1 de maio


Abrimos un novo mes con catro precedentes neste 1 de maio. Catro partidos entre a Segunda e a Segunda división B o mesmo día no que o equipo terá unha cita moi importante ante o Cerceda para manterse con vida e opcións de entrar na promoción de ascenso. Catro citas entre 1991 e 2016 con bos e malos momentos dos nosos, pasando por dous ascensos e un descenso nesas tempadas.

1 de maio de 1991. 
Comezamos na tempada 1990/91 a tres xornadas para o final do curso cun partido ante a Cultural Leonesa en Segunda división B. Un partido serviu case para certificar a súa presenza na promoción de ascenso á Segunda división acadando o segundo posto da táboa con ese punto. 
No Antonio Almivia de León, dous dos mellores equipos da categoría enfrontáronse nun partido que rematou sen goles e co Compos na segunda posición da táboa, posto que perdería a seguinte fin de semana logo de asinar un novo empate, nesta ocasión cun gol por equipo, ante o As Pontes en Santa Isabel. 
Esa tempada, o Compos conseguiría o ascenso á Segunda división logo de superar na promoción a Badajoz, Alcoyano e Alavés na fase de grupos onde conseguiron catro vitorias, un empate ante o Alcoyano e unha derrota contra o Badajoz, ambas a domicilio.

1 de maio de 1993. 
Segunda tempada consecutiva na Segunda división con aínda oito xornadas por diante e o descenso en xogo. Por evitar un final nos postos baixos loitaban en Santa Isabel Compos e Bilbao Athletic, equipo onde militaban naquel momento Iru e Lekumberri que posteriormente asinarían pola Esedé. E de novo, partido igualado que rematou con reparto de puntos para ámbolos dous conxuntos. 
Ante un equipo con xogadores como Iru, Lekumberri ou Aitor Karanka, a Esedé saiu ao terreo de xogo cun once formado por Carlos, Víctor, Tocornal, Tono, Cea, Nacho, Toni, Fabiano, Carlos Alberto, Ohen e Pichi Lucas aos que engadir durante o segundo tempo a Moure e Bodelón entrando dende o banco de suplentes. De feito, foi na segunda metade cando chegaron os goles. Abriu o marcador Lekumberri para o filial vasco mentres que Ohen, tres minutos despois, devolveu a igualada ao encontro que remataría así e cos dous conxuntos igualados na zona media baixa da clasificación.

1 de maio de 1994.
E chegamos á tempada de ouro na Segunda división do fútbol español. A campaña 93/94 que sempre será recordada polo ascenso do noso equipo á Primeira división contou cun Badajoz-Compos a tres xornadas para un final no que a Esedé encadearía ata tres vitorias consecutivas asegurando o terceiro posto da clasificación.
Con Iru xa nas filas do equipo santiagués, Víctor, Tocornal, Bellido, Modesto II, Nacho, Bodelón, Skocic, Fabiano, Abadía e Pichi Lucas, aos que sumar a Moure e José durante a segunda metade, o equipo sumou os tres puntos en terras estremeñas grazas a un gol case no final do primeiro tempo de Pichi Lucas. O partido contou, ademais, con sufrimento engadido logo da expulsión de Tocornal a media hora para o remate.

1 de maio de 2016.
Logo de dous precedentes con final feliz, chegamos a outra tempada onde o equipo non estivo libre de problemas. Logo do paso polo banco de Iñaki Alonso e Alberto Mariano, era o momento de que Fredi conseguise algo épico coa misión de salvar ao equipo, algo que non foi capaz de facer consumando o descenso días antes de visitar por última vez El Sardinero. 
Un Compos sen nada en xogo e sen ideas visitaba un dos campos máis difíciles do campionato para enfrontarse a un rival metido na loita por volver á Segunda división. E co once formado por Pato; Josu, Sergio Sánchez, Javi, Jimmy; Moreno, Manu Rodríguez; Jordan, Dani Hernández, Goti; e Guillem Martí, aos que sumar aos subtitutos Fondevila, Mon e Chiño, o noso equipo non foi quen de plantar cara a un Racing que sumou os tres puntos grazas a un gol de Coulibaly e que puido ampliar diferenzas en varias ocasións sendo superior sobre o terreo de xogo. 
O resumo do encontro, aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario