Tres puntos obrigatorios

O Barco e o Compos terán este domingo unha das citas máis importantes da tempada para o conxunto branquiazul. Un partido en forma de final, segunda para os nosos, para ambos conxuntos con obxectivos moi diferentes en xogo. De feito, chegamos ao terceiro cuarto do campionato con máis opcións que nunca ante a baixada de nivel, ou polo menos iso é o que indican os seus resultados, dalgúns equipos que agora mesmo están entre os catro primeiros abrindo as posibilidades para os que chegan por abaixo.
Promoción e permanencia en xogo. Noventa minutos en Calabagueiros moi importantes onde unha derrota podería pechar as portas da Segunda B aos nosos a sete días de recibir en San Lázaro ao cuarto clasificado. Por contra, o Barco, aínda ocupando a novena posición da táboa, está a só tres puntos do descenso na outra loita que será dura ata o final con ata nove equipos inmersos.

Fortes na casa.
O Barco, noveno na táboa, suma xa 40 puntos, cinco menos que o seguinte clasificado e os mesmos que Ribadumia e Barbadás. Un equipo que, polo que indica unha clasificación enganosa, podería estar xa case salvado ou polo menos non debería ter moitos problemas para non caer ao posto que agora mesmo ocupa o Céltiga.
Un motivo importante polo que son novenos é o seu bo facer na casa neste 2017. Calabagueiros convertiuse dende decembro nun campo do que só puideron saír dous puntos dos últimos dezaoito en xogo. Dous empates ante Choco e Ribadumia aos que engadir os tres goles encaixados nese tempo e os oito anotados.
Os bos números en O Barco de Valdeorras por contra, non chegan dende o comezo desta campaña, na que parece que non poderá repetir o sexto posto do ano pasado. Cinco derrotas, tres delas ante rivais da zona alta da clasificación, e dous empates, ambos na segunda volta, acompañan ás oito vitorias do equipo en Calabagueiros. Un equipo que nas cinco primeiras xornadas na casa desta segunda volta superou os feitos na primeira volta ante a súa afección.
En canto a goles, o Barco suma ata o de agora 41 goles a favor e 43 en contra. Deses 84 goles entre anotados e recibidos, 22 foron obra dos locais mentres que 14, dos visitantes. Hai que engadir tamén que ante o Castro na xornada 8 conseguiron a maior goleada do curso gañando por un contundente 7-1 e que, de momento, non perderon ningún partido por máis de dous goles de diferenza.
A nivel individual hai bos xogadores que chaman a atención no equipo ourensán. Contan nas súas filas con homes do nivel de Iago Beceiro, Ivi Vales ou Javi Ballesteros, máximo goleador do equipo con 10 goles, entre outros. En definitiva, cun equipo feito para conseguir estar entre os catro primeiros, algo ao que xa non poden chegar.

Cero puntos.
O Compos visitou O Barco de Valdeorras para enfrontarse ao equipo local ata en catro ocasións para volver sen puntos en cada unha delas. Catro partidos e catro derrotas ás que engadir unha máis, a da primeira volta en San Lázaro. Ademais, en 360 minutos só se puido ver un gol branquiazul na visita no 88.
Catro visitas a Calabagueiros onde non só os locais sumaron un pleno de vitorias senón que ademais puideron facelo anotando sete goles e recibindo só un. A última, hai case 27 anos, rematou con vitoria ourensá con 3-0. 
Menos sorte hai se temos en conta tamén o resultado da primeira volta nesta mesma tempada. Alá polo mes de outubro, o Compos encaixou a súa primeira derrota da tempada en San Lázaro a mans dun Barco que non tardou máis dun minuto en poñerse por diante grazas a un gol de Ivi Vales, que repetiría tamén na segunda metade facendo un 2-0 que, a algo menos de media hora para o final, parecía pechar o encontro. Por sorte, a Esedé reaccionou e con goles de Nogueira e Mitogo se chegou aos dez últimos minutos con empate no marcador. Sen embargo, os problemas en defensa dun equipo buscando a remontada e os tres puntos levaron ao Barco camiño do terceiro tanto, obra de David Álvarez a cinco minutos do final.

Dous partidos, oito goles.
A pasada xornada rematou con vitoria para os dous equipos onde anotaron un total de oito goles nunha fin de semana positiva para ambos. O Compos volveu á senda da vitoria logo de dúas derrotas mentres que o Barco aumentou o seu bo momento sumando os tres puntos na súa visita a Bembibre ante un Dubra a piques de asinar o seu descenso.
Sete días despois de perder gran parte das opcións de chegar á promoción de ascenso, a Esedé superou a un Silva que lonxe de A Grela non dá tanto medo. Cinco goles no mellor partido do noso equipo no que vai de tempada e unha goleada que facía moito tempo que non se vía por San Lázaro en partido oficial. 
Pola súa parte, o Barco deu un paso máis cara unha permanencia ante o Dubra. Nova goleada do equipo ourensán grazas aos goles de David Álvarez, Javi Ballesteros e Iago Beceiro, que estreou a súa conta particular antes de recibir aos nosos.

Segunda final.
Con este, restan nove partidos para o final da tempada. Nove finais onde o Compos ten que demostrar que quere rematar o partido ante o Barbadás entre os catro primeiros clasificados. Para iso terá que superar ao Barco e facelo o mellor posible nos oito restantes.
Sen embargo, a catro puntos do cuarto puesto, o equipo non depende de si mesmo para chegar á promoción. Para iso terá que agardar por caídas dos equipos que o superan na táboa. Esta xornada, os da zona alta xogarán ante equipos na loita pola permanencia, aínda máis cara con nove equipos en tres puntos de diferenza e un xa descendido. 
Ao Barco-Compos hai que engadir o Rápido de Bouzas-Alondras, Cerceda-Ribadumia, Arousa-Dubra, Negreira-Deportivo B, Silva-Bergantiños e Barbadás-Racing Vilalbés. Seis partidos máis onde a Esedé podería sacar resultados positivos.

Tomás e Uña, baixas.
Tomás segue unha semana máis de baixa recuperándose da súa lesión. Ao vigués únese no capítulo de baixas David Uña logo de ver o quinto cartón ante o Silva en San Lázaro. Ademais, Yago manterá unha semana máis a Saro apercibido de sanción, con catro cartóns ata o de agora e suplente a pasada fin de semana para evitar un quinto.

Algo máis tarde.
Domingo ás 17:30 horas en Calabagueiros, O Barco de Valdeorras. Partido correspondente á 30ª xornada de liga nunha tarde marcada polo derbi galego entre o Depor e o Celta en Riazor que comezará unha hora máis tarde que o noso encontro. Quen vaia dende Santiago terá que pasar pola taquilla e facerse cunha entrada a un prezo de 10 euros. 
Quen por contra non poida achegarse ao pobo ourensán poderá seguir o partido a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais poderá comentarse en Twitter co cancelo #BarcoCompos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario