Hoxe estreamos unha nova sección no blog con algún que outro dato de partidos da historia recente do noso equipo contando con partidos de entre a Primeira división e a Preferente Norte pasando por Segunda división, Segunda B e Terceira. Porque 'eran outros tempos'.
Para comezar hai que falar de catro partidos xogados nun 19 de abril entre os anos 1992 e 2015. Partidos contra equipos históricos do fútbol español como son Figueres, agora mesmo na Terceira división, ou Burgos, ademais do encontro ante o Coruxo de hai dous anos que rematou con gran parte das opcións do equipo de rematar nun dos postos de promoción de ascenso á Segunda división nunha gran tempada con Iñaki Alonso no banco.
19 de abril de 1992.
Hai xa 25 anos, o Compos visitaba o Municipal de Vilatenim para enfrontarse a un Figueres en postos de ascenso, e que posteriormente non sería capaz de ascender na promoción de ascenso a Primeira división na mellor tempada da historia do clube catalán, agora mesmo no grupo 5 da Terceira división.
Con Fernando Castro Santos no banco, saltaron no once titular Docobo, Víctor, Cayetano, Tono, Modesto, Cea, Bellido, Cortés, Núñez, Pichi Lucas e Juanito entrando no campo na segunda metade Maric por Juanito e Ochoa por Cortés. Un partido que rematou sen goles e co noso equipo na zona tranquila da táboa nun curso que remataría 8º a 7 puntos do ascenso directo.
19 de abril de 2009.
Terceira división. Chus Baleato no banco branquiazul e visita ao Municipal de Barreiro para visitar ao Gran Peña, equipo que agora mesmo ocupa un posto na Primeira Autonómica. Un partido que deixou aos nosos a unha vitoria de facerse co campionato de Terceira que, posteriormente, remataría en ascenso á Segunda B en Monzón.
O Gran Peña non puxo as cousas nada fáciles ao noso equipo e ao cuarto de hora chegou o primeiro pau. Expulsión de Toño e gran parte do partido con dez ante un rival que non puxo as cousas nada fáciles malia ser xa equipo de Preferente. Na segunda metade, por sorte, chegaría o gol da vitoria branquiazul por parte de Catú.
19 de abril de 2014.
Volta do Compos á Segunda B logo de tres anos por campos galegos. O conxunto branquiazul, con Fredi Álvarez no posto de adestrador, deixaba case pechada a súa permanencia na categoría de bronce cunha vitoria importante ante o Burgos Club de Fútbol en San Lázaro.
Como viña sendo habitual, o 'killer' do equipo, Joselu, asinou dous goles moi importantes para sumar os tres puntos no teatro dos soños branquiazul. Ademais, o dianteiro de Palmeira foi tamén o encargado de asistir a Manu Rodríguez, que pechou a goleada cando apenas se pasaba da media hora de encontro.
Esa tempada o equipo remataría 12º nunha clasificación de 19 equipos ante a ausencia do Salamanca na categoría.
19 de abril de 2015.
E chegamos ao capítulo final deste 2015 coa mellor tempada do equipo nos últimos anos. Con Iñaki Alonso no banco da Esedé e aínda con opcións de entrar na promoción de ascenso á Segunda división, Partido difícil ante un rival duro, o Coruxo no que se sumou un punto desaproveitando a derrota esa misma fin de semana do Logroñés en Ferrol.
Despois de tres vitorias consecutivas e cinco xornadas sen coñecer a derrota, os da capital adiantáronse grazas a un gol de Quim Araujo aos vinte minutos de partido. Por contra, Rubén Rivera igualou o resultado xusto antes de chegar ao final do primeiro tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario