O derradeiro baile na casa

O 2018 toca ao seu fin e o Vero Boquete de San Lázaro acollerá por derradeira vez neste ano un encontro oficial da Esedé. Un partido contra un rival que non está a facer a súa mellor campaña, loitando por evitar os postos de descenso, e que buscará puntuar por primeira vez fronte ao equipo dirixido por Yago Iglesias logo de catro vitorias branquiazuis nas últimas catro citas.


A permanencia, obxectivo principal.
O Ribadumia chegará a Santiago coa obriga de puntuar para seguir evitando os postos de perigo unha semana máis. Un equipo que chegou a encadear tres vitorias consecutivas no inicio do campionato, contra Barco, Boiro e Choco, e que agora só suma unha nos últimos nove encontros caendo ata a décimo cuarta posición do campionato chegando a este treito final da primeira volta con só dous puntos de diferenza coas posicións de descenso.
Con dezaoito puntos en dezaséis xornadas, o cadro do Salnés chega a esta cita cun total de cinco vitorias e tres empates. Ademais, un total de oito derrotas encadeando seis nos últimos oito encontros. Un equipo que está a notar a falta do gol, con só dezasete a favor, e que conta con problemas para deixar a súa porta a cero, algo que conseguiron en catro ocasións, logo de recibir un total de vintesete tantos.
Con números moi semellantes na casa e a domicilio, conseguiron un total de oito puntos noutros tantos xogos fóra da Senra. Con Barraña e o Salvador Otero como territorios conquistados, conseguiron sacar un punto das visitas a Porriño e Vilalba, mentres que volveron sen premio do Carballiño, Carballo, Ourense e A Coruña. Un equipo que, por contra, anotou en seis das súas oito saídas quedando sen ver porta unicamente nas Eiroas e no Couto, onde sufriron a peor goleada do que vai de liga logo de recibir cinco goles.
A nivel individual, o Ribadumia conta co ataque moi ben cuberto. Con Hugo Soto como dianteiro habitual, autor de dous goles, chegan dende segunda liña homes coma Fran Fandiño ou Fran Matos, autor de catro tantos sendo o máximo anotador do equipo. Pezas fundamentais ás que engadir a figura de Roberto Pazos, que non está a contar con minutos baixo paus ante a chegada de Ángel, dono da titularidade na súa segunda campaña.

Catro de catro.
En catro ocasións se viron as caras Compos e Ribadumia na Terceira división. Dúas tempadas nas que o fútbol dirixido por Yago Iglesias se impuxo sen grandes complicacións tanto no Vero Boquete de San Lázaro coma na Senra.
En Santiago, os resultados foron moi positivos para os nosos conseguindo gañar por 3-1 hai xa dous anos e por 3-0 a comezos do presente, con Santi como autor de tres goles en total. Máis problemas houbo na casa do equipo ribadumiense, onde os nosos gañaron por 0-2, cun gol de Tomás no engadido, e 3-4, co tanto do triunfo a cinco minutos do final.

A polas dúas cifras.
A día de hoxe, o Compos suma nove xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. Dende a caída contra o Arosa hai dous meses, o equipo branquiazul puntuou en tódalas súas citas, conseguindo tres vitorias e un empate na casa e unha vitoria e catro empates a domicilio. Unha xeira que está a piques de chegar ás dúas cifras igualando a conseguida no treito final da liga.
Pola súa parte, o Ribadumia, que quere rematar co gran momento dos nosos, só foi quen de facer catro puntos dos últimos vintecatro en xogo.
Un dato en común dos dous conxuntos é que buscarán volver ao camiño da vitoria logo dun empate a pasada fin de semana. Os nosos, que non puideron sacar máis ca un punto da visita á Magdalena e os ribadumienses, que buscarán facer bo o empate na casa contra o Paiosaco.

Dúas baixas.
Para este partido, Yago Iglesias conta con dúas baixas seguras. Alberto, que segue coa súa recuperación da lesión que o ten fóra dos terreos de xogo dende o comezo do curso, e David Uña, que cumprirá un partido de sanción logo da expulsión por dobre amoestación a pasada xornada fronte ao Racing Vilalbés. Ademais, tampouco poderá sentarse no banco Manuel Castiñeiras. O delegado branquiazul foi expulsado tamén e terá que cumprir dúas semanas de sanción, perdéndose tamén a visita dos nosos ao Alcalde Manuel Candocia.

Nova campaña de socios. 
O Compos segue a buscar xente que non se perda a volta do equipo á Segunda division B e para iso sacou unha nova campaña de captación de aboados con vistas á segunda volta do campionato que incluirá ademais o partido fronte ao Ourense CF co que se pechará a primeira parte da liga. Por contra, aínda non será posible aproveitar a nova oferta para esta vindeira cita. 

Dez días despois. 
Logo de adiantar a visita dos nosos á Magdalena, o equipo de Yago Iglesias contou con oito días de preparación, algo máis do normal, para a visita do Ribadumia ao Vero Boquete de San Lázaro. O partido está marcado para as 17 horas e as entradas terán un prezo de 10 euros para adultos e de balde para menores de 18 anos e aboados. Ademais, antes do arrinque do xogo haberá saque de honra da futbolista santiaguesa Vero Boquete. 
Por contra, quen non poida ir ao partido, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Tamén se poderá escoitar por 'Esedé Radio', na web oficial, e verse, previo pagamento de 2,99 euros, na web de Footters como xa ven sendo habitual nos partidos que os nosos xogan na casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario