O Compos non puido volver de Negreira con máis ca un segundo posto no 'Torneo de Pascua Vila de Negreira'. Unha derrota ante o equipo local no primeiro partido e un empate e vitoria posterior ante o Dumbría. Triangular para dar minutos a xogadores que non están a contar con todo o tempo de xogo que lles gustaría como é o caso de Ander e Lorenzo, así como a aparición de novo dalgúns xogadores do xuvenil nacional.
Derrota contra o Negreira.
O Negreira, rival que pasará por San Lázaro na penúltima xornada de liga, non puxo as cousas nada doadas a un Compos que non foi quen de poñerse por diante no marcador. Os locais, que minutos antes se impuxeron ao Dumbría grazas aos goles de Santaló e Chiño, tamén se adiantaron ante os nosos cun gol dende os once metros de Capelo.
A reacción branquiazul case non se fixo esperar e Rubén, logo de dous partidos onde non foi quen de amosar o seu mellor nivel, anotou o gol do empate a sete minutos para o final. Non obstante, o equipo local púxose de novo por diante tres minutos máis tarde cun gol de Stefan para pechar o segundo partido da tarde e certificar o primeiro posto para os negreireses.
E aos penaltis contra o Dumbría.
O terceiro partido e definitivo, o que decidiría o segundo posto do torneo, chegou incluso aos penaltis. O Compos adiantouse aos once minutos cun gol de Martín pero o Dumbría non quixo deixar as cousas tan fáciles aos nosos e vinte minutos máis tarde conseguiu un tanto importante para os de Fisterra forzando os penaltis para decidir a prata.
Dende os once metros foi o Compos o que se levou a vitoria superando a un equipo que está a piques de asinar o ascenso á Preferente Norte.
Agora hai que pensar unicamente no encontro deste domingo ante o Rápido de Bouzas no Baltasar Pujales por onde pasan tódalas opcións branquiazuis de entrar na promoción de ascenso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario