O líder manda baixo a néboa

O Compos, que pon líder en solitario, sacou un gran triunfo da Porta Santa nun partido marcado pola intensa néboa que complicou a visibilidade no primeiro tempo. Unha goleada dos nosos co que aproveitar o empate do Bergantiños e aumentar a conta a cinco vitorias en cinco encontros neste arrinque perfecto de tempada. Álvaro Casas, Santi e Alex Ares, este por partida dobre, asinaron os goles para o Compos contra un Paiosaco que mereceu máis no primeiro tempo e que só puido superar a Lorenzo cun gol de Otero xa sen tempo para facerse con nada positivo na que é a súa derrota máis importante no que vai de curso. 


De máis a menos.
O primeiro tempo non contou cun dominador claro que levara o ritmo do xogo baixo a néboa, que nalgún intre fixo pensar que se podería adiar os segundos corenta e cinco minutos restando a visibilidade no xogo co paso dos minutos. Non obstante, tampouco houbo moito que ver sobre o terreo de xogo cos locais ben en defensa evitando as oportunidades dun Compos gris antes do tempo de lecer. 
As ocasións chegaron nas dúas porterías, cos nosos pecando de falta de puntería, unha vez máis, contra un Paiosaco que, á contra, asinou as mellores oportunidades de cara a gol fronte a porta defendida por Lorenzo, que salvou aos nosos unha semana máis dun susto importante nun campo onde non está a ser nada doado gañar. 

Segundo tempo branquiazul.
Contra un rival que mereceu algo máis na primeira parte, o Compos saltou ao terreo de xogo con Santi en punta, Miki na banda, Ares na mediapunta e Aythami no banco de suplentes. Así chegaron as mellores ocasións sobre a porta branquiaverde e, logo de dez minutos, uns goles cos que manter o gran arrinque dos nosos en liga.
O primeiro chegou dunha maneira pouco habitual no xogo branquiazul xa que foi a balón parado. Un córner que bota Remeseiro e que remata a gol Álvaro Casas no segundo pau aproveitando o barullo na área local. Non obstante, a pelota petou en Bilal antes de entrar con suspense na portería defendida por Dani. 
Co marcador favorable, o xogo foi moito mellor para os nosos, achegándose con algo máis de intensidade á porta contraria. Mais, porén, o Paiosaco non quixo perder a cara ao partido con tres minutos tolos nos que Ube puido facer o segundo, Otero topouse con Casas e Piscu e, á contra, chegou o segundo dos nosos, obra de Santi logo dunha gran actuación individual. 

Está de volta.
Despois de dous partidos sen participar, entre Liga e Copa, Alex Ares volveu ao verde con forza e fame. O de Pontedeume, que xogou por detrás de Santi no segundo tempo, asinou o gol co que sentenciaba o encontro o Compos. Un gran gol cuxa xogada comezou con Miki gañando un balón dividido, pase para Abelenda e este asiste para Ares, que superou a Dani logo dun gran control. 
O gol fixo que o Paiosaco metera unha marcha máis e en menos de oito minutos pasaron de mandar unha pelota ao longueiro, obra de Eloy, a recortar a diferenza de novo a dous cun gol de Otero coa cabeza logo dun centro ao segundo pau. 
Mais a maxia de Alex Ares aínda aparecería unha vez máis para pechar o resultado un minuto despois. Nova contra levada por Abelenda e balón para o ex do Cerceda, que malia quedar sen ángulo saca unha vaselina ante a que nada pode facer Dani. Un golazo para asinar o seu primeiro dobrete da 

Agora hai que pensar xa no Bergantiños, que visitará San Lázaro a vindeira fin de semana na que será a primeira xornada das catro que se veñen contra equipos da parte alta da clasificación.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Piscu (Uña, min. 80), Sergio Pereira; Mon, Remeseiro (Ube, min. 66); Santi, Ares, Abelenda; e Aythami (Miki, min. 46).
CARTÓNS: Amarelo para Piscu.
GOLES: 0-1 57' Casas, 0-2 72' Santi, 0-3 78' Alex Ares, 1-3 85' Otero, 1-4 86' Alex Ares.
CAMPO: A Porta Santa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario