23 de abril


Hoxe, domingo 23 de abril de 2017, chegan catro datos máis sobre este día en anos pasados. Porque 'Eran tempos mellores', hoxe hai que falar de dous partidos do noso equipo en Segunda, un en Primeira e outro, para esquecer, na Segunda B e que confirmaba o descenso branquiazul a pasada tempada á Terceira división ante o Coruxo.

23 de abril de 1994.
Unha das tempadas máis importantes na historia do Compos e que nunca se poderá esquecer foi a 93/94 onde o noso equipo conseguiu un ascenso histórico en Oviedo á Primeira división. Dous meses antes houbo que superar a un grande da Segunda división, ao filial do Barcelona no que militaban xogadores coma Jordi Cruyff, fillo de Johan Cruyff, e Jon Bakero, irmán do ex xogador do primeiro equipo culé José Mari Bakero.
Un Compos formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Modesto II, Nacho, Bodelón, Abadía, Fabiano, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir a José e Skocic, que entraron na segunda metade, conseguiu un bo empate en San Lázaro contra un dos mellores filiais españois de tódolos tempos. Reparto de puntos que chegou logo de que o Barça B se puxera cun 0-2 antes da hora de partido con goles de Bakero e Quique Martín. Por sorte, Bodelón e o 'Muro de San Lázaro' Bellido igualaron o encontro facendo o 2-2 definitivo a seis minutos para o final.

23 de abril de 1995.
Un ano despois, xa en Primeira división, o Compos caía en San Mamés ante o Athletic Club pola mínima. Primeiro curso do noso equipo na máxima categoría e bo partido poñendo en problemas a un histórico na súa casa, onde nunca se chegou a gañar conseguindo dous empates en catro partidos.
Diante, xogadores coma Karanka, Oskar Vales, Garitano, Julen Guerrero, Urrutia, Valverde, Ziganda ou Goikoetxea. Entre os nosos, Iru, Bellido, Tocornal, Galdames, Villena, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Llorente, Passi e Ohen. Bo equipo o noso que obrigou ao Athletic a traballar moito para gañar pola mínima, cun gol de Valverde, a un recén ascendido que pecharía a súa estrea na categoría na 16ª posición.

23 de abril de 2000.
Volta á Segunda división e primeira vitoria que contar. Recibíamos en San Lázaro ao Getafe nun encontro que se decidiu nos minutos finais. Un partido con ata cinco goles na que era a terceira tempada da historia do clube madrileño na categoría de prata, onde estaría dous anos, descendería de novo un curso para volver a Segunda e, dous anos máis tarde, acadar un ascenso histórico á Primeira división na que participaron durante doce anos chegando a dúas finais de Copa e xogando en dúas ocasións competicións europeas.
O once local formado por Rafa, Mauro, Bellido, Saula, Adriano, André Luiz, Fabiano, Díaz, Lekumberri, Sion e Changui, aos que sumar aos reforzos na segunda metade de Gudelj, Villena e Rubén Estévez, comezou perdendo aos 17 minutos cun gol de Kaiku ao que rápido respondeu Mauro co empate e Saula cun segundo gol antes do descanso. Na segunda metade repetiría Kaiku para facer o 2-2 e Changui, no 88, fixo o 3-2 definitivo.

23 de abril de 2016.
E despois do mellor resultado un día coma hoxe, hai que falar dun dos peores resultados nos últimos anos. A pasada tempada, en Segunda B, o noso equipo certificou o descenso a Terceira en San Lázaro ante o Coruxo. Derrota dolorosa ante o equipo vigués con dous goles na primeira metade e que confirmaba a caída dos nosos.
Cun bo once formado por Pato; Josu, Portela, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno; Dani Hernández, Jordan, Bicho, Manu Rodríguez; e Guillem Martí, aos que engadir a Varela, Goti e Fondevila durante a segunda metade, o partido comezou mal cun gol de Cifuentes aos dous minutos. Sergio Sánchez empataría mediada a primeira parte pero Rafa Mella, segundos máis tarde, faría o segundo e definitivo gol vigués para matar a unha Esedé que loita por volver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario