A piques de rematar este mes de abril, temos dúas citas máis coa historia recente da Esedé. Tan recente que os dous precedentes que contaremos hoxe datan de 2009 e 2012, en Terceira e en Preferente. Dous partidos importantes e con algo máis importante fóra do campo.
29 de abril de 2009.
Comezamos en Vigo, no treito final da tempada 2008/09, cunha derrota que poñía fin a 15 meses sen perder a domicilio. Un partido sen nada en xogo para os nosos, xa clasificados para a promoción de ascenso e co primeiro posto da táboa asegurado. Ademais, era a segunda derrota da Esedé dende xaneiro, cando caían ante o Lalín en San Lázaro.
En O Vao, ante o Coruxo, o equipo branquiazul saiu cun once formado por Pablo, Toño, Cholo, Pato, Ángelo, Vladimir, Munín, Tomás, Alex Blanco, Kinho e Rubén Márquez, aos que engadir a Rego, Centrón e Petter, e ante 150 seareiros chegou un triunfo sen moita importancia tampouco para os locais cun gol na segunda metade de Nico logo de varias ocasións perdoadas polos nosos.
29 de abril de 2012.
Cun ambiente digno de grandes citas, a Tribuna de San Lázaro encheuse no que foi o primeiro partido da Curva Branquiazul como peña da Esedé. Un partido ante o Xove Lago que pasará á historia do equipo por ser onde se certificou outro ascenso á Terceira división. Bo encontro dos nosos que, con tres goles, confirmou ese primeiro posto con catro xornadas aínda por diante.
Con Diego Penas; Paco, Castiñeiras, Bautista, Damián; Kolman, Imanol, Jacobo Tato; Roberto Piñeiro, José Ramón Garabal e Maikel, aos que engadir as entradas de Rego, Louro, Pablo e Alex Blanco, o conxunto branquiazul anotou o primeiro nos instantes iniciais por obra de José Ramón Garabal. O segundo, tamén na primeira metade, foi de Bautista mentres que Kolman pechou a goleada e o ascenso na segunda.
Aínda que non hai resumo do partido, si hai un vídeo do ambiente vivido. Pódelo ver aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario