Novo reforzo defensivo

 Logo da chegada de Joel procedente do Racing de Ferrol, chega ás filas do Compos para ser o cuarto central do equipo Matías Vesprini. Xogador sub-23 arxentino formado nas categorías inferiores do Clube Deportivo Lugo co que, ademais, debutou na Terceira división sendo un fixo nos onces do filial durante as dúas últimas campañas. 

 Matías debutou co filial do Lugo a pasada fin de semana, curiosamente, no Vero Boquete. Unha estrea que non puido ter un final feliz para o central coa derrota dos seus por 2 goles a 0. Nesa mesma tempada sumaría un total de 32 partidos, todos como titular, e máis de 2.800 minutos rematando con 11 cartóns amarelos e 1 vermello. 

 Na súa segunda tempada alternou co primeiro equipo, sendo convocado en varias ocasións mais sen chegar a ter minutos. Co filial sería de novo un seguro xogando un total de 24 partidos ata o parón, 18 deles sendo titular. 1.700 minutos nos que vería 4 cartóns amarelos e 1 vermello. E de novo estaría contra o Compos tanto no Vero Boquete coma no Anxo Carro, onde remataría a xeira de partidos sen perder dos nosos. 

 Este mesmo verán, o central fixo a pretempada co primeiro equipo xogando algúns minutos contra Celta e Sporting. 

 Chega con contrato por un ano e debutará na Segunda B da man de Yago Iglesias acompañando a Casas, Soto e o antes mencionado Joel pechando, ademais, o plantel a falta de novidades de última hora.


Ningún comentario:

Publicar un comentario