Día de festa

Despois da goleada no Vero Boquete de San Lázaro, o Compos quere volver á senda do triunfo a domicilio. Nun campo sempre complicado como é A Magdalena e ante un rival en horas baixas, o equipo de Yago Iglesias buscará manterse invicto lonxe da casa asinando a décimo segunda saída consecutiva sen perder. Pola súa parte, o Racing Vilalbés buscará a súa terceira vitoria na casa coa que poder soñar con saír dos postos de descenso.


Non será doado.
O verán para o equipo chairego comezou coa saída de Óscar Gilsanz logo de catro tempadas e unha inmellorable tempada para despedirse do mellor xeito posible. Ante isto, o clube lugués tivo que moverse rápido e non tardou en contratar a Juan Peón, un adestrador que chegaba procedente do Outeiro de Rei e que deixou Vilalba despois de dez xornadas nas que os bos resultados non chegaron. Dous días máis tarde chegou Simón Lamas procedente da base racinguista e en só cinco xornadas conseguiu mellorar a puntuación do seu predecesor grazas a dúas vitorias noutras tantas citas na Magdalena.
E é que o Racing Vilalbés, malia non comezar ben a tempada, está a tomar confianza na Magdalena conseguindo non só gañar senón, ademais, sen recibir ningún gol ante a súa afección dende a chegada do novo adestrador. Onde antes non conseguiran máis que 3 puntos de 15 posibles, agora a conta ascende a 9 de 21 cun aumento de confianza e a intención de seguir sumando de tres en tres.
No total, os resultados non son moi positivos para o penúltimo clasificado. Cun total de 13 puntos, grazas a 3 vitorias e 4 empates, mantense a só dous dun Boiro que pecha os postos de permanencia. Isto pasa, en boa parte, grazas ao traballo defensivo e o bo facer baixo paus de Javi Pita xa que o Racing Vilalbés é o equipo menos goleado da parte baixa da táboa perdendo só un partido por máis de 2 goles de diferenza e deixando a súa portería a cero en 4 ocasións.
A nivel individual, nun equipo con vellos coñecidos como Make, Taboada e Diego Rey, a esperanza da permanencia, obxectivo principal neste momento, pasa polas botas de Javi Ballesteros, máximo goleador do equipo con 4 tantos.

Dúas xeiras importantes.
Compos e Racing Vilalbés chegan a este encontro con dúas xeiras positivas e un tanto diferentes. Por parte dos nosos, o bo momento arrincou a pasada tempada mentres que os lugueses buscarán encadear a súa terceira vitoria consecutiva.
O Compos, nun estado de forma envexable, non perde a domicilio dende o pasado mes de febrero, cando o Cultural Areas deu a sorpresa na Lomba. Algo máis de nove meses despois, o equipo descoñece a derrota en liga grazas a un gran traballo malia pasar por campos como Calabagueiros ou A Lomba de Vilagarcía. A iso hai que engadir que o equipo non perdeu ningún partido a domicilio no que vai de curso encadeando dous empates consecutivos no Carballiño e Boiro co mal estado do verde en común.
Pola súa parte, o traballo do Racing Vilalbés leva ao equipo chairego a encadear dúas vitorias consecutivas. Silva e Céltiga, rivais directos na pelexa pola permanencia, caeron na Magdalena por 2-0 nos dous casos, mentres que a última vitoria visitante foi obra do Ourense CF, por 0-2. Antes, completando un 7 de 12 puntos posibles, un empate contra o Ribadumia tamén con dous goles, un por equipo.
En canto á última xornada, o Compos chega de gañar, sen xogar á máxima intensidade, ante un Laracha que non tivo case opcións ata que o encontro estivo xa resolto. Pola súa parte, o Racing Vilalbés non puido puntuar na Porta Santa malia chegar ao treito final con empate. Un gol de Juanma no minuto 77 foi suficiente para que o Paiosaco puidera sacar tres puntos importantes.

Non hai 8 sen 9.
Despois de perder contra Bergantiños e Arosa, dúas derrotas que deixaron aos nosos sen o primeiro posto da clasificación, o Compos non volveu quedar sen puntuar en ningunha xornada ata o momento. Catro empates, tres deles a domicilio, e outras tantas vitorias, con tres no Vero Boquete de San Lázaro.
A iso hai que sumar un dato positivo máis. E é que a Esedé só recibiu 4 goles nos 720 últimos minutos mentres que, no mesmo tempo, anotou 12 quedando sen marcar nas visitas á Malata e a Espiñedo, onde o terreo de xogo dificultou o xogo de ámbolos dous conxuntos.

Para todo hai unha primeira vez.
O Compos visitou A Magdalena en tres ocasións nos cinco últimos anos e os resultados non puideron ser os máis desexados. De feito, os nosos aínda non coñecen a vitoria en terras chairegas con dúas derrotas e un empate no total. Un emparellamento complicado e que deixa aos nosos moi tocados ante os resultados alí colleitados.
En 2013, con Fredi no cargo de adestrador branquiazul, non se puido pasar sequera do empate a un gol. Un partido no que, xa no segundo tempo, Tachi adiantou aos nosos e o empate non tardou en chegar nin cinco minutos.
Xa con Yago Iglesias no banco, despois de tres anos na categoría de bronce, a visita a Vilalba non foi mellor. Rubén Gómez e Caballero, este último no treito final do encontro, deixaron sen puntuar a un Compos que perdía unha oportunidade de ouro para achegarse aos postos altos. E só uns meses despois, tamén no pasado ano 2017, o resultado foi moito peor. Un gol de Primo de penalti non foi suficiente para sacar algo positivo do campo lugués onde Sergio Arias e Alex Pérez asinaron dous dobletes conseguindo unha gran goleada, devolta meses despois en San Lázaro.

Volve Mon.
Logo da volta de Rubén á competición, contando con minutos diante do Laracha, xa só Alberto queda por estrearse na categoría. De feito, o canteirán é o único xogador que será baixa para este domingo mentres non termina de recuperarse da súa lesión. Ademais, volverá Mon logo dunha semana na bancada por acumulación de amoestacións.

Por segunda vez.
O árbitro para este xoves é o colexiado vigués González Sobrado. Un colexiado veterano e con experiencia nunha categoría onde xa arbitrou un Compos-Racing Vilalbés, en 2012, que rematou con vitoria branquiazul pola mínima en San Lázaro. Ademais, participou no Compos-Barbadás de 2016 no que os nosos gañaron por dous goles asinando un pleno de vitorias con el.
Pola súa parte, é xa un vello coñecido para o cadro vilalbés, ao que asubiou ata nun total de 8 ocasións, con 3 vitorias para os chairegos, 3 derrotas e 2 empates. No que vai de tempada, será o seu terceiro partido na categoría logo do Silva-UD Ourense, no que houbo un total de 11 cartóns amarelos e 2 xogadores locais expulsados, e o Racing de Ferrol-Barco.

Fútbol de sobremesa.
Xoves de festa e fútbol. A ponte arrincará cos nosos visitando A Magdalena para un partido que arrincará ás 16h. Unha importante cita de fútbol nunha fin de semana longa e con moito fútbol, na que se xogarán os partidos adiados. As entradas terán un prezo de 10 euros para todo aquel que queira achegarse a ver un gran partido.
Por contra, quen non poida asistir, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto do clube branquiazul coma da Curva Branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario