A porta do duro

Para todo hai unha primeira vez e o Compos pasará por primeira vez polo verde da Porta Santa. Alí, o líder da categoría buscará tres puntos máis cos que manter o posto privilexiado contra un rival que está a realizar unha gran estrea na Terceira división. Diante, un Paiosaco que quere seguir sumando bos resultados na súa primeira campaña na máxima categoría do fútbol galego.


Inmellorable estrea.
O Paiosaco é o segundo dos catro equipos recén ascendidos con mellores resultados logo destas catro primeiras xornadas do campionato, só superados pola UD Ourense. Un gran arrinque dos laracheses no que marcaron un gol por xornada facéndose con 6 dos 12 puntos en xogo ata o momento. Con catro goles en catro xornadas, adiantáronse en tres citas gañando ante Alondras e Silva pola mínima e véndose superados polo Céltiga na primeira xornada do campionato. Por contra, anotaron outro gol no derbi nas Eiroas mais foi insuficiente para sacar algo positivo contra outro dos favoritos polo primeiro posto do campionato, ao que conseguiron poñer contra as cortas no treito final.
Subcampións do grupo norte na Preferente do ano pasado, non tardaron nin unha hora en marcar o seu primeiro gol na Terceira división. Non obstante, houbo que agardar 85 minutos para ver o primeiro gol na Porta Santa, obra de Otero contra o Alondras e que supoñía o primeiro triunfo dos de Juan Emilio Riveiro. Menos sorte tiveron a pasada fin de semana contra o Bergantiños no que foi o primeiro enfrontamento contra un dos grandes no seu reformado fogar.
A nivel individual contan cun equipo cunha media de idade baixa entre os que destacar a Otero e Diego Lois, autores dos dous goles que significaron seis puntos. Ademais, hai que engadir a Bilal e Eloy, que asinaron os outros dous tantos.

Primeira vez.
Por primeira vez ao longo da historia, Compos e Paiosaco se verán as caras en partido oficial na Porta Santa. Un equipo, o larachés, que conseguiu o ascenso á Preferente galega hai tres anos para dar o salto á Terceira división por primeira vez na súa historia logo dun gran segundo posto só superado polo Polvorín.
Non obstante, esta non será nin de lonxe a primeira vez que o Compos visite o Concello de Laracha nin moito menos a Comarca do Barbanza.

Unha gran proba.
O Compos terá este domingo unha gran proba antes da chegada do peor momento da primeira volta. A Porta Santa será a porta do peor momento para os nosos, con Bergantiños, Arosa e UD Ourense pasando por San Lázaro e a visita á Malata en menos dun mes. Un gran camiño que xa tomou un Paiosaco que a piques estivo de sorprender ao Bergantiños e que logo da visita branquiazul á súa casa visitarán A Lomba e O Couto co enfrontamento do Racing de Ferrol por medio.

O gol, asegurado.
Agás o partido contra o Lleida, nas outras cinco citas, non só houbo goles dun Compos que suma un total de 13 en 6 partidos, senón que, ademais, hai que dicir que hai dous nomes que levan gran parte dos goles dos nosos. Santi, con dous tantos e Aythami, con tres, demostran o gran momento que pasa o ataque branquiazul, aos que engadir a un Brais Abelenda que asinou outros dous chegando dende atrás. Ao anterior hai que engadir que só na visita a terras catalás quedou sen anotar o cadro dirixido por Yago Iglesias mentres que o Paiosaco fixo un gol por partido nas catro xornadas anteriores asegurando o gol nesta nova cita na Porta Santa onde, polo de agora, só gañou o Bergantiños.
Ese dato de terras catalás aumenta ata a promoción de ascenso xa que os nosos non foron quen de marcar tampouco en Terrassa. Por contra, en liga hai gol dos nosos febreiro, cando o Bergantiños deixou a súa porta a cero en San Lázaro. Un dato que mellora aínda máis tendo en conta que o noso equipo non queda sen marcar lonxe da casa dende febreiro... de 2017, cando non puido facer gol no Roxo contra o Cerceda.

Ourensán doutra categoría.
Para esta gran cita, o colexiado encargado de impartir xustiza será o ourensán Manuel Casanova Cudeiro. Un árbitro xoven e con experiencia na Segunda B, onde participou a pasada tempada logo dun gran ascenso á categoría de bronce. Nesta tempada será a segunda vez na que asubíe logo de facelo no empate a tres entre Porriño Industrial e Ribadumia.

Catro baixas seguras.
Ao igual que no partido fronte ao Silva, Yago Iglesias contará con tres baixas seguras por lesión e outra máis a maiores. E é que Samu, que está a ultimar a súa volta, Rubén e Alberto seguen nunha enfermaría da que podería saír Alex Ares, baixa por precaución o pasado domingo. A eles hai que engadir a ausencia de Naveira por sanción logo de ver un cartón vermello contra o conxunto silvista por dobre amoestación, volvendo seguro contra o Bergantiños.

Novo tapete.
A Porta Santa pasou por unha renovación da herba  artificial este mesmo verán para a súa estrea na Terceira galega e este domingo recibirá por primeira vez ao actual campión e líder da categoría. O partido, marcado para as 18h, terá entradas a 10 euros.
Por contra, quen non poida achegarse a Paiosaco, o encontro poderá seguirse en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario