Quedan catro xornadas e catro equipos loitarán polo cuarto posto que dará opción a entrar na promoción de ascenso en maio. Unha loita por entrar nos postos altos da que case cae definitivamente un Compos que perdeu ante o Rápido de Bouzas e que queda, a un mes para o final do campionato, a cinco puntos do Bergantiños, que ten aos dous máximos perseguidores a un punto. Non será nada doado, non dependemos de nós mesmos pero, por que non?
Nesta xornada 34 gañaron os seis primeiros clasificados caendo só o Compos ante o segundo, a falta de tres minutos para o final, nun partido sen moita emoción e que se decidiu por un erro cando o encontro estaba a piques de morrer. O Rápido de Bouzas segue agardando un erro do Deportivo B, intratable, para intentar meter man ao primeiro posto mentres que o Cerceda, que recibirá ao Compos dentro de quince días, ocupa o terceiro posto con tranquilidade, a tres puntos do segundo e a catro do cuarto.
A pelexa, o importante, comeza co Bergantiños. Cuartos con 60 puntos avantaxa a Arousa e Racing Vilalbés nun punto logo de sumar unha nova vitoria nesta segunda volta de ensoño para os intereses do equipo de Carballo. Lugueses e vilagarciáns, que se verán as caras a vindeira xornada, sumaron tamén os tres puntos nos seus respectivos encontros ante Barco e Ribadumia nunha xornada que arrincou o xoves.
Cuartos por unhas horas.
Comecemos co Arousa. O equipo arlequinado abriu a xornada 34 o xoves recibindo en A Lomba a un Barco tranquilo na loita pola permanencia, a catro puntos de Alondras e Ribadumia. Un partido sen moito conto que se decidiu co gol de Sylla aos quince minutos de xogo. Moitos cartóns para xogadores ourensáns, seis para ser exactos, nun partido marcado polos dous goles anulados aos locais nun enfrontamento onde foron moi superiores.
Os descendidos non son doados.
O Compos comprobou hai un par de semanas que superar a un equipo xa descendido non é nada doado. Houbo que sufrir e remontar para facerse cos tres puntos en Ordes e outro xa pensando na Preferente Norte, o As Pontes, non lle puxo tampouco as cousas fáciles ao Cerceda. En O Roxo, os locais puxeron terra de por medio aos vinte minutos con dous goles de Cañi e Uxío deixándose ir contra un rival que foi de menos a máis recurtando diferenzas a oito minutos para o final e achegándose ao gol do empate, que non chegou por moi pouco. Tres puntos e a manter dúas semanas máis o terceiro posto.
O Vilalbés aínda quere.
O Racing Vilalbés, que fixo unha gran primeira metade de campionato, non parece recuperar a regularidade nesta segunda volta. Os lugueses, que contaban coa baixa de Gerardo, puideron gañar pola mínima en A Senra ante un Ribadumia que ocupa así un dos postos de descenso directo logo do descenso do Somozas. O gol, obra de José Varela mediado o segundo tempo.
Segunda volta de ensoño.
O Bergantiños segue a facer o necesario para rematar entre os catro primeiros. O equipo de Carballo, que descoñece a derrota dende o pasado mes de decembro, sumando dende aquela caída dez vitorias e seis empates, é gran merecedor de ocupar o cuarto posto. Ante o Vilalonga, en San Pedro, ampliaron a xeira de resultados grazas a un gol do ex compostelanista Nacho aos oito minutos de xogo contra un equipo que, ante a baixa dos seus dous porteiros, tivo que poñer baixo paus ao defensa Adrián Santos. Agora, uns son cuartos de xeito máis que merecido e os outros respiran tranquilos a piques de asinar a permanencia.
Aínda non.
O Deportivo B, que está a facer unha tempada histórica buscando o seu sexto ascenso a Segunda B, bateu na mañá do domingo a un Céltiga aínda en problemas cun gol de Jardel superada a media hora de xogo. Bo partido do filial deportivista que, malia o que diga a clasificación, aínda non está clasificado para a promoción de ascenso xa que perde o 'golaverage' particular co Arousa. Por outro lado, superan en catro puntos ao Rápido de Bouzas na loita polo primeiro posto.
A permanencia, suficiente?
O Compos chegou salvado matematicamente ao partido contra o Rápido de Bouzas, Salvado e obrigado a gañar para seguir na pelexa pola promoción, o equipo de Yago Iglesias deixou unha boa imaxe ante un rival superior fisicamente perdendo cun gol de Youssef a falta de tres minutos para o final do partido. A Esedé queda sétima a cinco da promoción mentres que o equipo vigués está moi preto de poñer o seu nome no sorteo da promoción de ascenso.
Última oportunidade.
A xornada 35 será a última oportunidade para o Compos se quere entrar na promoción de ascenso. Hai que buscar aproveitar os dous enfrontamentos que haberá entre equipos da zona alta, enfrontándose quinto e sexto e cuarto contra segundo. Unha xornada na que nós recibiremos na casa a un rival aínda non salvado matematicamente e na que o Deportivo B poderá certificar a súa presenza na promoción de ascenso ante o Alondras en Cangas.
Da vindeira xornada destaca ante todo o partido que xogarán o Racing Vilalbés e o Arousa en A Magdalena. Partido coa permanencia máis en xogo que nunca onde o que perda quedará moi descolgado. Na primeira volta, en A Lomba, 1-1. Tamén na parte alta, o Bergantiños, cuarto e invicto nesta segunda volta, recibirá ao Rápido de Bouzas, segundo e coa intención de asaltar o primeiro posto, nun partido entre os dous equipos que máis vitorias consecutivas suman polo momento (3).
Máis doado será para un Cerceda, rival da Esedé na seguinte saída, que visitará a un xa descendido Dubra en Bembibre coa posibilidade de poñer pé e medio na promoción de ascenso mentres que o Deportivo B poderá certificar a súa presenza se puntúa ante o Alondras no Morrazo e, incluso, podería achegarse moito ao campionato.
Cinco puntos separan a Choco e Ribadumia, equipo que pecha os postos de descenso. O conxunto de Redondela, que gañou ante a súa afección ao Dubra por 2-0, visitará a un Compos que só pode gañar de aquí ao final da liga logo de caer en Bouzas. Partido vital para os dous equipos conxuntos e que esperemos que se decida con vitoria local.
A clasificación a falta de catro xornadas na parte alta queda así:
Ningún comentario:
Publicar un comentario