28 de abril


Nova entrega de 'Eran outros tempos' onde recordaremos catro partidos do noso Compos dende os anos 90 ata agora. Como curiosidade, catro partidos en catro categorías diferentes dende Primeira ata Terceira e nos que só houbo unha vitoria, ante un rival que estará de novo no camiño branquiazul nas próximas semanas.

28 de abril de 1991.
Un bo Compos, que asinaría esa tempada o seu primeiro ascenso á Segunda división empataba sen goles un día coma hoxe ante o Real Ávila en Santa Isabel. Un resultado que axudaba aos nosos a achegarse ao obxectivo marcado e que axudou aos casteláns a asinar un ano máis na categoría de bronce.

28 de abril de 1996.
Xa en Primeira división, na mellor tempada da historia branquiazul cun subcampionato de inverno incluido, o equipo caía na segunda volta ante o Racing de Santander en El Sardinero. Resultado que non serviu para moito aos cántabros, que conseguían pechar así un ano máis en Primeira ante un Compos que rematou a 13 puntos de postos europeos logo de 42 xornadas.
En El Sardinero, a Esedé saiu con Falagán, Mauro, Toño Castro, Bellido, Villena, Nacho, Eraña, Llorente, José Ramón, Passi e Arensoe, aos que sumar a Festus, Dulce e Abadía entrando dende o banco durante o segundo tempo. Un partido onde o único gol chegou das botas de Faizulin na primeira metade e no que hai que destacar os sete cartóns amarelos para xogadores galegos.

28 de abril de 2001.
Volta á Segunda división. Visitaba San Lázaro o Club Deportivo Leganés nunha campaña na que os dous equipos buscaron evitar o descenso de categoría, que perdería a Esedé na penúltima xornada. Partido con goles, igualdade e ata once cartóns amarelos entre os dous bandos onde o Compos asinou un punto no treito final do encontro.
O noso equipo saiu da partida con Rafa Gómez, Bellido, Jubera, José Carlos, Biscay, Adriano, Pignol, Nando, Jacobo Campos, Fabiano e Juanito, entrando no segundo tempo Díaz, Cabarcos e Ohen. Os goles chegaron superada a media hora de xogo para os visitantes obra dun histórico do Osasuna como é Patxi Puñal, cedido ao conxunto madrileño, e o empate, de Ohen, a dez minutos para o final.

28 de abril de 2013.
E chegamos ao último do día. Hai catro anos visitabamos Os Carrís, campo onde pecharemos esta tempada, e asinabamos a única vitoria tal día coma hoxe. Un partido con pouco fútbol pero no que o equipo de Fredi achegaba aínda máis a promoción a Santiago, na que se ascendía de novo a Segunda B.
Un once formado por ata seis defensas: Adrián; Rendo, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Facal, Germán, Manu Rodríguez, Yahvé; Marcos Suárez e Joselu, non foi a mellor idea do adestrador de Moaña para asinar os tres puntos en Barbadás. O partido mellorou na segunda metade, coas entradas de Franqueira, Bautista e Peláez, sendo Marcos Suárez o encargado de facer o único gol aproveitando un rexeite logo dun disparo de Franqueira ao longueiro. O final, con máis problemas dos agardados coa expulsión de Manu Rodríguez no minuto 75.
O resumo do partido, aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario