Hai vida, hai esperanza?

Este domingo chega, xa, a final definitiva onde non se pode non gañar. O Compos está a piques de xogar a final máis importante en tempo ante un Choco preto de asinar a permanencia un ano máis na Terceira división. E é que logo de dúas derrotas consecutivas e só dúas vitorias nas cinco últimas xornadas, o equipo de Yago Iglesias loitará en San Lázaro por manter as súas opcións, cada vez máis pequenas, de facerse co cuarto posto da clasificación.
Con catro xornadas por diante, a Esedé debe remontar cinco puntos a Vilalbés, Arousa e Bergantiños e con rivais moi importantes da talla de Cerceda ou Choco, que a pasada tempada estiveron a piques de ascender á Segunda B. Un final de tempada onde hai que buscar aproveitar os posibles erros dos rivais e no que non se pode perdoar nunca, hai que gañalo todo. E hai que comezar co equipo de Redondela, que loita, agora nun momento máis tranquilo, por manter a categoría un ano máis.

Do ceo ao inferno.
A pasada tempada, o Choco era un dos equipos máis importantes da categoría. Os de Redondela pecharon o curso na cuarta posición por detrás de Deportivo B, Cerceda e Boiro, o único que foi capaz de ascender. Estiveron a piques de tocar o ceo chegando á segunda rolda da promoción, na que caeron ante o filial do Zaragoza, e agora, un ano despois de certificar a súa presenza entre os catro primeiros de cara ao final da tempada regular, aínda non teñen a permanencia asegurada na mesma categoría.
O equipo de Redondela ocupa actualmente a 12ª posición da táboa con cinco puntos máis que o Ribadumia, que ocupa agora mesmo o último posto de descenso e que buscarán evitar neste final de tempada ata cinco equipos, co Barbadás virtualmente salvado. Un conxunto que, logo de dous anos entre os mellores da categoría, chegará a San Lázaro coa única intención de sumar a súa cuarta vitoria nos cinco últimos partidos, que xa case podería dárllela salvación aos pontevedreses.
O Choco é un equipo perigoso tanto na súa casa, onde asinaron 25 puntos, coma a domicilio, onde fixeron 21 sendo un dos mellores visitantes da zona media baixa da clasificación. Un equipo forte lonxe da súa afección que foi quen de sumar os tres puntos en O Roxo, San Pedro ou O Morrazo. Aínda que tamén hai que engadir que tiveron serios problemas tanto en Ordes, onde gañaron por 2 goles a 3, como en Bembibre, onde precisaron ata 4 goles para superar a un duro Dubra que, con dez, anotou o 3-4 definitivo no engadido. Outro bo dato neste sentido é que só remataron dous partidos sen goles, en Barbadás e O Barco de Valdeorras, e asinaron un terceiro empate en Negreira, nesta ocasión con dous goles por equipo. Por contra, caeron en campos coma o Baltasar Pujales, A Magdalena, Abegondo, As Eiroas e A Lomba, cinco dos campos onde se xoga a promoción de ascenso.
Se falamos de goles, hai que destacar ao equipo redondelán. Con 47 goles ao seu favor, o Choco é o sexto equipo que viu porta en máis ocasións por detrás do Compos entre outros. Tamén no tema negativo, nos goles en contra, chama a atención que con 43 goles recibidos, igualando aos nosos nese dato, son un dos equipos que máis tantos encaixan. Deses 90 goles que se puideron ver nos seus partidos, 26 foron do equipo pontevedrés a domicilio mentres que 29 os encaixaron por parte dos equipos locais perdendo só dous partidos por máis de un gol de diferenza, 4-1 en Bouzas e 4-2 en Abegondo.
A nivel individual hai que destacar a boa tempada de Rober e Silva anotando case a metade dos goles do equipo entre os dous. O centrocampista de O Porriño, Rober, é o máximo goleador do equipo con 11 tantos mentres que o dianteiro de Tomiño suma 9. Os dous chegan de ver portería ante o Dubra.

Precedentes históricos.
Ésta será a primeira ocasión na que o Choco visite San Lázaro para enfrontarse ao Compos en Liga, non así a primeira que visiten ao noso equipo. De feito, o equipo de Redondela visitou Santiago ata en tres ocasións entre 1964 e 1965 encaixando non só tres derrotas senón que ademais marcharon sen marcar en ningún partido e encaixando tres goleadas, con dez goles en total (3-0, 5-0 e 2-0).
Máis recente e a ter en conta é o encontro en Santa Mariña da primeira volta onde ámbolos dous conxuntos se repartiron os puntos grazas aos goles de Rober aos cinco minutos para os locais e de Tomás para os nosos dez minutos despois. Partido do que o Compos sufriu a lesión de Cardeñosa xusto antes do gol do centrocampista vigués.

O gol está asegurado.
O equipo de Yago Iglesias é, por detrás de Depor B e Cerceda, o terceiro equipo que máis goles anota no que vai de tempada, aínda que sumando agora dúas xornadas consecutivas sen ver portería. 56 goles en total dos cales 35 chegaron en San Lázaro asegurando o gol en gran parte dos encontros xogados no teatro branquiazul, onde os visitantes fixeron 16 rematando só un partido sen goles, ante o Ordes na primeira volta.
Entre os 51 goles que se viron en San Lázaro no que vai de tempada e os 55 por parte do Choco cando xoga lonxe de Santa Mariña, queda unha gran posibilidade de ver goles na que será unha final para os dous equipos coa permanencia e a promoción de ascenso, logo de conseguir o obxectivo principal da permanencia, máis en xogo que nunca. De feito, o gañador podería dar un paso importante no seu camiño, aínda que no caso do equipo da capital dependerá tamén do que pase noutros campos.

Dinámicas moi diferentes.
O Compos chega a este partido nun mal momento. Logo de dúas derrotas, que evitan que o equipo puidera rematar a tempada dependendo de si mesmo, hai que buscar o camiño á vitoria se non se quere perder xa calquera opción de rematar entre os catro primeiros. A esas dúas caídas ante Vilalonga e en Bouzas hai que engadir outro empate en O Barco de Valdeorras contando só dúas vitorias nas cinco últimas xornadas.
Todo o contrario pasa no caso do Choco. Hai un mes ocupaban un dos cinco postos de descenso que hai esta tempada logo de perder en Santa Mariña ante o Céltiga. Esa derrota foi un punto importante para os de Redondela, que nas catro últimas semanas conseguiron tres vitorias e só unha derrota, en As Pontes, gañando a rivais directos como son Alondras e Castro. 

Xornada vital.
Se ben o máis importante é gañar o sábado, hai dous partidos máis aos que prestar moita atención o domingo pola tarde. Dous partidos moi importantes que poderían aumentar algo máis a vida dos nosos na pelexa por rematar entre os catro primeiros.
Gañar ao Choco é totalmente obrigatorio despois das dúas derrotas importantes en Bouzas, onde se fixo un bo partido, e ante o Vilalonga, contra o noso equipo non deixou unha boa imaxe. Hai que recuperar non só o camiño á vitoria senón tamén as boas sensacións e as esperanzas con nove puntos máis por diante nun final que pode ser de infarto.
Iso é o sábado pero tamén hai que ter en conta o que pode pasar o domingo. Logo de sumar os tres puntos hai que estar moi atentos ao que faga o Bergantiños en As Eiroas ante o Rápido de Bouzas, que certificaría a súa presenza na promoción de gañar, e o que pase no enfrontamento entre Racing Vilalbés e Arousa, sexto contra quinto, en A Magdalena. Dous encontros aos que sumar o Alondras-Deportivo B, onde o filial coruñés pode confirmar matematicamente a súa presenza na promoción, e o Dubra-Cerceda no que os cercedenses poderían deixar case certificado o terceiro posto antes de recibir ao Compos en O Roxo.

Saro, alta. Nogueira, baixa.
Yago Iglesias recuperará para este partido a unha peza importante no equipo pero perderá a outro dos que máis minutos suma na dianteira branquiazul. Saro volverá logo dunha fin de semana de sanción mentres que, pola mesma razón, cae da convocatoria David Nogueira, que chegará para os tres partidos finais da tempada.
Uña, que non puido rematar o partido en Bouzas por unha baixada de azucre, e Cabrejo, que rematou con molestias, adestran xa co resto dos seus compañeiros e chegarán ao partido sen problemas. Por contra, Tomás e Taboada serán dúbida ata última hora para entrar na convocatoria. 

Abrimos a xornada. 
O Compos-Choco desta xornada será o primeiro da xornada 35. Adiantado ao sábado, o encontro será ás 18 horas en San Lázaro nun horario pouco habitual para os partidos na capital, posiblemente para evitar que coincida co partido do Obradoiro en Sar o mesmo domingo. Un partido, o noso, ao que poderán entrar de balde os que presenten as entradas do encontro benéfico xogado hai unhas semanas en favor á asociación Down Compostela. Os non abonados, e que tampouco teñan dita entrada, terán que pasar por taquilla onde o prezo das entradas será de 10 euros para maiores de 17 anos, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 e de balde para menores de 14 anos. 
Quen por contra non poida asistir a esta gran final, poderá escoitar o partido en directo por 'Esedé Radio', na web oficial do clube, ou ben seguilo nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais poderá comentarse nas redes sociais co cancelo #ComposChoco. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario