5 anos co Compos

O 26 de abril de 2012, logo de varios días pensando, un pequeno grupo de amigos decidimos fundar unha nova peña para animar dun xeito diferente á SD Compostela: a Curva Branquiazul. 5 anos dende aquel día nos que puidemos ver máis de 100 partidos en tres categorías diferentes contando dous ascensos e un descenso. Moitos goles e moitas vitorias dun equipo que a día de hoxe ocupa tranquilo unha praza na Terceira división logo de tres tempadas na Segunda B.
Pasamos por unha época dourada da man de Joselu. Tivemos a gloria do ascenso a Segunda división case nas mans. Dous ascensos esperanzadores dende Preferente ata Segunda B. A volta á Copa do Rei. Vitorias importantes tanto en San Lázaro como a domicilio. As retiradas de Marcos Rodríguez, Castiñeiras e Julián así como a volta de Cabrejo ao noso equipo para pechar a súa carreira profesional onde comezo hai vinte anos. Grandes momentos que sempre se quedarán nas nosas mentes.

Moitos xogadores.
Moitos xogadores pasaron polas filas do equipo durante estes cinco anos. Pezas importantes para o Compos coma Joselu, Peláez, Yahvé, Alcañiz ou Pato, outros que se gañaron un sitio na historia do clube como son Manu Rodríguez, Catú ou Jimmy e outros que non deixaron tan bo recordo, entre os que se pode citar sen dúbida a Gerard Oliva.
Cinco anos deron para moito e para coñecer a moitos xogadores e despedir a outros que colgaron as súas botas no equipo da capital. Manuel Castiñeiras, Marcos Rodríguez e Julián remataron as súas carreiras en San Lázaro e, en poucas semanas, fará o propio outro dos importantes como é Cabrejo. Tamén hai que engadir a futuras promesas do fútbol como poden ser Mon, Ander, Lucas ou Chiño así como o salto de Lemos logo de pasar pola Esedé asinando a seguinte temporada polo Lugo e un ano despois polo Celta en Primeira división.

Moitas saídas.
Co Compos, percorremos moitos kilómetros. Ferrol, Cerceda, Ordes, Pontevedra, Ourense, Zamora, Xixón, Valladolid, Astorga, Abegondo, a Illa de Arousa, Castro Riberas de Lea, Bembibre, A Coruña, Vilagarcía, Negreira, A Estrada, Pontevea, Riveira... Son moitos campos onde puidemos gozar do xogo do noso equipo aos que sumar, como non, San Lázaro e Santa Isabel. Moitos partidos e moitas vitorias importantes coma a conseguida a pasada tempada en A Malata ou hai dous anos en Zamora.
Partidos oficiais e pretempada quedando coas gañas de poder ver de novo ao equipo na Copa do Rei. Unha promoción de ascenso vivida con ilusión e emoción ante Ebro, San Juan e Cieza vendo o partido definitivo na Sala Capitol.

E moitos goles.
Exactamente 262 goles celebrados dende aquel primeiro gol de José Ramón Garabal ante o Xove Lago, no partido onde o equipo asinou o ascenso á Terceira división o 29 de abril de 2012, ata o golazo de Diego Rey o pasado sábado ante o Choco en San Lázaro. Un gran número de goles nos que hai un gran protagonista que anotou 62 deles: Joselu Gómez Pérez.
O dianteiro de Palmeira, nos guste ou non, é un dos máximos goleadores da historia do noso equipo e cun acerto case insuperable. Un dos homes que entrou de cheo nos corazóns e na historia do clube con máis de 60 tantos en dúas tempadas sendo unha peza chave tanto no ascenso á Segunda B coma na permanencia a seguinte tempada, ámbalas dúas da man de Fredi.

A por outros 5.
Isto non fixo máis que empezar. Cada día seguimos ao Compos con máis ilusión e cremos que o mellor aínda está por chegar. Así que só nos queda dar as grazas a todos e pensar xa no partido contra o Cerceda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario