Xa sen opcións matemáticas para entrar este ano na promoción de ascenso á Segunda división B logo da derrota de onte no Roxo, é o momento de lembrar tres partidos xogados polo Compos entre 1999 e 2010 un 2 de maio. Tres recordos entre Segunda división e Segunda B nos que hai que contar a dous filiais e, por desgraza, tres derrotas sen goles branquiazuis.
2 de maio de 1999.
Con moito tempo por diante para rematar a tempada, o Compos visitaba en Segunda a un dos grandes equipos da categoría: o filial do Atlético de Madrid. Mal partido dos nosos en San Lázaro contra o conxunto 'colchoneiro' con tres goles en contra na segunda metade, algo que non soubo arranxar o adestrador local.
Con Carlos, Toño Castro, Bellido, Cabrejo, Viedma, Chiba, Fabiano, Lekumberri, Roberto Feáns, Mauricio e Sion no once e Coira, Passi e Prieto saíndo dende o banco de suplentes, o noso equipo non foi rival para o filial madrileño, que sumou os tres puntos grazas aos goles de Vukic, Sequeiros, que anos despois chegaría á Esedé, e Pablo García na segunda parte.
2 de maio de 2004.
De novo en Segunda B, visitabamos ao Zaragoza B tal día coma hoxe hai trece anos cun equipo onde xogaban Rodri, actual segundo adestrador, Castiñeiras, agora na directiva, e Tachi, unha das pezas importantes no último ascenso do equipo á división de bronce hai catro tempadas. E de novo, derrota importante.
Na Cidade Deportiva do Zaragoza, o Compos saltou ao terreo de xogo cun once formado por Carlos, Rafa Moreno, Jesús Torres, Tachi, Castiñeiras, Chema, Sergio Sánchez, Seoane, Rodri, Anxo e Curiel, aos que sumar os substitutos Bossa, Lara e Adrián Nieto. Os goles non tardaron en chegar na porta de Carlos facendo Camacho o primeiro aos once minutos e Virgili o segundo dez minutos despois deixando sen opcións a un equipo que remataría o curso descendendo.
2 de maio de 2010.
Penúltima xornada de liga. Última saída do Compos nunha tempada horrible con descenso incluido chegando sen ningunha opción ao treito final do calendario. E en Sestao non foi para menos sumando unha nova derrota que afundía aínda máis aos nosos na táboa e que mantiña con vida ao equipo local, que finalmente tamén descendeu.
O once branquiazul estaba formado por Pablo Castro, Faneca, Trovo, Ángelo, Catú, Rego, Tiko Messina, Petter, Rubén Márquez, Iván González e Keaton, aos que sumar a Centrón e Sergio Cueto, non foi quen de sequera marcar ante o Sestao River en Las Llanas, un Sestao no que arrincaba a súa carreira o agora xogador do Alavés de Primeira Ibai Gómez. Foi outro, Eder, quen adiantou aos seus a quince minutos para o final ante un Compos que acabou con nove xogadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario