A seis xornadas para o final da tempada, o Compos ten na súa man volver á Segunda B este mesmo curso. Seis partidos por diante onde o equipo depende de si mesmo para rematar a mediados do mes de maio entre os catro primeiros, algo que non será imposible pero tampouco nada doado tendo en conta os rivais que quedan por diante, dous deles por enriba na clasificación.
Ata a visita ao Barbadás, onde pecharemos a tempada regular, quedan tres partidos na casa onde non se pode perdoar nin un só punto. Nove puntos en xogo contra equipos que xa poden ter o obxectivo da permanencia nas súas mans e se a iso sumamos os resultados do equipo en San Lázaro... Pero agora hai que pensar nun Vilalonga que chega na zona tranquila sete puntos por enriba do descenso.
Igual na casa que fóra.
No grupo I da Terceira hai poucos equipos que poden presumir de facer uns números mellores ou semellantes na casa e a domicilio e o Vilalonga é un deses. O equipo de Sanxenxo suma polo de agora 46 puntos en total, 23 en San Pedro e outros tantos lonxe da súa afección. Un equipo que fai algo máis dun gol por partido, 41 en 32 partidos, pero que, por contra, é un dos equipos que menos goles encaixa, 35 ata o momento.
O conxunto sanxenxino gañou 7 partidos a domicilio, empatou 2 en Bouzas e Barbadás e perdeu outros 7, tres deles nas cinco últimas saídas. Un equipo que viu portería en 12 das súas 16 saídas deixando o seu marcador a cero en catro das cinco últimas visitas. Por contra, aos 20 goles a favor hai que sumar, ou máis ben restar, os 18 en contra lonxe de San Pedro.
A nivel individual hai que ter en conta sobre todo a Javi Pazos. O dianteiro de Marín anotou algo máis dun tercio dos goles do equipo (15) sendo o referente en ataque do equipo celeste logo de dar aos seus 28 puntos cos seus tantos, entre os que destacan dous 'hat trick' ante Castro e Negreira, ambos en San Pedro. Deses 15 goles hai que dicir tamén que só 5 os fixo fóra da casa.
Precedentes positivos.
O Vilalonga visitou San Lázaro en catro ocasións conseguindo dous puntos de doce posibles. Dúas vitorias locais e dous empates nun enfrontamento que non deixou moitos goles nos 360 minutos anteriores. De feito, na actual casa da Esedé e en Santa Isabel, onde se xogaron os dous primeiros partidos, só se viron cinco goles, catro para os nosos.
O primeiro, en 1988, rematou sen goles en Santa Isabel, Xusto un ano máis tarde si quedarían os tres puntos na casa grazas a unha axustada vitoria branquiazul pola mínima (1-0). En 2008, logo de case 20 anos sen verse as caras Compos e Vilalonga, igualáronse as forzas e os dous equipos repartiron os puntos grazas aos goles de Rubí para os celestes e de Mariño para os nosos nun partido polémico. E o último precedente en San Lázaro rematou con vitoria local grazas aos goles de Kolman e Joselu nun partido onde a Esedé se puxo sexta a un punto dos postos de promoción nunha tempada que remataría cun ascenso á Segunda B.
Hai que engadir tamén o resultado da primeira volta, en San Pedro, onde o Compos non foi quen de volver con máis dun punto. Un empate grazas aos goles de Iker para os locais cando só pasaran uns segundos dende o comezo do encontro e de Recoba, no seu debut, no tempo engadido.
Polo bo camiño.
Compos e Vilalonga están cada vez máis preto dos seus obxectivos principais e iso é logo das vitorias dos dous equipos a pasada xornada. O Compos, que soña xa coa promoción, e o Vilalonga, que está moi preto de conseguir a permanencia de xeito matemático.
A Esedé superou ao Órdenes con dificultades grazas aos goles de dous xogadores de Santiago como son Martín e Nogueira. Dous goles para dar a volta ao de Manu de penalti no que foi un partido difícil para os nosos ante o pechacancelas, que quere deixar a categoría cunha mellor imaxe.
O Vilalonga tamén recibiu a un equipo xa descendido. E, ao igual que en Vista Alegre, en San Pedro tamén se viu unha remontada. O Dubra adiantouse no primeiro tempo cun gol de Díaz e na segunda parte anotaron Aarón e Javi Pazos os dous goles que dan tres puntos moi importantes a un equipo agora mesmo a sete puntos do descenso.
Mon, fóra.
Para esta cita tan importante, Yago Iglesias non poderá contar cunha das pezas máis importantes. Mon, un fixo no centro do campo, non estará nesta nova final para o equipo logo de ver en Ordes o seu décimo cartón polo que cumprirá ciclo. Unha baixa importante á que engadir a dúbida de Tomás, aínda recuperándose da súa lesión.
Para este partido, importantísimo, hai que contar tamén con dous homes apercibidos de sanción que non poderían estar en Bouzas a seguinte fin de semana. Ube e Saro, que leva dende febreiro con catro cartóns, apuntan a titulares neste final de liga e serían dúas ausencias moi importantes para Yago no Baltasar Pujales.
Que non estean sos.
O clube branquiazul buscará que este domingo o equipo non estea so en San Lázaro. Para iso, dúas semanas despois de facer pasar por taquilla aos socios, esta fin de semana aparece unha gran oferta que ninguén pode desaproveitar. Ata o venres cada socio poderá retirar ata tres entradas para acompañantes totalmente de balde. Unha gran nova para mellorar o ambiente nas bancadas dun campo onde o mellor está por chegar.
O partido será o domingo ás 17 horas nun San Lázaro onde se espera un gran ambiente. As entradas para non abonados terán un prezo de 10 euros para maiores de 17 anos, 5 para rapaces entre 17 e 14 e de balde para menores de 14.
Quen non poida achegarse ao teatro dos soños branquiazul poderá escoitar o encontro en directo a través de 'Esedé Radio' na web oficial do clube ou ben seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario