O Compos non puido sumar ningún punto na terceira derrota da tempada en San Lázaro ante un Vilalonga que xogou unha hora lesionado, ante a ausencia do porteiro suplente no equipo de Sanxenxo. Novo partido horrible dos nosos que non souberon remontar o gol visitante no primeiro tempo con erros importantes tanto en defensa como nos metros finais.
Un gol de Pablo Mota na media hora de partido foi suficiente para que o Vilalonga puidera sumar tres puntos moi importantes no seu camiño cara a permanencia ante un Compos que volve caer ao sétimo posto da clasificación, aínda que só queda a dous puntos do cuarto posto que agora mesmo ocupa o Bergantiños. Ademais, conseguiron así o que foi o segundo triunfo en San Lázaro no que vai de ano, logo da vitoria do Depor en xaneiro, para asegurarse de xeito virtual a permanencia na Terceira división un ano máis.
Moi mal comezo.
O arrinque, simulando o do partido contra o Fabril na casa, non puido ser peor. O Vilalonga saiu con máis intencións ao campo e conseguiron a primeira ocasión do encontro no primeiro minuto de xogo. As cousas non foron mellorando co paso dos minutos e superados os dez minutos tivo que aparecer Cabrejo para salvar a que podía ser a segunda gran oportunidade do equipo do Salnés. Comezaban os problemas serios para un Compos incapaz de reaccionar.
Superados en defensa, en ataque non houbo novas do Compos ata superar os vinte minutos de partido, cando xa o Vilalonga conseguira a súa merecida recompensa. Logo dun novo aviso que conseguiu evitar Lucas, Pablo Mota deixou en evidencia á defensa local sentando a tres rivais e marcando a porta baleira. Golazo.
Máis problemas que reacción.
Lonxe dos puntos, a Esedé non foi quen de achegarse á portería de Iván Parada con perigo. De feito, o partido tivo que pararse uns minutos pola lesión do gardamallas logo dun man a man contra Diego Rey, que non tivo a súa mellor tarde. Tal é así que houbo ata catro minutos de engadido no primeiro tempo, nos que o porteiro non tivo case traballo.
Ante os problemas á hora de achegarse á porta de Iván Parada, Yago Iglesias decidiu facer o primeiro troco antes do descanso metendo a Make no lugar de Samu, un troco que aínda que si axudou a crear algo máis de fútbol non foi suficiente para crear ocasións sobre a portería defendida por un Iván Parada que tivo que xogar mancado ata o final.
Quince minutos con posibilidades.
Sen efectividade, o Compos saiu ao terreo de xogo no segundo tempo coa única intención de darlle a volta ao marcador. O perigo chegou á área sanxenxina mais non á portería de Iván Parada, que fixo un bo partido malia non poder case mover unha perna sendo un dos homes máis importantes do seu equipo na vitoria. Non obstante, o mellor momento do equipo durou quince minutos con problemas importantes para crear ocasións de perigo, algo que parecía ter arranxado o equipo de Yago Iglesias logo dos bos resultados das pasadas xornadas.
As interrupcións marcaron o final.
Ante a posible mellora do Compos, o Vilalonga preferiu frear o ritmo do partido todo o posible a base dun gran número de faltas, que se saldaron cun total de once cartóns, sete deles para xogadores locais. Final de partido trabado que evitou que os locais puideran ter algunha posibilidade de, como mínimo, sumar un punto co que se mantería a diferenza co cuarto clasificado, un posto que non se decidirá ata a última xornada.
Agora só queda pensar en superar un dos partidos máis difíciles do curso. O domingo visitaremos ao Rápido de Bouzas, coa mirada posta no primeiro posto, nun Baltasar Pujales onde só puido gañar o Cerceda hai algo máis de dous meses.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Uña, Cabrejo; Samu (Make, min. 35), Ube (Nogueira, min. 61); Diego Rey, Recoba, Rubén (Martín, min. 52); e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Samu, Make, Diego Rey, Saro, Uña, Recoba e Nogueira.
GOLES: 0-1 22' Pablo Mota.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario