Ata aquí. Xa non quedan máis opcións para un Compos que non puido gañar ao terceiro clasificado a domicilio. No Roxo, ante o Cerceda, o equipo non foi quen de conseguir nada positivo logo dun mal primeiro tempo onde os locais foron moi superiores anotando o único gol, obra de Uxío. Mal encontro, frío, e que foi ademais o primeiro de Lorenzo dende a súa volta á Esedé.
Logo do empate do Bergantiños, o Compos chegaba cunha mínima opción de entrar na promoción. Unha opción que pasaba, unicamente, por gañar nun campo onde non se gañou en liga. E un ano máis mantivéronse os puntos en Cerceda logo dun segundo tempo no que os homes de Yago Iglesias non conseguiron nada mellor.
O Cerceda, moi superior.
O Cerceda foi superior durante os corenta e cinco primeiros minutos de encontro, suficientes para desfacerse do Compos e asinar a súa presenza un ano máis na promoción de ascenso á Segunda división B. Non obstante, a superioridade non levou aos de José Luis Lemos á porta de Lorenzo ata os once minutos, logo dun tempo de posesión no centro do campo sen achegarse con perigo á portería.
Os minutos foron pasando e a superioridade local foi en aumento chegando con máis perigo á portería branquiazul e á media hora de xogo fixéronse co merecido premio. Centro de Javi Otero ao segundo pau e chega dende atrás Uxío para, cun gran testarazo, facer un golazo.
Por parte do Compos, só dúas ocasións sen demasiado perigo con ambos centros de Mon que non chegaron a poñer en perigo a portería de Marcos Valín, tranquilo ata o tempo de lecer.
Algo mellor no segundo tempo.
Mellorar a primeira parte non era moi difícil e aínda así fixeron falta vinte minutos para romper o xogo sen intensidade dos primeiros instantes da segunda metade. Aínda así, metendo ao Cerceda no seu campo, as ocasións non chegaron con facilidade á porta de Marcos Valín, só con xogadas a balón parado e con Mon como protagonista.
A Esedé achuchou a porta de Valín pero faltou, unha vez tras outra, finalizar as ocasións con Santi incapaz de superar á defensa. Tampouco Martín e Nogueira, que entraron co partido avanzado, foron quen de bater ao gardamallas local nun final onde Saro errou ante Valín e no Javi Otero puido facer o segundo logo de irse en velocidade de Lorenzo.
Finalmente, o Compos esgotou a derradeira oportunidade de entrar na promoción esta tempada con esta derrota e só lle queda dar unha boa despedida á afección o domingo en San Lázaro ante o Negreira na que será a penúltima xornada. A última, en Barbadás, tamén será domingo ás 18 horas con horario unificado.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Taboada, Uña; Ube, Mon; Diego Rey (Make, min. 63), Recoba, Rubén (Nogueira, min. 73); e Santi (Martín, min. 80).
CARTÓNS: Amarelo para Santi e Recoba.
GOLES: 1-0 30' Uxío.
CAMPO: O Roxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario