O Compos volveu ao camiño dos tres puntos en San Lázaro ante o Negreira. Un partido sen case intensidade onde os dous equipos, sen nada en xogo máis que un bo final de tempada, tiveron opcións de levarse os tres puntos, que quedaron na casa grazas a un gol de Nogueira.
O partido non será recordado por un bo xogo mais pasará á historia do clube xa que nel puidemos vivir dúas retiradas importantes. Dúas despedidas de dous xogadores que aceptaron a chamada do Compos o pasado verán e nos deixaron boas leccións de fútbol durante este curso. Dous homes, David Rey e Cabrejo, aos que só lles podemos dar as grazas por tanto o que fixeron non só polo noso equipo senón tamén polo fútbol galego.
Superiores sen case perigo.
Durante o primeiro tempo, o Compos foi superior a un Negreira que tivo que realizar dous trocos obrigados nos quince primeiros minutos de xogo. Pouco máis pasou nos primeiros intres dun encontro onde os nosos foron donos da pelota ante un equipo que se limitou a defender no seu campo e buscar a porta de Lorenzo á contra, forma da que conseguiron levar máis perigo que os nosos durante a primeira media hora de xogo con Chiño e Jacobo Tato probando ao seu ex equipo.
Ritmo e intensidade baixos nun encontro que tivo o seu único gol superada a media hora. Pase de Saro en profundidade dende o centro do campo para Nogueira que recibe no punto de penalti. O dianteiro da capital só tivo que definir a un lado aumentando a súa conta de goles esta tempada.
Tralo gol, Jacobo Tato tivo outra máis perdoando ante Lorenzo mentres que Taboada non foi quen de bater ao porteiro do Negreira cun disparo dende fóra da área.
Igual segunda parte.
Se xa o primeiro tempo non tivo moita emoción, o segundo non foi para menos. Pouca intensidade, pouco fútbol e algunha que outra ocasións nas dúas porterías que ben souberon solventar os dous porteiros. Tamén hai que engadir a mala nova do partido que chegou coa lesión de David Uña.
Trocos, interrupcións e poucas oportunidades de gol sobre o campo de San Lázaro onde o mellor estaría por chegar, logo do asubío final dun partido que chegou ao minuto 95. Cabrejo e Saro tiveron nas súas botas o segundo gol branquiazul mentres que o ex da Esedé Ángelo estivo a piques de empatar mandando un balón ao longueiro no treito final.
Moitas emocións.
Sen dúbida, o mellor chegou ao final. Rematou o encontro e comezou a emoción. Manteos, fotos, celebracións... David Rey, que foi capitán, e Cabrejo despedíronse da que foi e sempre será a súa casa. Un momento que se podería repetir o vindeiro domingo en Barbadás cando si se confirmará totalmente a retirada destas dúas xa lendas do Compos.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, David Rey, Uña (Cardeñosa, min. 61), Cabrejo; Taboada, Mon; Diego Rey (Ander, min. 72), Samu, Recoba (Santi, min. 64); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelo para David Rey.
GOLES: 1-0 34' Nogueira.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario