Así non se pode

O Compos perdeu a mellor oportunidade para manterse na pelexa pola cuarta posición da táboa. Un partido, tres puntos, que parecían estar no peto ao final do primeiro tempo e que se perdeu nunha segunda parte horrible, para esquecer, deixándose empatar. Un resultado que, agás sorpresa, deixa ao noso equipo fóra da loita pola promoción con tres xornadas por diante, algo que depende dos resultados de mañá. 
Os goles de Santi e Diego Rey, o segundo que será o gol da xornada, non foron suficientes para facerse cunha vitoria que podería aumentar as opcións do equipo de cara á promoción, que mañá podería afastarse aínda máis das opcións branquiazuis. Na segunda metade, onde o equipo baixou os brazos, dous goles de Rober serviron para que os de Redondela volvan a casa cun bo premio que os achega á permanencia. 

Gran comezo. 
Logo de dúas derrotas consecutivas, era o momento de dar un paso adiante e asinar unha nova vitoria coa que manterse no alto da táboa e con opcións con aínda nove puntos máis por xogar. O equipo saiu ao terreo de xogo con intensidade pechando ao Choco no seu campo e, sen correr riscos, buscando incluso a portería defendida por Cortegoso. 
A pelota rondou a porta rival durante os primeiros minutos aínda que sen poñer en problemas ao gardamallas nos dez primeiros minutos agás en dúas ocasións de Rubén que foron sequera entre os tres paus. Foron, por outra parte, dous avisos importantes cos que deixaban boas sensacións sobre o campo de San Lázaro, cun ambiente positivo ante este arrinque. 
O primeiro gol non tardou nin quince minutos en chegar, por obra de Santi. O dianteiro asturiano, de novo titular ante a baixa de Nogueira, abriu o marcador cun golazo. Uña, que fixo un gran partido en ataque, puxo en pase en profundidade para que o dianteiro compostelanista só tivera que definir de primeiras coa perna esquerda ante a saída de Cortegoso. 

Oportunidades para sentenzar.
Media hora por diante e oportunidades suficientes para encarrilar unha vitoria máis na casa. Non obstante, baixo os paus da portería do Choco estivo un bo Cortegoso evitando cada ocasión dos nosos evitando a chegada de máis goles. A iso hai que engadir o posible penalti non sinalado sobre David Uña nunha das súas chegadas ofensivas, nas que a piques estivo de facer un gol. 
O segundo gol chegou a menos de dez minutos para o final do primeiro tempo. Un golazo difícil de esquecer de Diego Rey. Mon pon un balón á área, rexeita un defensa a pelota e cáelle a Diego Rey. O centrocampista contrólaa e métea de volea pola escadra dende lonxe. A confirmación da melloría do equipo e gran posibilidade de facerse con tres puntos vitais. 

Onde quedou o equipo?
Da segunda metade pouco se pode contar, ou polo menos case nada positivo. Só cinco minutos fixeron falta para a chegada do primeiro gol visitante. E se a iso lle engadimos que antes tivo que retirarse Cabrejo con molestias, que ademais non poderá estar en Cerceda por acumulación de cartóns, queda como resultado algo malo pero aínda con posibilidades de correxir. 
Os minutos seguintes foron unha baixada de intensidade do partido en gran parte pola actuación arbitral, castigando cada entrada con falta interrompendo o encontro cada pouco tempo. Ademais, hai que engadir os oito cartóns amosados nos noventa minutos, cinco deles para xogadores do Compos. E como resultado, segundo gol do Choco a menos de quince minutos para o final. Un golpe merecido logo do mal segundo tempo realizado.

E comezaron as presas. 
Trece minutos máis o engadido foi o tempo que tivo o Compos para intentar arranxar o gran problema onde se meteu pero, ante un Choco que se estaba a facer cun punto de ouro, non houbo esa posibilidade real. Empate merecido e aumentado cos problemas físicos de Cabrejo e Ube, que non puideron rematar o encontro. Aínda así, Santi tivo dúas oportunidades para manter os tres puntos en San Lázaro que non foi quen de materializar.

Agora, o equipo debe agardar que os resultados de mañá acompañen e gañar os tres partidos que restan ata o final. Aínda así, cabe destacar que o obxectivo, segundo o clube, non era outro que acadar a permanencia.

ALIÑACIÓN: Lucas; Uña, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo (Make, min. 47); Ube (Martín, min. 66), Mon; Diego Rey, Rubén (Saro, min. 59), Recoba; e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Cabrejo, Taboada, Uña, Recoba e Cardeñosa.
GOLES: 1-0 14' Santi, 2-0 37' Diego Rey, 2-1 50' Rober, 2-2 77' Rober.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario