O Compos non só perdeu ante o Vilalonga nun moi mal partido do equipo de Yago Iglesias senón que ademais perdeu unha ocasión de ouro de facerse co cuarto posto da táboa, que ten novo dono. A mellor oportunidade, no mellor esceario e nunha moi boa tarde non foi suficiente para un equipo que non soubo darlle a volta a outro partido logo de facelo ante o Órdenes sete días antes e ante un porteiro mancado.
No mesmo día que o Somozas confirmou o seu descenso de categoría, ampliando a cinco os postos de descenso de Terceira a Preferente, o Bergantiños pasou a depender de si mesmo para rematar a tempada en postos de promoción de ascenso por terceira vez na súa historia. A iso hai que engadir o segundo empate consecutivo do Deportivo B, que xa ten máis preto ao Rápido de Bouzas, e que o Arousa sumou de novo logo de dúas derrotas.
A mellor oportunidade.
En San Lázaro estaba en xogo a promoción de ascenso e o Compos, de novo, non estivo á altura. O equipo non aparece nos momentos máis importantes, cando hai máis en xogo, e iso viuse unha fin de semana máis ante un Vilalonga que fixo o seu traballo antes da media hora de partido e, co porteiro mancado durante máis dunha hora, fixo todo o preciso para facerse con tres puntos que os achegan á permanencia matemática.
Nun partido marcado polo gran número de cartóns amarelos, sete para xogadores locais, a Esedé esgotou a primeira posibilidade de entrar nos postos altos da clasificación, cun novo dono. Un erro importante que haberá que arranxar no Baltasar Pujales.
Dentro!
O Bergantiños xa ocupa un dos postos de promoción de ascenso logo de sumar unha nova vitoria ante o Órdenes en As Eiroas. O equipo de Carballo, que segue sen perder neste 2017, superou ao xa descendido Órdenes na casa grazas aos goles de Borja Facal e Iago Blanco e aproveitou así o empate do Arousa e as derrotas do Compos e o Racing Vilalbés, que seguen moi metidos na loita a falta de cinco xornadas para o final.
E fóra.
Unha semana durou o Racing Vilalbés nos postos de promoción de ascenso. O equipo lugués segue a ser irregular nesta segunda volta e en A Magdalena caeron ante un Barco que se achega á zona tranquila da clasificación. Un gol de David Álvarez no minuto 88 foi suficiente para a vitoria ourensá noutro partido marcado polo gran número de cartóns amarelos, once con oito na última media hora.
Terceiro.
O Arousa suma xa tres partidos consecutivos sen coñecer a vitoria. O equipo de Vilagarcía puido polo menos puntuar logo de dúas derrotas consecutivas ante o Silva en A Grela nun partido dominado polos coruñeses, que ben puideron levarse os tres puntos. Un gol de Movilla para o Silva antes dos dez minutos de xogo foi respondido por Aitor Díaz a quince para o final nun partido vivo e con numerosas ocasións.
Tranquilidade.
O Cerceda xa está moito máis tranquilo logo de sumar os tres puntos ante o Castro, que a pesar do traballo non puido facerse con nada positivo. Un gol de Rucho en propia porta para abrir a lata visitante, outro de Omar para empatar na primeira parte e o definitivo de Migueliño a sete minutos para o final decidiron a vitoria para o conxunto cercedense, que supera en cinco puntos ao quinto. Pola súa parte, o Castro queda tamén a cinco puntos dos postos de permanencia.
A polo liderato.
Quen parece achegarse ao máximo obxectivo é o Rápido de Bouzas. O equipo vigués aproveitou de novo outro esvarón do Deportivo B a sete días de recibir ao Compos ante un Dubra xa de Preferente con remontada incluida. Cholo adiantou aos de Bembibre, Carlitos igualou o resultado e Pablo Carnero asinou o segundo gol visitante para dar tres puntos máis ao Rápido.
Moi tranquilos.
O Depor B sumou o seu segundo empate consecutivo sen ver perigar aínda o seu primeiro posto. O filial deportivista volveu de Ribadumia cun punto logo de non conseguir facerse tampouco cos tres puntos ante o Racing Vilalbés. En A Senra, Molina adiantou aos coruñeses mentres que Fran Fandiño conseguiu o gol do empate xa fóra do tempo regulamentario mantendo ao equipo do Salnés fóra dos postos de descenso.
Dura xornada.
A xornada 34, o comezo do treito final do campionato, trae grandes partidos entre os que destaca o Rápido de Bouzas-Compos que se xogará no Baltasar Pujales tres días despois da cita amigable da Esedé en Negreira. Ao partido chave da xornada hai que engadir que Arousa, Cerceda e Deportivo B xogarán na casa mentres que Racing Vilalbés e Vilalonga farano a domicilio.
O Compos, que xa non depende de si mesmo pero ten unha gran posibilidade de gañar os cinco partidos que restan ata o final, visitará un campo onde só puido gañar o Cerceda e no que tres máis puideron conseguir un punto. Un dos peores visitantes da categoría contra o segundo mellor local.
Antes, o xoves pola mañá, o Arousa recibirá ao Barco mentres que o Cerceda fará o propio ante o As Pontes. Dous partidos adiantados e que poden ser de gran importancia para o futuro da Esedé, que aínda terá que visitar O Roxo. O venres será a quenda do Racing Vilalbés, que buscará de novo un posto entre os catro primeiros durante unhas horas ante o Ribadumia en A Senra. Xa durante a fin de semana, o Bergantiños visitará ao Vilalonga en San Pedro mentres que, o domingo, o Deportivo B recibirá ao Céltiga en Abegondo.
Así está a parte alta da clasificación logo de 33 xornadas:
Así está a parte alta da clasificación logo de 33 xornadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario