O 4 de maio non é, na historia recente do noso equipo, un día moi positivo. Tres precedentes nos últimos vinte anos e só dous empates como o máis positivo, aos que sumar unha derrota. Dúas citas en Primeira e outra na Segunda B para lembrar un día máis na historia da Esedé, dende 1996 ata 2014.
4 de maio de 1996.
O Compos non puido entrometerse nunha das mellores tempadas da historia do Atlético de Madrid, que rematou cunha Liga e unha Copa do Rei na vitrina madrileña. Tal día coma hoxe enfrontáronse os dous equipos hai máis de vinte anos en San Lázaro nun partido onde un equipo con figuras coma Caminero, Simeone, Pantic ou o santiagués Tomás Reñones.
Con Falagán, Mauro, Villena, Bellido, Nacho, Eraña, Lekumberri, Fabiano, Passi, José Ramón e Ohen no once titular e Toño Castro, Llorente e Arensoe entrando ao campo ao longo do partido, o Compos comezou perdendo cun gol de Caminero antes dos dez minutos de xogo. Tamén no primeiro tempo chegou a expulsión de Villena deixando con dez aos nosos. E xa na segunda parte, Simeone puxo o segundo no marcador aos tres minutos da reanudación e Caminero asinou a sentenza no 80. Arensoe fixo o único gol do Compos xa sen tempo.
O resumo do partido, aquí.
4 de maio de 1997.
A tempada seguinte había que visitar o agora Benito Villamarín. Ante o Betis na terceira campaña da Esedé en Primeira división, os da capital galega non puideron sumar máis dun punto nun encontro igualado en todo coa única diferenza da clasificación dos dous equipos, que mellora un pouco máis este empate.
O noso equipo, obrigado a gañar, saltou ao terreo de xogo con Rafa Gómez, Mauro, William Amaral, Villena, Viedma, Popov, Fabiano, Passi, Llorente, Lekumberri e Ohen, aos que sumar as entradas de Bellido, Chiba e Manuel durante a segunda parte. Non obstante, non houbo goles nos noventa minutos ante o que chegaba de cuarto na táboa por debaixo dos dous grandes e do Deportivo á xornada 36 dunha tempada que contou con 42 datas.
4 de maio de 2016.
E chegamos ao final. Penúltima xornada da tempada 2015/16 co obxectivo da permanencia xa cumprido semanas antes. E despois de perder ante o Noja a domicilio, nun curso onde non se gañou fóra de San Lázaro, chegou un empate ante o Tropezón que agora se podería comparar co partido de hai uns días ante o Choco.
O equipo de Fredi saltou ao terreo de xogo de San Lázaro formado polo de novo porteiro do Compos Lorenzo; Borja Facal, Germán, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo; Jacobo, Peláez, Fondevila, Jordan; e Joselu. Ademais, entraron Manu Rodríguez e Jorge na primeira parte e Diego Rey, un dos mellores ás ordes de Yago Iglesias este ano, na segunda. E o partido contou con todo o posible, dende a expulsión de Germán superados os vinte minutos, dous goles de Joselu para case asegurar a vitoria e outros dous do Tropezón para asinar un punto que deixou aos dous equipos na zona media da clasificación.
O resumo do partido, aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario