A Magdalena, misión imposible

O Compos suma unha nova saída sen perder no que vai de tempada e o terceiro encontro a domicilio onde tampouco chega a vitoria. Terceiro empate consecutivo, cuarto nas cinco últimas citas lonxe do Vero Boquete de San Lázaro, contra un Racing Vilalbés que aproveitou a súa mellor ocasión para superar a Anxo. Por parte dos nosos, un gol de Aythami foi suficiente para sacar da Magdalena un punto importante. 


Os erros poden saír moi caros.
O encontro arrincou cunha primeira oportunidade para os nosos antes dos dez minutos. Unha dobre ocasión na que demostrou saír ben a defensa local. Menos sorte houbo escasos minutos despois, cando Anxo errou á hora de despexar un balón. A pelota chegoulle a Ballesteros, que só tivo que controlar e definir á perfección diante do gardamallas branquiazul. Un gol que chegaba cedo e con tempo de sobra para reaccionar. 
A reacción compostelanista non se fixo esperar mais a sorte non estivo do lado dos atacantes, que tiveron opcións suficientes para empatar e incluso remontar o xogo. Non obstante, Brais Abelenda e Aythami non foron quen de meter a pelota entre os tres paus con David Uña autor da mellor ocasión, cun testarazo que saiu por moi pouco. 
Un primeiro tempo que rematou con Anxo evitando que o Racing Vilalbés puidera matar o encontro antes do tempo de lecer. 

Gol e pouco máis.
O segundo tempo non deixou as mellores sensacións no equipo de Yago Iglesias. Contra un equipo ao que se lle podía facer dano facilmente, a primeira ocasión do segundo tempo rematou en gol. Un gran gol de Aythami logo de sortear a saída do gardamallas que serviu para asinar un punto importante e para dar tranquilidade ao xogo. 
As ocasións ata o final, escasas, chegaron nas dúas porterías co Compos sen puntería e co Vilalbés acertando mais sen a sorte precisa para bater a Anxo. Así transcurriu un segundo tempo con polémica no que foi expulsado Manuel Castiñeiras por protestar, mesma razón pola que viu Brais Abelenda un cartón no primeiro tempo, e David Uña por dobre amoestación nos minutos finais, nos que o cadro local puido incluso sumar os tres puntos.

Un empate nun campo moi difícil e que pode deixar aos nosos fóra dos postos de promoción de ascenso ao final dunha longa xornada que rematará este domingo. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Uña, Piscu, Naveira; Samu, Remeseiro (Mon, min. 83); Santi (Miki, min. 66), Ares, Abelenda; e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Abelenda e Saro. Expulsado Uña por dobre amoestación.
GOLES: 1-0 12' Ballesteros, 1-1 53' Aythami.
CAMPO: A Magdalena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario