Negreira acollerá este xoves un torneo amigable onde participará o Compos. O 'Torneo de Pascua Vila de Negreira' terá lugar no Campo Jesús García Calvo a partir das 18 horas e nel enfrontaranse o equipo local, o Compos e o Dumbría nun triangular que pode servir para que Yago Iglesias probe algunha que outra cousa diferente de cara ao final da tempada ou ben para dar minutos aos xogadores con menos oportunidades.
Unha proba importante tres días antes de visitar ao Rápido de Bouzas no mesmo día que dará comezo a xornada na Terceira división con cinco partidos adiantados, dous deles con partidos importantes para os intereses da Esedé. Unha tarde que se antolla bonita, con bo tempo en toda Galiza e na que os nosos poderían non só sumar unha vitoria dobre neste triangular amigable senón que ademais poderían voltar con máis opcións de pechar a semana preto da promoción de ascenso, aínda que para iso haberá que superar o domingo ao Rápido de Bouzas.
Primeiro de dous.
O Compos visitará ao Negreira por segunda vez no que vai de tempada, logo do enfrontamento da primeira volta onde se repartiron os puntos. Dous conxuntos de Terceira división que agora mesmo loitan na zona tranquila da táboa e que se verán as caras en San Lázaro no mes de maio, no que será a despedida da tempada, polo menos a regular, en San Lázaro. Un rival, o Negreira, que non sabe o que é gañar ao Compos nin na súa casa nin na capital.
Tres enfrontamentos entre os dous equipos ata o de agora, dous deles no García Calvo incluindo o da primeira volta que remataron con vitoria branquiazul en dúas ocasións, ambas cun resultado de 2-0, e un empate, na primeira volta desta mesma tempada, grazas aos goles de Cardeñosa e Quintairos.
O Negreira ocupa agora mesmo o 11º posto na clasificación da Terceira con 45 puntos, cinco por enriba do descenso. Na casa conseguiron 28 puntos e só perderon contra Silva e Deportivo B.
Buscando un ascenso.
A falta de catro xornadas para o final da tempada, o Dumbría é un dos favoritos para conseguir o ascenso á Preferente Norte. O equipo de Fisterra é líder no grupo II da 1ª Autonómica con cinco puntos sobre o seu perseguidor, o Agolada. Un equipo que só se enfrontou á Esedé en dúas ocasións, rematando cunha vitoria para cada un na tempada 2011/12 onde o Compos conseguiu o ascenso á Terceira división. En Dumbría gañou o equipo local pola mínima mentres que na segunda volta, en San Lázaro, o encontro rematou con 6-4, goles de Maikel e Roberto Piñeiro por partida dobre, Louro e Rego para os nosos.
No que vai de tempada, o equipo dumbriés conseguiu 28 puntos de 45 posibles a domicilio perdendo só ante Cordeiro, Piloño e Puebla Galicia. Pola súa parte, na casa só o superou o Sigüeiro hai case dous meses. Un equipo difícil e que poderá dar máis dun problema no triangular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario