Agora que o Compos actual non ten nada polo que loitar, podemos lembrar con máis calma o que fixo o noso equipo no pasado. E ata en tres ocasións xogou o equipo un 25 de abril na historia recente do clube, dúas delas en Segunda B e outra en Terceira división. Tres partidos entre 2004 e 2010 que non debemos esquecer.
25 de abril de 2004.
Comezamos na tempada 2003/04 cunha goleada branquiazul en San Lázaro ante o Tomelloso, equipo de Ciudad Real desaparecido en 2014 logo de dúas tempadas en Preferente e de tocar teito en oito ocasións xogando na Segunda B. Foi na penúltima tempada do equipo manchego cando visitaron por San Lázaro por última vez para colleitar unha derrota que aínda así non serviría aos nosos para salvar a categoría.
Cun once formado por Carlos, Rafa Moreno, Jesús Torres, Castiñeiras, David Rey, Fran Caínzos, Rodri, Fidalgo, Seoane, Anxo e Curiel, aos que sumar a Gelo, Lara e Adrián Nieto, o noso equipo adiantábase aos oito minutos cun gol de Fidalgo. Xa na segunda metade faría Anxo o segundo, Lope recortaría diferenzas un minuto despois e finalmente pecharían a goleada Rodri e Curiel.
25 de abril de 2009.
Volta á Terceira división. Hai oito anos, o Compos recibía en San Lázaro ao Rápido de Bouzas, o equipo que rematou con gran parte das opcións do equipo esta tempada. Naquela ocasión, o resultado foi moito máis positivo para os nosos cun significado moi positivo: o equipo asinaba o campionato de Terceira matematicamente a catro xornadas para o final da tempada.
Con Pablo, Angelo, Catú, Cholo, Jimmy; Rego, Mariño, Claudio, Centrón, Petter; e Rubén, Vladimir, Munín e Peque, o Compos conseguiu os tres puntos grazas a un gol de Rubén logo dun erro defensivo dun equipo que non foi capaz de poñer en problemas ao mellor equipo da categoría.
25 de abril de 2010.
E de novo na Segunda B, hai sete anos chegaba a única derrota un día coma hoxe. Moi mal partido dos nosos, deixando unha imaxe pobre, onde o Bilbao Athletic aproveitou dous erros importantes da nosa defensa para sumar os tres puntos nunha tempada desastrosa do noso equipo, que non tivo ningunha opción para manter a categoría.
O once formado por Alberto, Faneca, Angelo, Jimmy, Catú, Toño, Rego, Gonzalo, Tiko Messina, Claudio e Iván, aos que sumar a Manuel Alcalde, Juan Caneda e Sergio Cueto, non puido sumar ningún punto ante o filial do Athletic de Bilbao. Dous goles de Arkaitz e Íñigo Pérez aos que engadir ata seis cartóns amarelos vistos polos nosos e un vermello, a Gonzalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario