O fútbol, ás veces, non é xusto

O Compos será equipo de Terceira división por terceiro ano consecutivo, valla a redundancia, despois de caer en San Lázaro diante do Salmantino. Un partido malo por parte dos dous equipos onde os nosos non tiveron ocasións para marcar e no que os visitantes, entre as numerosas perdas de tempo, anotaron na súa única chegada á portería de Lucas.
Fóra do terreo de xogo, as bancadas de San Lázaro estiveron ateigadas de seareiros, con Tribuna e Preferencia cheas e os dous fondos con gran ambiente despois de moito tempo pechados. Pola parte da afección visitante, hai que destacar que non deixaron de animar aos seus en ningún momento celebrando lonxe do Helmántico o primeiro ascenso á Segunda división B da súa curta historia.


Arrinque polas bandas.
Sabedores de que un gol aumentaba en gran parte as opcións de ascenso, o Compos saltou ao terreo de xogo coa única intención de atopar o camiño á portería. Con Rubén ocupando unha das bandas do ataque, as mellores oportunidades chegaron polo seu lado mais sen sorte á hora de atopar un rematador. De feito, as mellores ocasións dos nosos en todo o partido, ámbalas dúas nos primeiros vintecinco minutos, chegaron ou ben a balón parado, cun disparo de Ares que atrapou o porteiro en dous tempos, e un tiro do arousán que petou no longueiro.
O aviso de Rubén serviu para espertar ao Salmantino. O equipo castelán, obrigado a marcar para acadar o obxectivo, non desperdiciou a súa única ocasión clara, no minuto seguinte ao aviso contra a madeira dos nosos, cun centro ao segundo pau que non desaproveitou Murci.

Parón para hidratarse.
Preto de trinta graos en San Lázaro. Moita calor nas bancadas e no terreo de xogo obrigando aos dous equipos a parar durante uns segundos para beber e tomar algunhas indicacións que non pareceron servir a un Compos incapaz de superar un muro defensivo formado por nove xogadores e o porteiro. A iso hai que engadir as poucas gañar do Salmantino de xogar facendo un gran número de faltas e perdendo todo o tempo posible, máis tendo en conta a permisividade do colexiado asturiano..
E así se chegou ao tempo de lecer. O Compos superado no marcador e sen ideas para evitar a caída fronte a un equipo que, co premio no peto, preferiu deixar o bo fútbol de lado para defender o marcador.

Desesperación.
Nin con trocos foi quen o Compos de crear perigo na segunda metade. A entrada de Diego Rey non tivo o efecto desexado ante unha defensa sen ocos mentres que Róber e Sobrido case non puideron tocar a pelota no treito final do terreo de xogo, anulados por completo polo xogo defensivo do conxunto de Salamanca.
Por parte do Salmantino, pouca cousa. Balóns en longo para evitar problemas e a correr a ver se había sorte e podían sorprender a Lucas aproveitando que toda a Esedé estaba metida en traballos ofensivos. Aínda así, non foron quen de superar ao gardamallas así como a Cardeñosa e Álvaro Casas, inmellorables deixando claro cal é unha das mellores parellas de centrais de toda a categoría.
Os minutos finais, entre perdas de tempo, provocaron algún que outro infarto. Cada chegada dos nosos era unha posibilidade de forzar a prórroga que nunca chegou. Nin no tempo regulamentario nin nos seis minutos de engadido que pasaron voando cunha única oportunidade nas botas de Alex Ares, á desesperada, que saiu polo lado da portería visitante.

Grazas e boas vacacións.
Hai que destacar que, malia non poder pechar o curso cun ascenso, o equipo fixo unha tempada para a historia. Campións de liga nove anos despois, chegando a unha final polo ascenso logo dunha remontada inesquecible e levando a 500 seareiros a Salamanca para vivir a ida da promoción. Once meses de duro traballo para un grupo de xogadores doutra categoría. Un equipo ao que só se lle pode dar as grazas por todo o feito e desexarlle unhas tan boas como merecidas vacacións.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Uña; Samu (Sobrido, min. 79), Tomás; Alex Ares, Santi (Diego Rey, min. 46), Rubén (Róber, min. 63); e Primo.
CARTÓNS: Amarelo para Uña.
GOLES: 0-1 26' Murci.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario