O Compos non sabe o que é perder un 21 de abril. Entre a Primeira, a Segunda B e a Terceira división, o noso equipo suma catro partidos nun día coma hoxe entre 1991 e 2013. Tres vitorias e un empate son uns datos inmellorables para o equipo da capital, que xogaron tres dos catro encontros en San Lázaro.
21 de abril de 1991.
Arrincamos na Segunda B de 1990/91. Cidade deportiva do Atlético de Madrid. Última tempada do equipo antes do primeiro ascenso a Segunda división. E na xornada 34 houbo que visitar ao filial do equipo madrileño para a que sería a derradeira vitoria do noso equipo na categoría de bronce, rematando con tres empates e unha derrota sen importancia no Estadio das Margaritas de Xetafe.
Ante o filial do Atlético de Madrid, dous goles foron suficientes para dar os tres puntos á Esedé e manterse a catro puntos doutro filial madrileño, o Real Madrid Castilla, que posteriormente sería campión do grupo por diante de Lugo e Compos.
21 de abril de 1996.
Xa na Primeira división, o Compos recibía á Real Sociedad un 20 de abril. Na xornada 37, nunha das tempadas na máxima categoría con 22 equipos, sumáronse tres puntos que non serviron para manter o oitavo posto, en favor do Deportivo, pero si para igualar a puntos a un Real Madrid que cinco xornadas despois remataría sexto con once puntos máis ca nós.
Con Falagán, Mauro, Dulce, Villena, Nacho, José Ramón, Lekumberri, Eraña, Fabiano, Passi e Christensen no once titular e Llorente, Toño e Festus entrando dende o banco de suplentes, o equipo de Fernando Vázquez puido co equipo donostiarra grazas aos goles de Lekumberri aos dez minutos e Toño a quince minutos para o final pechando o triunfo branquiazul na casa contra un histórico do fútbol español.
21 de abril de 2002.
Outro filial e de novo en San Lázaro. Hai quince anos recibíamos en San Lázaro ao Real Oviedo B na Segunda B onde Cabarcos anotaría o seu segundo gol da tempada. Partido nada doado para a Esedé con tres puntos moi importantes para axudar no camiño a outro ascenso á Segunda división, ao que se chegou logo dunha dura promoción de ascenso.
Con Oliver, Pinillos, Corredoira, Manu, Chema, Adriano, Pignol, Rodri, Aguado, Juanito e Maikel no once, foi un xogador que entrou dende o banco de suplentes, Cabarcos, quen anotaría o gol da vitoria a dez minutos para o final do partido. Tamén tiveron minutos Arquero e Bossa, xogador que deixou o As Pontes o pasado verán logo de sete anos.
21 de abril de 2013.
E pechamos o día co único empate asinado un 21 de abril. Contra un Celta B que acompañaría aos nosos no camiño á Segunda B, onde aínda loita por acadar un ascenso histórico, o resultado non foi tan positivo coma en anos anteriores. Un partido onde se escaparon dous puntos ante dez perdendo unha gran oportunidade de facerse co terceiro posto da táboa, que se conseguiría antes do final da tempada.
Con Adrían Laureda; Borja Facal, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Manu Rodríguez, Jordan, Yahvé, Diego Peláez; e Joselu, aos que sumar a Marcos Suárez, Martín e Nogueira, estes dous de novo nas filas do equipo, o primeiro gol chegou da man de Joselu dende os once metros transformando un penalti feito sobre el mesmo mentres que Santi Mina, actual xogador do Valencia en Primeira, faría o empate na segunda metade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario