Enfrontamento entre grandes

Compos e Cerceda terán este luns un partido importante no Roxo. O noso equipo chegará xa sen opcións matemáticas de clasificarse para a promoción de ascenso mentres que os locais loitarán por manterse entre os tres primeiros, aínda con opcións de facerse co primeiro posto, e certificar a súa presenza na promoción de xeito matemático, xa que está virtualmente clasificado ao igual que o Rápido de Bouzas co que comparten puntos.
Encontro entre dous históricos galegos na terceira ocasión que a Esedé visitará O Roxo en partido de liga coa intención de sumar a súa primeira vitoria en Cerceda e que chega nun mal momento para o noso equipo logo de non gañar nas tres últimas xornadas perdendo as opcións de rematar entre os catro primeiros. Dous dos equipos con máis gol. Uxío contra Lucas. Moitas cousas que chaman a atención nesta cita que pechará a xornada o luns 1 de maio, día festivo.

Gran segunda volta.
O Cerceda ten xa na súa man o billete para a súa cuarta promoción de ascenso consecutiva, duodécima na súa historia e que semella ser a definitiva para acadar o seu primeiro ascenso á Segunda B da historia. Ante o Compos terán que asegurar a súa presenza, para a que precisan dous puntos máis, e poderían meter man no segundo posto, polo que empatan co Rápido de Bouzas, e case achegarse ao primeiro, para o que non dependen de si mesmos e que podería certificar o Deportivo B na penúltima xornada.
O equipo cercedense é o segundo equipo con máis vitorias e máis goles a favor, só superado polo Fabril, e o cuarto con máis derrotas e con máis goles recibidos. Un equipo forte e que na casa iguala en puntos á Esedé (39) logo de sumar só dúas derrotas ante Rápido de Bouzas e Choco e tres empates rematando só un partido sen goles, sendo o único encontro do equipo cercedense sen ver portería na casa.
Gran culpable do bo momento deste Cerceda de José Luis Lemos é Uxío. O dianteiro de Lugo é o máximo goleador do equipo e da categoría con 25 goles facendo 16 ante a súa afección. Un dianteiro que estivo nas axendas de equipos como o Boiro ou o Compos a principio desta mesma tempada.

Seguros de que haberá gol.
Se non era suficiente que o Cerceda marcou sempre nos seus partidos como local agás no empate sen goles ante o Negreira, o Compos tamén se perfila como un seguro de gol a domicilio, onde as vitorias non chegan con facilidade.
Malia sumar só 17 de 51 puntos posibles lonxe de San Lázaro, o equipo de Yago Iglesias anotou en tódalas súas saídas agás ante Racing Vilalbés (2-0), Rápido de Bouzas (1-0) e Arousa (0-0). Unha mostra máis de que este ano, aínda sen ter un goleador claro, o equipo non ten problemas para ver portería. A todo isto hai que engadir que o noso equipo só conseguiu tres vitorias a domicilio este curso, todas na segunda volta, en Ribadumia, Cangas e Ordes, e oito empates ademais de seis derrotas.

A por un bo final.
Sen nada en xogo xa, o Compos terá na súa man volver ao camiño da vitoria logo de tres xornadas sen gañar. Con nove puntos en xogo, o equipo da capital buscará en Cerceda a primeira vitoria en Liga no Roxo, onde só puido conseguir un empate en dous encontros. Un partido no que, ademais, o Cerceda buscará remontar o resultado da primeira volta, onde gañou a Esedé.
A primeira visita chegou en 2008 e rematou con empate a un gol, obra de Claudio para os nosos. E catro anos máis tarde o resultado foi moi diferente. A Esedé volveu sen nada do Roxo grazas a un gol de Vía Rápida, que foi suficiente para superar aos nosos, que rematarían a tempada cun ascenso.
A eses dous resultados hai que sumar o da primeira volta, en San Lázaro, onde o Compos gañou pola mínima grazas a dous goles de Tomás en once minutos e onde Marcos Caridad recortou diferenzas con polémica nunha segunda metade onde puido pasar de todo.
Fóra da liga, en Copa Deputación, si que podemos contar unha vitoria no Roxo ante o Cerceda. Jimmy e Orbegozo anotaron os goles branquiazuis mentres que Capelo pechou o 1-2 definitivo que deixaba aos nosos nas semifinais do torneo onde se caeu contra o Somozas.

8 puntos de diferenza.
Nas tres últimas xornadas, onde se decidiu practicamente todo na parte alta da clasificación, o Compos perdeu ata oito puntos que o afastan da promoción de ascenso definitivamente. Só un empate neste final no que pasou de depender de si mesmo a quedar fóra. O Cerceda, pola súa parte, asinou nove puntos de nove posibles metendo man no segundo posto.
A domicilio, o Compos non está a ter moita sorte cometendo erros de cara a porta que evitaron durante a tempada a chegada de máis puntos a Santiago. E se lle sumamos un partido pésimo en San Lázaro e outro segundo tempo para esquecer... Derrota ante un Vilalonga que xogou gran parte do encontro co porteiro mancado en San Lázaro deixando unha moi mala imaxe. A seguinte semana, en Bouzas, nova caída aínda que mellorando o xogo. E a pasada fin de semana, ante o Choco tamén na casa, un empate deixando de novo moito que desexar na segunda metade permitindo aos de Redondela igualar un 2-0 en media hora.
Pola súa parte, o Cerceda de José Luis Lemos está a facer un gran final de tempada, merecendo incluso o ascenso histórico para o cadro cercedense. De feito, o equipo suma as mesmas vitorias consecutivas que o Compos xornadas sen sumar de tres. Logo de dous empates, asinaron tres triunfos ante equipos xa descendidos ou, no caso do Castro, loitando para non facelo. 1-2 en Castro Riberas de Lea, 2-1 no Roxo ante o As Pontes e, na última xornada, 0-3 en Bembibre ante o Dubra.

Baixas importantes.
Yago Iglesias recuperará a David Nogueira para esta cita importante pero perderá a outra peza chave nos seus plans. Cabrejo, que viu o quinto cartón ante o Choco, non poderá estar na que foi a súa casa durante tres anos perdendo así a oportunidade de participar en tódolos partidos da recta final da súa carreira, que rematará en Barbadás.
No capítulo de lesionados, Tomás segue a recuperarse dunha escordadura no nocello que o apartou dos terreos de xogo dende hai varias semanas deixándoo sen sitio case no once inicial nos plans do adestrador branquiazul.

Luns.
O Compos pechará esta xornada 36 o luns, 1 de maio, ás 18 horas. O Roxo acollerá un bo partido entre dous grandes da categoría nun día pouco habitual e ao que ambos chegarán sabendo o que fixeron na xornada os demais rivais da categoría. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros e de balde para menores de 15 anos.
Quen non poida achegarse a Cerceda poderá seguir o partido tanto nas redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Quen ademais queira comentar o partido en redes sociais poderá facelo co cancelo #CercedaCompos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario