7 de maio


Tal día coma hoxe, 7 de maio, temos ata tres recordos co noso equipo como protagonista entre a Primeira e a Segunda división B con tres rivais que non puxeron as cousas nada fáciles para un Compos que sumou dous empates e unha vitoria ante un dos equipos que asestou, hai xa un par de anos, unha das maiores goleadas ao equipo dende a chegada da nova directiva.

7 de maio de 1995.
A sete xornadas para o final da primeira tempada do Compos en Primeira e coa permanencia en xogo, era o momento de visitar El Sardinero para enfrontarse ao Racing de Santander, con Popov nas súas filas algo máis dun ano antes de recalar en San Lázaro. 
Trala vitoria do Compos en San Lázaro ante o equipo cántabro na primeira volta, os dous conxuntos chegaban a esta cita emparellados na clasificación. E o equipo de Castro Santos, con Iru, Toño Castro, Bellido, Tocornal, Modesto, Galdames, Lekumberri, Abadía, Llorente, Ohen e Arensoe, aos que engadir a Moure e Pichi Lucas dende o banco de suplentes, recibiu o primeiro gol de Mutiu aos sete minutos. Un gol ao que tampouco tardou en responder Bellido co empate. Non obstante, o nixeriano devolvería a superioridade no marcador aos seus na segunda metade e Pichi Lucas, a sete minutos para o final, anotou o empate final. 

7 de maio de 2000.
Cinco anos máis tarde o rival era o Elche en San Lázaro nunha Segunda división que rematou con dous descensos por impagos, outro, o do Atlético B, polo descenso do primeiro equipo e só un polo seu posto na clasificación. Así é que o Compos conseguiu a permanencia nun ano difícil superando nun punto ao Xetafe, que non baixou malia rematar nun dos postos de descenso, e a tres do CD Logroñés que si perdeu a categoría. 
Ante o Elche, o equipo branquiazul saiu ao terreo de xogo con Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Saula, Adriano, Díaz, Fabiano, Lekumberri, José Manuel, Gudelj e Changui e cos trocos de Hoekstra e Cabarcos na segunda metade. Un bo once que non tardou en ver porta nin cinco minutos cun gol de Gudelj. Mais, porén, o equipo ilicitano asinou o empate na segunda metade cun tanto de Cañadas poñendo o resultado final do marcador.

7 de maio de 2016.
Hai xusto un ano, o Compos chegaba sen opcións ao final da liga. De feito, ao igual que hoxe, o equipo despedíase de San Lázaro con unha xornada por diante, ante o Atlético Astorga. Partido contra outro descendido e que perdía a categoría ao mesmo tempo que encaixaba unha derrota semellante á que un ano antes recibimos en Astorga.
Penúltima xornada de liga. Xa descendidos e nada en xogo. Fredi buscou dar un bo final ao equipo na casa e para iso sacou un once formado por Marqueta; Jesús Varela, Javi, Sergio Sánchez, Jimmy; Moreno, Dani Hernández, Mon, Bicho, Fondevila; e Chiño, aos que engadir a Manu Rodríguez, Jordan e Guillem Martí durante a segunda parte. Pois ben, o partido non comezou nada ben cun gol de Diego Peláez pero a vitoria encarrilouse antes do final do primeiro tempo cos goles de Fondevila e Mon. Na segunda metade asinaron Dani Hernández e Guillem Martí os dous tantos finais para asegurar tres puntos máis e despedirse de San Lázaro cun bo sabor de boca.
O resumo, aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario