30 de abril


Rematamos o primeiro mes desta nova sección do blog con dous partidos do Compos na época dourada. Un en Primeira, ante o Sporting e outro, xa en Segunda, ante o Eibar onde se conseguiron catro dos seis puntos en xogo. A mellor maneira de pechar o mes de abril con precedentes de 1995 e 2000.

30 de abril de 1995.
Con aínda moita liga por diante, o Compos pechou o seu primeiro mes de abril en Primeira división cunha vitoria importante e traballada ante un Sporting de Xixón que chegaba con intención de afastarse dos postos baixos da clasificación. Por sorte, en San Lázaro quedaron tres puntos moi importantes para unha permanencia histórica.
Iru, Bellido, Villena, Modesto, Galdames, Llorente, Lekumberri, Fabiano, Abadía, Ohen e Arensoe no once inicial e Moure e Paniagua no segundo tempo. O Compos arrincou da mellor forma posible cun gol de Ohen aos tres minutos e Bellido fixo un segundo media hora despois. Pero nun mal minuto na segunda metade chegaron dous goles dun Sporting con dez, obra de Sabou e Pablo Diaz empatando o encontro. Moure, no 86, fixo o gol definitivo.

30 de abril de 2000.
Cinco anos despois, en Segunda, o Compos visitaba Ipurúa para verse as caras ante o Eibar coa permanencia en xogo. Un partido que rematou sen goles en gran parte grazas a Iru, porteiro do Compos na tempada do ascenso a Primeira e na estrea do equipo na máxima categoría que logo militou nas filas do conxunto armeiro.
Con Rafa Gómez, Mauro, Villena, Adriano, Saula, Bellido, Díaz, Fabiano, Lekumberri, Sion e Changui, ademais de Hoekstra, Biscay e Gudelj entrando na segunda metade, o noso equipo non foi quen de bater ao ex gardamallas branquiazul coa intención de evitar os postos de descenso. Pero o gol non chegou e a cinco xornadas para o final da liga, a Esedé quedaba a tres puntos dos postos de descenso, ocupados por dous dos tres últimos clasificados e polo filial do Atlético de Madrid, descendido tamén logo do descenso do primeiro equipo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario