Permanencia e xa

A mesma fin de semana na que se confirmaba a permanencia do Compos de xeito matemático, o equipo perdeu case tódalas súas opcións de entrar na promoción de ascenso cunha derrota no Baltasar Pujales de Bouzas. A catro xornadas para o final do campionato habería que gañar todo e agardar que os outros equipos se deixen puntos, algo case imposible. Unha derrota en Vigo cun gol a tres minutos para o final do encontro que deixa aos nosos a cinco puntos da promoción de ascenso logo da segunda derrota consecutiva e aos locais a catro do primeiro posto, que ocupa un Deportivo B cun final de tempada máis cómodo.
Segunda derrota consecutiva dos nosos logo de perder tamén hai sete días polo mesmo resultado ante o Vilalonga que xa non fai que o equipo deixe de depender de si mesmo para entrar na promoción senón que obriga a gañar os catro partidos que restan ata o final e agardar que non o fagan Bergantiños, Arousa e Vilalbés. 

Polo medio.
O primeiro tempo non tivo ocasións de perigo en ningunha das dúas porterías. Moito xogo no centro do campo e numerosos erros nos metros finais fixeron que case non se puideran ver ocasións de perigo durante os primeiros corenta e cinco minutos. Algo superior o Compos, que tivo dúas oportunidades de adiantarse pero non foi quen de poñer en apuros a Diego, que tivo unha tarde tranquila baixo paus.
Nogueira, Ube e Mon tiveron nas súas botas as ocasións para adiantar ao equipo da capital mais a sorte non estivo no lado branquiazul que de novo perdoou máis do posible. Hai que engadir tamén que, por sorte, tampouco foi quen de adiantarse o Rápido de Bouzas chegando ao final da primeira parte cun xusto empate sen goles. 

De novo pagamos os erros.
Se hai un guión que está a seguir o Compos durante as dúas últimas tempadas é o de perdoar as mellores ocasións e pagalo con erros defensivos que acaban custando un gol rival e a posterior derrota. E, como non, o mesmo pasou nun Baltasar Pujales onde non se puido ver tampouco unha gran chegada de siareiros branquiazuis, moitos coñecedores da dificultade de sumar no campo onde menos goles se marcan. 
Contra un rival que só encaixou cinco goles no que vai de tempada na súa casa, Nogueira, Make e Mon levaron de novo o perigo á porta viguesa, onde a pelota non quixo entrar. O equipo mereceu algo máis pero de novo houbo erros imperdoables ante o porteiro, que evitou o gol nas botas de Make, nesta ocasión media punta.
De novo, durante a segunda metade, poucas chegadas sobre as dúas porterías, co Compos algo mellor sobre o terreo de xogo e con interrupcións que frearon o ritmo dun partido xa de por si baixo. Un partido cunha intensidade, sobre todo por parte do equipo de Yago Iglesias, non o suficientemente alta para o que pedía o partido. 

Crónica dunha derrota anunciada.
Un dos mellores desta segunda volta en defensa, David Uña, tivo que deixar o seu posto mareado para a entrada de Samu. A iso hai que engadir a ausencia de Taboada por lesión e un plantexamento ofensivo, con dous dianteiros e cinco centrocampistas, de cara aos dez minutos finais de partido, nos que se decidiu todo no Baltasar Pujales. 
Con todo en xogo, cando o partido podería caer de calquera lado, chegou un novo erro en defensa que custou un punto aos nosos. Aproveitando que o Compos estaba metido de cheo en ataque, contra do Rápido de Bouzas pola banda esquerda. A pelota chégalle a Pardavila e éste asiste a Youssef. O ex do Celta B dispara, a pelota peta nun defensa e engana a Lucas, que non pode facer nada para evitalo.

Adeus.
Opcións aínda quedan, ou iso é o que di polo menos a clasificación. Catro xornadas por diante, doce puntos en xogo e obrigados a facer un pleno no mes de liga que queda antes das vacacións. Polo de pronto hai que pensar en sumar os tres puntos na visita do Choco a San Lázaro e non perder de vista a Bergantiños, Arousa e Vilalbés, aos que non lle agarda un calendario para nada doado. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Uña (Samu, min. 76), Cardeñosa, David Rey, Cabrejo; Ube (Santi, min. 70), Mon; Make, Diego Rey, Recoba (Martín, min. 83); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Nogueira, Cabrejo e Mon.
GOLES: 1-0 87' Youssef.
CAMPO: Baltasar Pujales.

Ningún comentario:

Publicar un comentario