Chega o fin

Este domingo chega a despedida oficial do Compos 2016/17 en San Lázaro. O último partido dos nosos na casa nesta campaña e que, esperemos, signifique a volta do equipo á vitoria despois de catro xornadas sen puntuar de tres, e mes e medio sen deixar os tres puntos na casa. Ademais, recibiremos a un Negreira sen nada en xogo nun partido case considerado como un derbi.
Unha semana despois de perder as opcións definitivas de entrar na promoción por parte do Compos e de asinar de xeito matemático a permanencia, agás sorpresa dende a Segunda B, o Negreira, os dous equipos chegan a esta penúltima data do campionato sen nada polo que loitar máis que rematar a tempada deixando boas sensacións e un bo final que recordar.

Permanencia sen problemas.
O Negreira non pasou por problemas para certificar o seu obxectivo esta tempada. Nunha tempada onde a permanencia non está a ser doada para moitos equipos, xa que este ano cóntase con cinco postos de descenso, os equipos tiveron que achegarse aos 50 puntos para non pasar problemas. E así foi o que tivo que facer o conxunto negreirés para afrontar este final pensando xa na seguinte campaña.
Con José Manuel Pose á fronte do equipo vermello, asinaron a permanencia grazas a un empate con moitos goles a pasada fin de semana no García Calvo ante o Dubra. De feito, na casa conseguiron 32 dos 49 puntos que suman ata o de agora perdendo só dous partidos contra Silva na primeira xornada e Deportivo B hai un par de meses. Contan tamén con vitorias importantes como a conseguida ante o Racing Vilalbés (4-0) sendo un dos poucos equipos capaz de sacar tantos puntos contra rivais da zona alta da táboa.
50 goles avalan a un equipo con moito gol, sexto que máis porta viu, aos que restar 43 goles en contra, segundo que menos tantos recibiu da zona media baixa da clasificación encaixando tamén tres menos que o Compos. Un seguro de gol que conta con só catro partidos con empate sen goles.
A nivel individual hai que destacar a moitos xogadores. Stefan, máximo goleador do equipo con 12 tantos, Capelo, Jacobo Tato, Chiño... e ata seis xogadores con máis de tres goles entre os que chama a atención a presenza do ex defensa da Esedé Ángelo, que suma 5. Tamén hai que contar a outro dentro da historia branquiazul e que agora busca pechar a súa carreira no García Calvo: Pignol, que debutou na Esedé en Primeira.

Na busca da vitoria.
O Compos chegou ao final da tempada con opcións de facer algo importante e entrar na promoción de ascenso. Non obstante, o equipo de Yago Iglesias suma agora catro xornadas sen coñecer a vitoria desfacendo os soños da afección. Tres derrotas contra Vilalonga, Rápido de Bouzas e Cerceda, todas pola mínima, e un empate a 2 contra o Choco deixándose igualar un 2-0, son as razóns polas que este domingo non haberá nada polo que loitar en San Lázaro.
Pola súa parte, o Negreira só conseguiu unha vitoria nos catro últimos partidos. Dous empates ante Alondras (2-2) e Dubra (3-3) e unha derrota pola mínima ante un xa descendido As Pontes só fixeron que a permanencia matemática chegase algo máis tarde. A súa última vitoria, hai tres semanas, chegou na casa ante un Castro que buscará esta xornada manterse con vida na categoría.

Poucos precedentes.
Compos e Negreira case non coincidiron en categoría nacional. De feito, só hai dous precedentes recentes e que sinalan aínda máis ao Compos como o gran favorito. Dous encontros que, ademais, chegaron en tempadas que remataron con ascensos branquiazuis.
No 2008, os dous equipos abriron a tempada en San Lázaro nun partido onde o Compos foi moi superior e no que os goles non tardaron en chegar. Rubén Márquez adiantou aos nosos aos 5 minutos e sete despois foi Claudio quen certificou a vitoria local.
Os tres puntos quedaron tamén na casa en 2013, con Fredi no banco, malia adiantarse o Negreira ao arrinque do segundo tempo. Un gol que axudou ao Compos a irse ao ataque e empatar cun gol de Tachi nun córner. Si tardou algo máis en chegar o segundo tanto, o da vitoria. Foi, quen senón, Joselu o autor do segundo gol no 85 para achegar algo máis a promoción a Santiago.
E xa nesta tempada, na primeira volta, o resultado non puido ser positivo para os intereses do equipo da capital. A primeira vitoria puido chegar naquel partido de decembro cun gol de Cardeñosa logo dun córner no 55 pero Quintairos empatou no 83 deixando un mal sabor de boca para os nosos.

Diferentes chegadas.
A Esedé non pode presumir de chegar a este partido nun bo momento en canto a resultados nin falando do xogo. A última derrota ante o Cerceda deixando unha imaxe moi mellorable demostran que o equipo non está a pasar por un bo momento. Superado en moitos momentos dos partidos, os de Yago Iglesias buscarán volver á vitoria na despedida na casa desta tempada.
Pola súa parte, o Negreira chega de empatar ante o Dubra nun encontro tolo e que puido caer para calquera lado. De feito, o Dubra adiantouse con goles de Mariño e Vieites apenas superados os quince minutos de partido. Dous goles de Jacobo Tato, un deles golazo de falta directa, serviron para empatar e Quintairos fixo o 3-2 a dez minutos para o final. E de novo Vieites atopou o camiño á porta dous minutos máis tarde para pechar un empate a 3 con ata tres goles con pasado na Esedé.

Despedidas a parte.
Sen dúbida hai un home que merece unha despedida a parte. Cabrejo anunciou en redes sociais que deixaría o fútbol ao final desta campaña e ante o Negreira xogará por última vez en San Lázaro en partido oficial. O lateral de Camariñas, que arrincou a súa carreira deportiva hai vinte anos no Compos B, colgará as botas en Barbadás non antes sen recibir o cariño da afección en San Lázaro no que será o seu último partido no campo onde viviu o comezo do que sería unha gran carreira deportiva. Isto será posible logo de cumprir sanción a pasada fin de semana ante o Cerceda por acumulación de amonestacións.
Quen tamén vivirá por última vez como xogador o ambiente de San Lázaro será David Rey. O central de Ordes, que chegou a principio de tempada e que non contou con moitos minutos, terá este domingo tamén a derradeira oportunidade de vestirse de curto no campo onde debutou en 2003 coa camisola branquiazul.
O lateral volverá ao once nun partido especial que, de novo, se perderá Tomás por lesión. Ademais, Make será tamén baixa por problemas musculares. 

Horario unificado.
A Federación xa fixo oficiais os horarios das dúas últimas xornadas e, sorpresa, tódolos partidos serán domingo ás 18 horas. San Lázaro acollerá a penúltima data do campionato, última en Santiago, As entradas para os que queiran asistir estarán a un prezo de 10 euros para non socios e de 5 para rapaces entre 17 e 14 anos.
Quen, por contra, non poida estar no teatro dos soños branquiazul poderá seguir o encontro en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais poderá escoitarse en directo na 'Esedé Radio', na web oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario