Ata aquí chegou. As opcións de entrar na promoción de ascenso desapareceron logo do empate en San Lázaro ante o Choco ao que aumentar a vitoria do Bergantiños ante o Rápido de Bouzas deixando o cuarto puesto a sete puntos, con nove en xogo e a sete días de visitar a un Cerceda a piques de confirmar a súa presenza na promoción de xeito matemático. Algo que si conseguiu o Deportivo B, que pode asegurar case o primeiro posto a vindeira xornada, e que tamén pode facer o equipo vigués, con sete puntos sobre o quinto e o sexto.
O pésimo segundo tempo ante o Choco rematou con calquera oportunidade do equipo, que loitará a vindeira tempada por volver á Segunda B. A tres xornadas para o final, o soño remata definitivamente logo de tres partidos sen coñecer a vitoria malia facer méritos para saír con algo positivo tanto ante o equipo redondelán coma en Vigo.
Cara e cruz.
O Compos amosou dúas caras moi diferentes este sábado. Durante a primeira metade fíxose coa posesión da pelota e todo saiu case á perfección. Bo fútbol, ocasións de perigo e, o máis importante, dous goles que fixeron pensar que os tres puntos quedarían na casa. Pero, contra todo pronóstico, o equipo non se presentou a un segundo tempo onde o Choco foi quen de igualar o resultado a case quince minutos para o final, con tempo para que un dos equipos puidera facer un terceiro e facerse con tres puntos moi importantes para ambos.
Agora, a Esedé terá tres partidos por diante para despedirse con boas sensacións da tempada mentres que o Choco pelexará ata o final por conseguir a permanencia na que está a ser a campaña máis difícil do equipo nesta nota etapa na Terceira.
Xa é matemático.
O Deportivo B asinou o punto que necesitaba na súa visita ao Campo do Morrazo. O filial coruñés, que depende de si mesmo para afrontar a promoción como campión de grupo, xa asegurou a súa presenza na fase de ascenso á Segunda B.
Ante o Alondras, a domicilio, o Fabril non fixo un bo partido, o suficiente para puntuar e volver a casa co seu billete para loitar, un ano máis, por estar na categoría de bronce. Pola súa parte, o equipo de Nacho fixo méritos para sumar os tres puntos quedando ás portas do gol ante un Alex Cobo que está a ser unha peza moi importante nas filas do conxunto branquiazul.
A tres xornadas para o final, o Depor B ten que asinar catro puntos de nove para ser campión matemático. O Alondras terá que buscar afastarse do Ribadumia e agardar que o Boiro non descenda tamén facendo caer ata un sexto equipo á Preferente.
Seguen facendo méritos.
Partían como favoritos para facerse cun dos catro postos que dan opción a loitar polo ascenso e nesta segunda metade están a confirmar o seu gran nivel. O Bergantiños, que non perde dende decembro, segue a facer das súas na Terceira división buscando un ascenso histórico trinta anos despois do primeiro. A súa última vítima ata o de agora non foi outro que o Rápido de Bouzas, que perdeu unha oportunidade moi importante de achegarse ao primeiro posto.
Un encontro que podería ser positivo para os intereses do Compos de gañar o equipo vigués pero que se decantou do lado local grazas a un gol de Rodrigo Alonso no 74. Un gran resultado para os de Carballo, que poñen terra de por medio con respecto a Arousa e Vilalbés, que terán que loitar aínda máis se queren o premio final.
Igualdade total.
Racing Vilalbés e Arousa. Un dos dous podería facerse con moitas opcións de rematar no máis alto. Gran partido nas alturas que rematou con igualdade en todo. Un empate sen goles que non axuda a ningún dos dous equipos contento malia intentalo ata o final.
Quinto e sexto citáronse en A Magdalena para demostrar cal dos dous equipos podería ter máis opcións para arrebatarlle o cuarto posto ao Bergantiños. Pero ningún foi quen de ver portería nun enfrontamento onde o Arousa saiu peor parado coa expulsión de Fran Matos na segunda metade, baixa para o seguinte partido do conxunto arlequinado, no que visitarán ao Órdenes.
A dous puntos.
O Cerceda está a só dous puntos de confirmar a súa presenza na promoción de xeito matemático. O seguinte rival do Compos non tivo moitos problemas para desfacerse do Dubra en Bembibre con tres goles na segunda metade e empatar así a puntos co segundo clasificado, o Rápido de Bouzas.
Marcos Caridad, Alex Ares e Otero asinaron os tres goles para un Cerceda que depende de si mesmo para rematar o campionato no segundo tempo e, con algo de sorte, poderían asaltar incluso a primeira posición antes do final de campaña.
Primeira de tres.
Estamos a tres partidos para o final. Tres xornadas nas que o Compos non se xoga practicamente nada pero na que tres equipos buscarán facerse cun posto na promoción de xeito matemático, xa que dous deles teñen os seus billetes virtualmente comprados. Seis partidos con algo en xogo entre os que destacan o Cerceda-Compos e o Depor B-Castro.
Comecemos cun partido con menos en xogo do que nos gustaría. O Cerceda recibirá ao Compos nun partido onde só os locais pelexarán por algo importante. Buscarán facerse cos tres puntos para buscar a segunda praza e, con algo de sorte, achegarse ao primeiro posto. Ademais, de gañar asegurarían xa a promoción. O Compos, pola súa parte, só ten por diante asinar un final de tempada con boas sensacións.
En Abegondo estará en xogo o primeiro posto, que case podería quedar asegurado, e a permanencia case imposible para un Castro que suma xa catro xornadas sen coñecer a vitoria. Partido importante para ambos conxuntos onde, de non gañar, os lugueses poderían confirmar o descenso de categoría.
A loita polo segundo posto pasa tamén polo Baltasar Pujales. Logo da derrota ante o Bergantiños, o Rápido de Bouzas recibirá a un Silva sen nada en xogo, salvado matematicamente. Partido interesante, sobre todo para os intereses do Cerceda, no que o Silva buscará o seu quinto partido consecutivo sen perder.
E comecemos xa coa loita real polo cuarto posto. O Bergantiños visitará ao Choco buscando aumentar a súa xeira de resultados, que se achega ao ano sen perder. Pola súa parte, dous equipos necesitados, Céltiga e Racing Vilalbés, buscarán os tres puntos no Salvador Otero. E por último, mellor pódeo ter o Arousa en Vista Alegre ante o Órdenes, un partido ante un rival xa descendido e que non se xogará nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario