Misión imposible?

O Compos visitará este domingo un dos campos máis difíciles da categoría. Un campo que a vindeira tempada podería ser de Segunda división B e un rival que buscará o primeiro posto da clasificación nas cinco xornadas finais. Un Rápido de Bouzas que non porá as cousas nada fáciles a un equipo que debe volver ao camiño da vitoria a domicilio se quere chegar ao final con opcións de rematar entre os catro primeiros.
E é que despois de perder ante o Vilalonga na casa, a Esedé deberá recuperar o camiño da vitoria ante o segundo clasificado se quere de novo depender de si mesmo para entrar na promoción antes do final do campionato regular, para o que, lembremos, quedan cinco partidos nada máis e só dous serán en San Lázaro.

O primeiro posto: obxectivo principal.
O Rápido de Bouzas ten como obxectivo principal arrebatar ao Deportivo B o primeiro posto da clasificación, posición que ocupou durante 16 xornadas ata que caeu ante o filial coruñés no comezo dunha pequena baixada do equipo vigués, empatando en dúas ocasións e perdendo en Castro de Rei. Un equipo, o dirixido por Patxi Salinas, que se presume como un dos favoritos para o ascenso non só no grupo galego senón en toda a categoría grazas ao seu xogo e, sobre todo, os resultados que asinan na casa.
Como local, o conxunto vigués é un dos mellores da categoría. De feito, só o Racing Vilalbés o supera tanto en puntos como en vitorias na casa. Logo de 16 partidos, no Baltasar Pujales quedaron 39 puntos saíndo del só 6 puntos en tres empates, ante Vilalonga, Racing Vilalbés e Ribadumia, e unha derrota contra o Cerceda no único partido do equipo gualdinegro no que non puido ver portería anotando polo menos un gol en tódolos demais.
Aínda que case nunca falten á súa cita co gol, o Rápido de Bouzas non é un equipo que marque moitos goles. De feito, nestas 33 primeiras xornadas anotaron 48 goles marcando en tódalas xornadas agás en seis, dos que perderon dous. Por contra, é o equipo que menos goles recibe da categoría logo de encaixar 23, 5 no Baltasar Pujales sen recibir máis dun por partido.
A nivel individual destaca o ex do Pontevedra Pablo Carnero. O dianteiro vigués formado nas categorías inferiores do Celta volveu ao conxunto gualdinegro logo de tres cursos nas filas do Pontevedra para ser o referente en ataque. Ata o de agora é o autor de case un tercio dos goles do seu equipo (14). Pola súa parte, o ex do Compos Jesús Varela suma 3 goles, un fixo na defensa viguesa e autor de goles moi importantes para os seus.

E por que non?
O Compos non está a facer unha boa tempada fóra de San Lázaro e se a iso lle engadimos o pau inesperado ante o Vilalonga na pasada xornada e o bo traballo do Rápido de Bouzas na casa sae como resultado un partido un pouco igualado en canto a xogo, non así se falamos do posible resultado.
O equipo vigués é un fixo vendo porta e máis aínda se xoga na casa. Un equipo que ademais conta cun muro defensivo case imposible de superar. O único dato posiblemente máis positivo é que de facer un gol as posibilidades aumentan ante un rival que só foi quen de remontar nunha das dúas ocasións nas que os visitantes se adiantaron.
Ben é certo que a domicilio, a Esedé non é ningunha marabilla. Só 3 vitorias en 16 partidos ás que engadir 8 empates e 5 derrotas, algunha tan importante como o 5-1 en Abegondo e outras axustadas como a encaixada no Municipal de Castro con remontada incluida. Tamén hai que engadir que o noso equipo non se queda atrás niso de marcar goles. Con 56 a favor, só superados por Cerceda e Depor B, o Compos anotou en tódalas súas saídas agás en Vilagarcía e Vilalba, onde sumaron un punto de seis posibles.
Ante os equipos da parte alta está a haber problemas importantes sobre todo lonxe de San Lázaro. Derrota abultada en Abegondo, empate sen goles en Vilagarcía e dúas derrotas seguidas en Vilalba e Carballo non deixan ben situado a un equipo que perdoa nos momentos máis importantes sufrindo incluso para remontar en Ordes.

A primeira volta, a ter en conta.
É certo que o Compos está a facer unha gran segunda volta a só tres puntos de igualar o feito na primeira. Nesa primeira volta, o enfrontamento ante o Rápido de Bouzas non foi nada doado para os nosos. Un partido en San Lázaro onde houbo que igualar un resultado en contra na segunda metade con moito traballo nunha mañá de domingo.
12 da mañá dun domingo de novembro. Partido televisado e pouco ambiente nas bancadas de San Lázaro. O Rápido de Bouzas amosouse superior durante todo o primeiro tempo sobre o verde e superada a media hora de xogo aproveitaron un erro defensivo para marcar o primeiro tanto do día, obra de Óscar Pardavila. Na segunda metade, por sorte, o equipo foi de menos a máis con Recoba facendo das súas unha semana máis. O uruguaio, autor do gol ante o Vilalonga unha semana antes, forzou un penalti que transformaría Mitogo. Un partido que ademais contou cun final onde os dous equipos puideron anotar o gol da vitoria.

Bos precedentes.
Rápido de Bouzas e Compos enfrontáronse en terras viguesas en cinco ocasións. Cinco visitas das que o Compos volveu con puntos no peto ata en catro complicándose a vitoria co paso dos anos. Un empate, tres vitorias para os nosos e unha vitoria local fan das visitas branquiazuis ao Baltasar Pujales algo positivo na historia.
A primeira visita, en 1965, rematou con empate a un gol. Algo máis dun ano despois, na 66/67, a vitoria caeu por primeira vez para o lado branquiazul por 0-4. E de novo un ano despois chegou a segunda, a máis abultada, por 0 goles a 8. E no 2008 pechamos, ata o de agora, o capítulo de vitorias da Esedé en Bouzas por 2-3 con goles de Centrón, Petter e Claudio para os nosos, que chegaron a ir gañando por tres tantos de diferenza. Por contra, a última visita, en 2012, rematou con vitoria local con goles de Gonzalo para os nosos e de Pardavila e Yahvé para o Bouzas.

Mal camiño.
Cando máis doado parecía o camiño cara a promoción para o Compos apareceu unha pedra polo camiño co nome de Vilalonga. O conxunto de Sanxenxo soubo aproveitar as ocasións das que gozou e superou a un Compos que non foi quen de bater a Iván Parada, lesionado dende a media hora de xogo e obrigado a defender a porta ata o final ante a ausencia dun gardamallas suplente.
Malia xogar contra un equipo xa descendido, o Rápido de Bouzas non contou con ningunha facilidade á hora de superar ao Dubra en Bembibre. Cholo adiantou aos locais sobrepasada a media hora e Carlitos empatou segundos antes do final do primeiro tempo. Na segunda metade chegou o gol de Pablo Carnero para certificar unha nova vitoria viguesa nun partido difícil.

Saro, baixa.
Se non hai ningunha sorpresa de última hora, Yago Iglesias manterá a dúbida de Tomás logo de que o vigués recibira a alta a pasada semana e a de Taboada, que non puido estar en Negreira. Ademais recupera a Mon para un partido onde non poderá estar Saro despois de ver o quinto cartón amarelo deixando o seu posto vacante, que ocupará con case toda seguridade David Uña.
Neste final de campionato hai que ter tamén en conta que hai xogadores cargados de cartóns. Agora mesmo, Ube e Nogueira non poderían estar ante o Choco a vindeira fin de semana en San Lázaro, noutra final importante, de ver un cartón amarelo en Vigo.

Lío co horario.
Logo de ver anunciado o partido para o domingo ás 12 na TVG, o partido xogarase finalmente o domingo ás 17 horas sen televisión. As entradas para o encontro estarán na taquilla do Baltasar Pujales a un prezo de 12 euros no partido declarado como 'Día do clube' mentres que os menores de 14 anos, acompañados dun adulto, pasarán de balde.
Para quen non poida asistir ao campo vigués poderá seguilo en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben na conta oficial do clube en Twitter, onde hai uns días chegaron a 10.000 seguidores. Ademais poderá comentarse a través das redes sociais co cancelo #BouzasCompos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario