os Menores de 18 anos terán que pagar 10 euros en Tribuna e de balde en Preferencia. Ademais, o abono para empresas, que inclúe 6, terá un prezo de 600 euros en Tribuna e 540 en Preferencia. Ademais, nace o novo "Abono Siareiro" para xente de fóra de Santiago que inclúe varios agasallos así como a entrada a un partido que non sexa 'medio día do clube'. 

 Outras novidades é a chegada do abono virtual, puidendo entrar ao campo co teléfono móbil, ou ben a posibilidade de ter o abono en físico por 5 euros máis. A parte, haberá un 25% de desconto para os aboados da pasada tempada que renoven por un curso máis. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario