A fin do camiño

O camiño, que arrincou en xullo do pasado ano, chega á súa fin este domingo. Un camiño longo, duro, no que houbo que superar moitos problemas. Con grandes resultados, un título novo para as vitrinas de San Lázaro e a posibilidade de acadar un novo ascenso na historia branquiazul seguindo os pasos de Pontevedra e Coruxo, últimos equipos galegos que conseguiron un ascenso á Segunda B despois de perder na eliminatoria de campións.
Diante, buscará evitar o décimo terceiro ascenso da historia branquiazul un Salmantino que cumpre o seu quinto ano de vida coa súa mellor tempada, coa posibilidade de alcanzar por primeira vez na súa historia as categorías nacionais. Para iso, chegarán á capital galega acompañados dun gran número de seareiros.


Un gran resultado... para os dous equipos.
O 1-1 do partido de ida foi, sen dúbida, un gran resultado para o Compos. Gol fóra da casa, empate deixando boas sensacións e moitas posibilidades de cara a un encontro de volta onde aumentaron as opcións con respecto á pasada eliminatoria, na que houbo que conseguir un resultado case impensable nun partido para a historia, imposible de esquecer na familia branquiazul.
Non obstante, o Salmantino tamén saiu contento do partido de ida. O equipo castelán conseguiu o seu terceiro empate consecutivo na casa nas tres roldas da promoción de ascenso. Curiosamente, foi tamén o terceiro empate na ida superando casa paso a domicilio, con moita emoción chegando a xogar unha prórroga, contra o Mutilvera, e remontando nos minutos finais ao Poblense, despois de chegar aos quince minutos finais perdendo por dous goles de diferenza. Un equipo que, sen dúbida, sabe xogar coas emocións e aproveita á perfección o cansazo dos seus rivais.

13.
Para moitos, un número de mala sorte. Para nós, unha realidade que pode chegar nos vindeiros días. Cinco ascensos á Terceira división, catro ascensos á Segunda división B, dous á Segunda división e un á máxima categoría do fútbol español. Doce premios nunha historia de 56 anos de vida e aos que pode engadirse outro a unha categoría do fútbol semi-profesional dous días antes dun novo aniversario do clube, fundado alá por 1962.
Seguindo os pasos de xogadores coma Jimmy, Catú, Gonzalo, Joselu, Rego ou Mariño entre moitos outros que puxeron o seu nome na historia branquiazul na última década conseguindo importantes ascensos á Segunda B, este grupo de futbolistas liderados por Yago Iglesias e Rodri, que xa sabe o que é ascender co equipo á Segunda división, buscará seguir facendo historia nun campo que nunca viu un gol en contra nunha fase de ascenso, dende 1993, ao que engadir que o Compos ascendeu en tódalas promocións que xogou, xa sexa en ligas ou por eliminatorias.

Un gran soño para as dúas afeccións.
500 seareiros viaxaron ao Helmántico dende Santiago, saíndo varios autobuses dende o estadio branquiazul na madrugada do domingo e facendo máis de doce horas de viaxe no mesmo día entre ida e volta. Medio milleiro de afeccionados compostelanistas que trouxeron de volta un moi valioso empate e unha maior conexión cos xogadores.
Non obstante, ese gran desprazamento, ese enorme esforzo, está a ser superado por unha afección salmantina que xa sabe que ocuparán o Fondo Norte, aberto só en ocasións especiais. De feito, os helmánticos, a falta de tres días para o encontro, levan un total de 9 autobuses cheos, aos que engadir toda a xente que viaxará por libre para pasar a fin de semana na nosa cidade superando os mil afeccionados que estarán en San Lázaro.

Dous exemplos preto da casa.
Dende o ano 2009, o ascenso á Segunda B gáñase por eliminatorias, despois de anos facéndoo nunha liga. Así, co novo formato, os nosos conseguiron ascender en dúas ocasións: en 2009 pola vía rápida logo de ser campións e no 2013 despois de tres fases nas que os nosos conseguiron grandes resultados en San Lázaro. 
Non obstante, houbo dous equipos que, en 2014 e 2015, remataron a fase regular como campións e ascenderon nunha segunda final, despois de perder na fase de campións. O primeiro en tomar ese camiño foi o Somozas, que perdeu contra o filial do Valladolid na rolda de campións e superou posteriormente ao Sanse e ao filial do Tenerife na final en Pardiñas facendo historia. 
Pola súa parte, o ano seguinte fixo o mesmo o Pontevedra. Perderon a penaltis contra o Mensajero na fase de campións e tiveron que superar ao Manzanares e ao Haro Deportivo, con remontada en Pasarón logo de perder na ida nas dúas eliminatorias e conseguindo un premio moi merecido. 

Repetimos?
Para comezar a remontada fronte ao Terrassa, un recibimento organizado por seareiros e ao que se sumou o clube xuntou a máis dun cento de afeccionados branquiazuis. Un primeiro paso que serviu para axudar aos nosos e que se repetirá este domingo na porta 1 de San Lázaro dende as 17:15 horas. Un recibimento aos nosos xogadores e que ninguén se debería perder para amosar, dende case dúas horas antes do arrinque, que non estarán sos. Ademais, hora e media antes estarán abertas as portas para poder entrar no campo. 

Naveira, fóra.
Con Santi e Róber recuperados, Yago contará cunha baixa moi importante para este partido. Naveira, autor do gol na ida, non estará este domingo logo de ver o seu terceiro cartón amarelo no Helmántico e provocando que o adestrador ribeirense teña que idea un novo plan ante a ausencia dun substituto natural do ex lateral do Fabril. Mon ou un central apuntan a ocupar a banda esquerda este domingo sen modificar o debuxo táctico.

Ambiente de Primeira.
Logo de xogarse a ida con máis de 7 mil persoas nas bancadas do Helmántico, San Lázaro apunta a unha mellor imaxe nas bancadas con ata tres partes do campo abertas. Esgotadas as entradas para non aboados na Tribuna dende o mércores pola mañá, só quedan dispoñibles nos diferentes locais colaboradores da cidade e Milladoiro. Pola súa parte, xa están dispoñibles na oficina as entradas para a Tribuna mentres que os afeccionados visitantes ocuparán o Fondo Norte.
Si ben é certo que para os aboados aínda quedan entradas para a Tribuna, coa posibilidade de escoller tamén na Preferencia e poder ir acompañado, a 5 euros. Para non aboados, as entradas teñen un prezo de 10 euros e poderán retirarse tamén nas billeteiras do estadio no mesmo día do partido, con tempo para evitar perderse nada. Pola súa parte, os menores de 18 anos pasarán de balde coa obriga de retirar unha invitación nas oficinas ou nas billeteiras e amosando o DNI na porta de entrada. 
Quen, por contra, non poida asistir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá ver en directo a través da segunda canle da TVG e escoitarse en directo na 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario