Dependemos de nós mesmos


No que vai de tempada nunca tivemos tan preto a posibilidade de entrar en postos de promoción de ascenso. Trala vitoria branquiazul en Vista Alegre o equipo xa está na quinta posición da táboa a só un punto do cuarto. O mellor de todo? Dependemos de nós mesmos para rematar a tempada entre os catro primeiros e loitar por un novo ascenso á Segunda B por quinta vez na historia do clube. Pero para iso haberá que superar aos seis rivais que quedan por diante, dous deles loitarán polo mesmo obxectivo.
Á vitoria, moi traballada, do equipo en Ordes hai que sumar os empates entre Deportivo B e Racing Vilalbés, que volve ao cuarto posto, as vitorias de Bergantiños sobre o Arousa e Rápido de Bouzas sobre o As Pontes e o outro empate menos esperado entre o Cerceda e o Alondras en O Roxo. Unha xornada inmellorable para os intereses do equipo da capital, que ante o Vilalonga podería asaltar os postos altos da clasificación.

Vitoria compostelá.
Xa é habitual que o Compos supere, ou polo menos empate, os seus partidos a domicilio nos minutos finais. Un equipo que perdoa ocasións claras durante o primeiro tempo e que sufre para gañar na segunda, cando as forzas xa case desaparecen, tivo máis dificultades para bater a un Órdenes xa descendido de xeito matemático.
Logo dun primeiro tempo onde se puido facer máis dun gol, o Órdenes non perdoou dende os once metros ao arrinque da segunda metade. Un gol que non foi nada doado de remontar a pesar dun bo número de oportunidades sobre a porta local. Por sorte, dous xogadores da cidade que entraron dende o banco de suplentes asinaron dous goles que serviron para sumar tres puntos de ouro.

Empate nas alturas.
Deportivo B e Racing Vilalbés empataron nun partido tolo que parecía ser claramente para o conxunto coruñés, que chegou a ir gañando por dous goles de diferenza ao final do primeiro tempo. Na segunda parte, por contra, o equipo lugués meteu unha marcha máis e puido igualar o resultado no final do partido ante un Fabril con dez.
O equipo de Vilalba é de novo cuarto clasificado logo de igualar un partido que o Depor B parecía ter encamiñado cos goles de Borja Domingo e Pinchi, de penalti. Pero na segunda metade recurtaron diferenzas cun gol de Villares a falta de media hora para o final. O que ninguén sería capaz de adiantar é que Gerardo empataría o partido, tamén de penalti, xa no engadido deixando sen opcións de vitoria ao filial deportivista, que queda a seis puntos do segundo clasificado.

O As Pontes tamén descende. 
O As Pontes é novo equipo de Preferente, terceiro da categoría que terá unha praza no grupo Norte a vindeira tempada xunto con Órdenes e Dubra. Un partido doado para os homes de Patxi Salinas, que gañaron con dous goles na segunda parte.
O Rápido de Bouzas recortou dous puntos ao Deportivo B logo da vitoria no Baltasar Pujales. Un partido sen moita emoción, sen cartóns e onde os goles de Youssef e do ex do Compos Jesús Varela foron suficientes para dar os tres puntos ao equipo vigués, que en dúas semanas recibirá á Esedé.

Outra boa axuda.
Se Jesús Varela axudou ao Rápido de Bouzas a sumar os tres puntos, Óscar Fondevila foi o encargado de manter as opcións do Compos de rematar incluso terceiro e de depender de si mesmo para ser un dos catro equipos do grupo galego que loitarán a partir de maio polo ascenso á Segunda B. Ademais, con este punto o Alondras queda a un punto do Ribadumia apretando as cousas pola zona baixa.
O Cerceda adiantouse antes dos quince minutos de xogo grazas a un gol de Carlos López. Ata aí todo segundo o guión previsto. Pero ao igual que a pasada xornada non foron quen de sumar os tres puntos logo de recibir un gol de Fondevila a falta de tres minutos para o final. Golpe duro para un Cerceda que sumou só dous dos últimos seis puntos en xogo.

Intratables.
A segunda volta do Bergantiños está sendo para enmarcar. O equipo de Carballo non deixa de sorprender dende a entrada deste 2017 comezando o mes de abril cunha nova vitoria. O triunfo do equipo de As Eiroas non sería tan importante de non ser porque o conseguiron en A Lomba, onde ningún equipo foi capaz de facerse cos tres puntos ata a súa chegada.
O Bergantiños, que queda a dous puntos do cuarto clasificado, saca dos postos de promoción de ascenso a un Arousa que suma xa a súa segunda derrota consecutiva logo de perder por goleada en San Lázaro hai oito días. Un gol de Rodrigo Alonso na reanudación logo do paso por vestiarios foi suficiente para levar a vitoria no autobús camiño de Carballo.

Tres e tres. 
A vindeira xornada, a número 33, trae con ela grandes partidos e moi importantes que poden mellorar algo máis o camiño para un Compos que cada fin de semana parece ter máis preto o obxectivo, cando hai algo máis dun mes parecía case imposible logo de sumar dúas derrotas consecutivas.
O Compos recibirá en San Lázaro a un Vilalonga que, despois de sumar tres vitorias consecutivas, pode respirar tranquilo na zona media da táboa coa permanencia virtualmente no peto. Un partido que non se pode escapar a un equipo que anotou nove goles nos dous últimos partidos na casa e que recibirá a un dos mellores visitantes da categoría.
Que o Compos remate a xornada entre os catro primeiros non só depende dos homes dirixidos por Yago Iglesias senón tamén dos xogadores do Barco, que visitarán a un Racing Vilalbés en horas baixas logo de gañar só un dos cinco últimos partidos. Ou ben tamén se pode pensar nunha vitoria do Castro, moi necesaria para os lugueses, ante o Cerceda no Municipal de Castro. Dous partidos aos que non perder de vista con moito en xogo.
Máis lonxe das aspiracións branquiazuis xogaranse os partidos entre Ribadumia e Deportivo B, onde o filial branquiazul pode certificar matematicamente a súa presenza na promoción, e outro entre o xa descendido Dubra e Rápido de Bouzas, que está a seis puntos dos coruñeses e ten só a tres puntos ao Cerceda.
Algo máis abaixo atópanse os outros dous partidos coa promoción en xogo e que tampoco debemos perder de vista. O Bergantiños buscará manter a súa inmellorable xeira de resultados ante o Órdenes en As Eiroas mentres que o Arousa terá que enfrontarse a outro rival duro, o Silva, en A Grela.

Así queda a parte alta da clasificación logo de 32 xornadas: 


Ningún comentario:

Publicar un comentario