500

A mellor afección que hai levou este domingo pola mañá ao equipo branquiazul a poñer un pé na Segunda B. O Compos conseguiu un empate moi importante nun campo histórico e diante unha afección que non deixou de animar nos noventa minutos despois de horas de viaxe dende a capital galega. Ademais, hai que destacar o grandísimo traballo feito por Lucas evitando un resultado maior para un equipo local que se viu beneficiado pola actuación do colexiado, moi permisivo, e con numerosas interrupcións que frearon o ritmo dun partido sen un dominador claro. 


Primeiro tempo de recoñecemento. 
O Salmantino saltou ao terreo de xogo máis metido no partido que o Compos facéndose coas primeiras chegadas sobre a portería de Lucas conseguindo a súa primeira oportunidade aos cinco minutos e espertando aos nosos, que pouco máis tardaron en meterse no xogo para asinar as mellores chegadas a balón parado ante a dificultade de pisar a área. 
Primo, anulado, non puido case tocar a pelota sen ter enriba a algún contrario ou recibir unha falta, sendo o xerador das ocasións a pelota parada máis perigosas preto a portería salmantina. Non obstante, as mellores oportunidades chegaron dende a banda dereita con Saro como un dos xogadores máis ofensivos mandando centros ao corazón da área.
Sen un dono claro, o partido viu un ir e vir de intentos de ocasións nas dúas porterías sen excesivo perigo, a mellor tentativa do primeiro tempo chegou pola banda dereita, por Saro. O santiagués subiu a banda unha vez máis e xogou con Rubén. O extremo vilagarcián puxo un centro medido ao segundo pau e alí apareceu chegando dende atrás Naveira, sen oposición, para anotar cun gran testarazo. 
Primeiro gol antes do tempo de lecer para afrontar un segundo tempo con algo máis de tranquilidade pensando en facer un segundo gol contra un rival que non puxo as cousas nada fáciles.

Lucas, mención a parte. 
O Salmantino saltou ao segundo tempo buscando o seu terceiro empate nestes tres partidos de promoción de ascenso que xogaron na casa. Un empate que conseguiron non na súa primeira chegada do segundo tempo nin na segunda senón nunha terceira na que o gardamallas branquiazul demostrou ser humano cometendo o seu único erro nos noventa minutos, un erro difícil de evitar logo dunha xogada que comezou cunha falta sobre Samu que non sinalou o colexiado, deixando moito que desexar sen castigar moitas accións do cadro castelán. 
Co empate no luminoso, o Salmantino foi un tanto superior en campo contrario buscando superar de novo a un Lucas que tivo unhas das súas mellores actuacións do curso. O gardamallas branquiazul foi quen de deixar a Murci sen o seu premio logo de numerosos intentos con varios paradóns deixando claras as razóns polas que é titular. 

Ao final, ningún dos dous equipos puido rematar con vitoria mais o empate a un gol semella positivo para un Compos que perdeu nas súas dúas últimas saídas. Hai que destacar tamén que para os salmantinos é un gran resultado xa que nas dúas eliminatorias anteriores arrincaron tamén con empate na casa conseguindo o pase á seguinte rolda a domicilio, nos encontros de volta. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Samu, Tomás (Mon, min. 62); Diego Rey (Sobrido, min. 52), Alex Ares, Rubén (Santi, min. 74); e Primo.
CARTÓNS: Amarelo para Naveira.
GOLES: 0-1 42' Naveira, 1-1 57' Ortiz.
CAMPO: Helmántico. 500 seareiros branquiazuis. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario