Chegamos a un día no que o Compos xogou ata 6 partidos na súa historia recente. Un día importante, sobre todo, para a Curva xa que, un día coma hoxe, naceu a nosa peña. No tema deportivo, seis precedentes en tal día coma hoxe entre a Primeira división e a Segunda B. Eibar, Valencia, Mallorca B, Universidad de Oviedo, Noja e Somozas, xa na historia do noso equipo entre 1992 e 2015.
26 de abril de 1992.
Comezamos na Segunda división, en 1992, cunha vitoria branquiazul en San Lázaro ante o Eibar, equipo que se cruzou no camiño da Esedé ata en dez tempadas. Tres puntos que quedaron na casa grazas a un triunfo pola mínima cun gol antes dos vinte minutos.
Con Docobo, Víctor, Tono, Cayetano, Cea, Bellido, Cortés, Núñez, Toni, Juanito e Moure, aos que engadir a Ohen e Ochoa, o equipo branquiazul, que xogou máis de media hora cun home menos, asinou os tres puntos grazas a un gol de Juanito antes dos vinte minutos de partido.
26 de abril de 1998.
Segunda vitoria que, nesta ocasión, chama máis a atención tendo en conta cal é o rival. O Compos pechou a súa andanza pola Primeira división con tres puntos de ouro, que non serviron para evitar o descenso, ante o Valencia en San Lázaro con goleada incluida.
Con Rafa Gómez, Mauro, Villena, Bellido, Viedma, Chiba, Fabiano, Passi, Llorente, Sion e Penev, ademais de Pignol, Agirretxu e Popov, o Compos superou a un equipo con grandes figuras coma Mendieta, Djukic ou Farinós e adestrados por Ranieri. Chiba abría a vitoria cun gol aos catro minutos e Bellido ampliaría as diferenzas que recortou Mendieta dende os once metros pouco despois. E antes do descanso faría Penev o terceiro tamén de penalti.
O resumo, aquí.
26 de abril de 1999.
De novo na Segunda división, logo de catro anos en Primeira, visitabamos ao filial do Real Mallorca en Segunda división. Un partido que rematou en empate logo de chegarse ao minuto 85 con vitoria branquiazul.
O once formado por Carlos, Mauro, Toño Castro, Bellido, Viedma, Cabrejo, Roberto, Chiba, Fabiano, Lekumberri e Mauricio, polos que entraron Agirretxu, Popov e Prieto, comezaría gañando cun gol de Mauricio á media hora de encontro. Non obstante, o Mallorca B empataría no Son Bibiloni a catro minutos para o final cun gol de Ivo. Un equipo, o filial balear, onde hai que destacar a dúas pezas importantes na historia do Deportivo como son Albert Luque e Diego Tristán.
26 de abril de 2002.
Imos de novo cunha vitoria, nesta ocasión na Segunda B. No campo Universitario de Oviedo, o Compos superou ao Universidad de Oviedo grazas a dous goles nun partido que serviu aos nosos para achegarse aos postos altos da clasificación nunha tempada que rematou con ascenso a Segunda.
Con Oliver, Pinillos, Corredoira, Biscay, Chema, Adriano, Manu, Pignol, Arquero, Juanito e Maikel no once titular e Bossa, Cabarcos e Rodri entrando dende o banco, o Compos gañou grazas aos goles de Arquero aos vinte minutos e Maikel ao arrinque da segunda parte.
26 de abril de 2012.
Tal día coma hoxe pero hai cinco anos, nacía a Curva Branquiazul. A peña da Esedé naceu un xoves en Santiago formada por xente da capital e dos arredores e que, pouco a pouco, foi medrando e mellorando co tempo percorrendo as catro provincias galegas e boa parte de Castela e León chegando tamén a terras asturianas. Moitos recordos e celebracións que non son máis que unha pequena parte do que, esperamos, sexa o noso futuro.
26 de abril de 2014.
Chegamos á primeira derrota. Volta á Segunda B da man de Fredi e compañía e visita ao Noja nunha tempada onde o equipo branquiazul non foi quen de gañar a domicilio e aínda así asinou a permanencia. En Cantabria, derrota importante contra o pechacancelas, que perdeu a categoría ese curso.
O once formado por Lorenzo; Borja Facal, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez; Jordan, Peláez, Diego Rey; e Joselu, aos que engadir a Nacho, Julen e Jacobo, non puido puntuar ante o pechacancelas nun partido ao que se chegaba xa coa permanencia pechada. Dous goles de Ricky serviron para deixar os tres puntos en La Caseta nun partido que rematou cun gol de Joselu.
O resumo do encontro, aquí.
26 de abril de 2015.
E rematamos cun empate que evitou que o Compos puidera loitar ata o final de tempada por entrar na promoción de ascenso á Segunda división hai dous anos. Segundo empate do equipo de Iñaki Alonso no final da tempada nun derbi que puido caer para calquera lado.
Ramón; Josu, Alcañiz, Portela, Jimmy; Manu Rodríguez, Marcos Rodríguez; Iván Pérez, Fondevila; Mensha e Yacine no once titular e Lemos, Jordan e Quim como reforzos dende o banco na segunda metade, non foron capaces de anotar ante un Marc Martínez que chegaba ao partido con máis de 400 minutos sen encaixar ningún gol. Un partido que se puido decantar para calquera bando e que rematou cun empate sen goles no Manuel Candocia que non deixou a ninguén contento.
O resumo do encontro, aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario