3 de maio


Terceiro día do mes e, ata o de agora, o que conta con máis precedentes ao longo da historia recente do noso equipo. Ata cinco partidos dende unha nova visita a Sestao en 1992 na Segunda división, ata un Compos-Oviedo en San Lázaro hai só dous anos pasando por un gran partido en Balaídos. De Terceira a Primeira, un día completo.

3 de maio de 1992.
O Compos visitaba de novo o campo do Sestao Sport Club, un equipo ao que nunca foi quen de gañar en terras vascas, coa intención de seguir asegurando unha boa tempada na categoría de prata. Un triunfo que puido chegar xa que o noso equipo chegou a ir por diante durante escasos minutos recibindo logo o gol do empate definitivo.
O once formado por Docobo, Víctor, Cayetano, Bellido, Cortés, Bodelón, Ochoa, Núñez, Ohen, Maric e Moure, aos que sumar a Toni e Cea no treito final do segundo tempo, non puido asinar o primeiro triunfo en Sestao, onde militaba o agora adestrador do Eibar Mendilíbar. Si é certo que os tres puntos puideron viaxar cara Santiago grazas ao gol de Cortés mais o conxunto local empatou escasos minutos despois dende os once metros cun gol de Sukunza. 

3 de maio de 1998.
Chegamos a un dos mellores partidos do Compos en Primeira. Un gran resultado na que foi a derradeira tempada do equipo na máxima categoría volvendo de Vigo cun punto de ouro nun encontro tolo e cheo de goles. Seis goles exactamente nunha festa do fútbol galego con grandes xogadores nos dous bandos.
Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Villena, Nacho, Chiba, Lekumberri, Fabiano, Passi, Llorente e Penev no once titular. Tabuenka, Sion e Popov saíndo dende o banco na segunda parte. Xogadores como Mostovoi, Karpin ou Mazinho no equipo local. Espectáculo asegurado que arrincou cun gol de Berges para o Celta aos nove minutos. A ese gol respondeu ata en dúas ocasións o Compos remontando antes do tempo de lecer con goles de Chiba e Lekumberri. Xa na segunda metade foi Juan Sánchez o encargado de igualar de novo o resultado, Sion adiantou unha vez máis aos nosos no 80 e no engadido chegou o 3-3 definitivo con gol de Moisés dende os once metros.

3 de maio de 2003.
Volta a Segunda división para recibir en San Lázaro a un equipo xa desaparecido. O Xerez CD, que xogou en Primeira non hai moitos anos, conseguiu os tres puntos na súa única visita á capital galega, hai 14 anos nunha tempada na que os dous equipos remataron na zona tranquila da táboa logo de 42 xornadas.
Tito, Pinillos, Pignol, Vojvoda, Adriano, Fabiano, Lima, Pedro Aguado, Sequeiros, Juanito e Maikel no once branquiazul e Rodri, Fidalgo e Jesús Torres saíndo dende o banco de suplentes. O Compos non puido facerse con nada positivo repetindo o resultado da primeira volta ante o equipo andaluz. Nesta ocasión foi Zárate o autor do gol nun equipo que rematou con dez pola expulsión de Mendoza minutos antes do tempo de lecer.

3 de maio de 2009.
Outro equipo ao que os problemas económicos o fixo desaparecer foi o rival do Compos tal día coma hoxe hai oito anos. O Montañeros saiu de San Lázaro con tres puntos ante a pasividade total do equipo local, xa campión de grupo matematicamente e días despois de coñecerse problemas nos pagos das nóminas dos xogadores.
Con Toledo, Catú, Cholo, Toño, Jimmy, Vladimir, Mariño, Tomás, Centrón, Petter e Rubén no once, aos que engadir a Pablo, Rego e Pato entrando dende o banco de suplentes, o equipo non deixou boas sensacións ante o cadro coruñés. O Montañeros, que certificou o segundo posto coa vitoria, só chegou en tres ocasións e fixo tres goles. 

3 de maio de 2015.
E rematamos cun gran empate ante un histórico do fútbol español, o Real Oviedo, nun partido que puido rematar con vitoria local. Un empate que, por contra, deixou totalmente sen opcións de entrar na promoción de ascenso aos nosos a tres xornadas para o final con Iñaki Alonso no banco local e cun once que deixou grandes actuacións en San Lázaro. 
Con Ramón baixo paus; Josu, Portela, Alcañiz e Jimmy en defensa; Lemos, Marcos Rodríguez, Teles e Fondevila no centro do campo; e Yacine e Quim Araújo en ataque, aos que sumar a Manu Rodríguez, Mensha e Jordan entrando dende o banco, o Compos saiu con intención de sumar tres puntos moi importantes. Tanto foi así que aos trinta segundos chegou o primeiro gol, obra de Lemos. Un golazo que só serviu para aguantar por diante ata o minuto 80, cando empatou Cervero tras un minuto sobre o terreo de xogo. 
O resumo completo do partido, aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario