A proba

O Compos comezará esta fin de semana o seu 'tourmalet' persoal contra o rival máis duro deste comezo de tempada, o único que, ata o pasado domingo, conseguía seguir o ritmo dun Compos que quere facer historia cun arrinque de curso perfecto. Diante, un Bergantiños que está a facer historia conseguindo a mellor estrea na categoría con catro vitorias e un empate, que permite aos nosos chegar como líderes en solitario a este encontro entre primeiro e segundo.


Mellor que nunca.
O Bergantiños arrincou a tempada facendo historia cun comezo inigualable en Carballo. Con catro triunfos nas catro primeiras xornadas, puxeron en perigo o primeiro posto dun Compos que se fixo con el na segunda fin de semana de campionato. Mais, o segundo derbi bergantiñán rematou con problemas para os de Carballo, xa que un empate fixo que perderan un pouco a pista do líder, ao que poderían superar de repetir o resultado conseguido no mes de febreiro.
Con catro vitorias e un empate, os carballeses son un dos tres equipos que aínda non encaixaron ningunha derrota. Con dous goles de media por xogo, dez en total, e catro recibidos, sitúanse só por detrás do Compos na lista de equipos con mellor diferenza de tantos. Gañaron pola mínima ante Choco e Paiosaco mentres que conseguiron unha vantaxe superior diante de Silva e Arenteiro. Por contra, mantiveron o seu bo traballo de cara a porta contra o Laracha empatando o xogo no segundo tempo.
Fortes nas Eiroas, conseguiron, polo de agora, un pleno de vitorias lonxe da súa afección recibindo na casa o único empate. Un triunfo sen encaixar goles na Grela, única ocasión na que deixaron a súa porta a cero, e outra contra o Paiosaco avalan a un dos equipos máis fortes da categoría.
A nivel individual, hai que destacar a xogadores coma o ex branquiazul Borja Facal, o ex do Silva Diego e o sempre seguro de gol Rubén Rivera, autor de 3 goles no que vai de curso e que pechou o ano pasado con 19 acertos.

Emoción e goles.
Malia só sumar algo máis dun mes de fútbol, chega unha final entre dous dos favoritos para facerse co primeiro posto unha tempada máis. Dous equipos convertidos en seguros de gol cunhas defensas envexables que complicarán o traballo dos dianteiros. Non obstante, está claro que o gol e o bo fútbol non faltará á súa cita nun enfrontamento moi igualado ao longo da historia e que só deixou un partido sen goles.
En Santiago, entre Santa Isabel e San Lázaro, hai que falar dun total de cinco precedentes con resultados moi variados. E é que o Compos superou ao Bergantiños na casa en dúas ocasións, as mesmas nas que os carballeses superaron aos nosos. Por contra, hai que falar dun empate a un gol que data do ano 90.
A mala nova chega de hai algo máis de sete meses. Os de Carballo chegaron á capital coa intención de recortar algo de vantaxe branquiazul e alí asinaron un triunfo pola mínima grazas a un gol de Iago López. Un resultado que igualaba o da ida.

A primeira parada.
Xa por todos é sabido que co paso do Bergantiños por San Lázaro arrinca o momento máis duro da primeira volta, con catro rivais directos nas catro vindeiras xornadas. Unha proba de lume que comeza na nosa casa, pola que pasarán tres destes equipos, onde só o Silva fixo un gol no que vai de curso e no que a última vitoria en liga foi contra o Choco na derradeira xornada da pasada liga. 
Falando do fútbol en San Lázaro hai que destacar que no que vai de 2018 só tres equipos foron quen de marcar algún gol como visitantes conseguindo tanto Choco coma o propio Bergantiños puntuar mentres que o Silva viu como os nosos, posiblemente máis fortes ca o ano pasado, conseguiron unha gran remontada.

Dúas baixas seguras. 
Como xa ven sendo habitual, Yago contará para este encontro con dúas baixas. Rubén, con tempo de recuperación aínda descoñecido, e Alberto, que xa comeza a facer traballo co resto dos seus compañeiros. Por contra, a boa nova chega da man de Naveira, que volve ao equipo despois dunha xornada de sanción. A parte, o corpo técnico terá que escoller outras dúas baixas máis para confeccionar a lista de 16.

Un vello coñecido.
O encargado de impartir xustiza este domingo en San Lázaro será un vello coñecido pola afección branquiazul. Extremadura Hernández, vigués, asubiou nun partido dos nosos por primeira vez alá polo ano 2012 nunha tempada na que participou en dous xogos dos nosos, contra Pontevedra e Racing Vilalbés rematando ámbolos dous encontros con empate a un gol. Peor resultado chegou dende Abegondo na seguinte ocasión, na que os nosos perderon con goleada fronte ao Fabril. O pasado ano, por sorte, chegou a nosa primeira vitoria con el en San Pedro contra o Ribadumia. 
A todo o anterior hai que engadir que foi tamén o árbitro do Compos-Bergantiños do pasado ano en San Lázaro, que gañou o equipo carballés pola mínima e na que houbo un gol mal anulado aos nosos.
No que vai de tempada, na Terceira división, participou no partido entre Silva e Paiosaco na Grela, que gañaron os visitantes pola mínima, ensinando un total de 10 cartóns amarelos e 1 vermello. 

Gran día. 
O domingo chega un gran encontro, unha gran cita que dende as oficinas de San Lázaro quixeron denominar como 'Día do clube' polo que aboados e non aboados teremos que pasar por taquilla. As entradas para aboados teñen un prezo de 5 euros mentres que para non aboados serán 15 euros. Para menores de idade, a entrada ao campo será totalmente de balde, aboados ou non. 
A gran novidade para esta cita chegará antes do arrinque, co saque de honra. Nesta ocasión estará a cargo de Borja Golán, santiagués que conseguiu hai poucos días o seu segundo título como campión de Europa de squash.
Para quen non poida achegarse ao templo branquiazul, o encontro poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no Twitter oficial do clube. Ademais, poderá escoitarse a través da 'Esedé Radio', na web oficial do Compos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario